O fútbol modesto en tempos de pandemia

Choco de Rondela Tyde de Tui

A situación que vivimos afecta a todas as persoas, e a todos os eidos da vida converténdoa en algo moi distinto a como a coñeciamos antes de marzo do ano pasado. E o fútbol modesto, unha realidade enormemente popular nas nosas vilas, aldeas e barrios non é alleo ao problema. Na actualidade, só os equipos que teñen a oportunidade de competir en categorías de ámbito estatal poden xogar e adestrar. Aqueles que disputan os seus partidos en ligas autonómicas están totalmente parados. Para coñecer un pouco máis o estado das cousas, falamos con Pavi, presidente doTyde, cuxos equipos non poden nin adestrar nin xogar, e con Iván, presidente do Choco de Redondela, que ten equipos parados, e equipos con actividade pois disputan categorías estatais.

PODE SER QUE DESPOIS DE TODA ESTA SITUACIÓN, A ALGÚNS EQUIPOS NON LLE QUEDE MÁIS REMEDIO QUE DESAPARECER”

Elias Vieiro ( PAVI) Presidente do TYDE F.C

ELIAS VIEIRO ( PAVI) PRESIDENTE DO TYDE F.C

Vós ascendestes a primeira autonómica na temporada 18/ 19, na seguinte, en primeira división , que papel estabades tendo ata a chegada do confinamento?

Pois , ata o parón a verdade é que fixeramos unha primeira volta realmente boa, e chegamos a estar situados nos postos altos.O inicio da segunda volta estaba sendo algo máis floxa

Por que?

Se cadra por que tivemos lesións ,sancións, e pola propia dinámica do fútbol que cando estás ben, as ocasión entran todas, e cando non estás tan ben os balóns teñen o mal costume de bater no pao e non entrar

Cando se suspendeu a competición en que posto estabamos?

Creo lembrar que no posto doce, estabamos tres puntos enriba do descenso. Naquel momento concreto o noso obxectivo deportivo era manter a categoría

Como era o ambiente futboleiro en Tui , ese ano en primeira autonómica?

A verdade é que había un ambiente moi bo. O ascenso a primeira animou moito , e en liñas xerais o afeccionado ao fútbol da nosa cidade estaba moi ilusionado

O 14 de marzo, comeza o confinamento, e párase toda a actividade deportiva. Ata cando?

En setembro comezan a permitir os adestramentos pero sen contacto.E logo tivemos que volver parar a finais de outubro, pois foi cando comezou a segunda onda

E estades sen adestrar desde entón?

Non, puidemos volver a principios de decembro, pero só ata a fin das festas de Nadal, pois cando se disparan nuevamente os contaxios, non quedou máis remedio que volver parar. Ademais ,as instalcións municipais de Tui, están , na actualidade, pechadas por seguridade

Non xogamos nin un só partido desde marzo , claro?

Non, levamos sin xogar desde esa data.

Cal é o estado dos rapaces durante tanto tempo sen poder competir, e case sen adestrar?

En xeral polo que eu falo con eles, pois teñen moitas gañas de que se normalice todo dunha vez e poder practicar deporte de novo con regularidade.Cando comezamos cos adestramentos en setembro tiñamos moita demanda dos menos para poder reincorporarse. Eles son felices aquí, xogando e adestrando.E no caso do club un pouco de temor temos, pois as categorías nacionais si están xogando, entón sempre hai algo de medo de que algún equipo dos que si teñen posibilidade de competir poida levar a algún dos nosos mellores xogadores.

E xa se che deu algún caso?

Si, tivemos que ceder a un par de xogadores , que agora mesmo están xogando en categoría nacional. Desde a perspectiva do xogador, é normal, o que eles queren é competir, e non poder facelo é unha frustración

Economicamente para vós supoño que debe de ser unha situación moi complicada?

Por sorte entrounos a subvención do concello do ano 2.020, e por outro lado temos patrocinadores enormemente xenerosos que non siguen axudando aínda que estea todo parado.E por último a fidelidade dos nosos socios tamén é moi importante.Igualmente procuramos ser moi rigorosos no que se refire aos gastos e non gastar 1 € que non sexa estritamente imprescindible

E os ánimos e a moral teus, e da xunta directiva en xeral como van?

Eu xa levo no fútbol moitos anos, e a verdade nunca vivira unha situación como esta, e como para calquera persoa, e para calquera sector pois é moi complicado claro.Pero eu son un tío moi paciente e lévoo razoablemente ben, coa firme vontade de aguantar

Como está xestionando a federación esta situación?

Eu creo que poderían facelo de maneira manifestamente mellorable. Entendo que para eles tamén é unha situación complexa, pero a súa responsabilidade debe de ser tratar de achegar solución aos problemas e non o contrario.

A supervivencia do Tyde como institución corre perigo?

Non, rotundamente non.

E o fútbol modesto, tal como o coñecemos, corre perigo?

Esa é unha pregunta moi difícil de contestar. Eu creo que o fútbol modesto non corre perigo, pero,agardo equivocarme no que che vou dicir, pero é posible que despois de todo este brutal golpe, algúns equipos se vexan na obriga de desaparecer.

Iván Crespo, Presidente do Choco

Iván é o presidente do Choco e vello amigo da nosa casa.Falamos con el para que nos conte como se fai para xestionar o equipo en tempos tan difíciles como estes

ECONOMICAMENTE COMEZAMOS A NOTAR DIFICULTADES”

Cando en marzo do ano pasado fomos confinados nas nosas casas cal era a situación deportiva do equipo de 3º división?

Naquel momento era unha situación boa, estabamos quintos e a poucos puntos dos postos que dan dereito a disputar a promoción de ascenso.

Son catro os que promocionan, non?

Si, e nós estabamos de quintos e se non me equivoco só a 3 puntos do terceiro.Por outra parte, no fútbol as dinámicas son moi importatentes, e naquel momento a nosa era moi positiva pois estabamos nunha fase claramente ascendente.

O obxectivo deportivo era entón naquel momento, pelexar por vover a disputar a promoción de ascenso a 2º B?

Non, o noso obxectivo deportivo era o de asegurar a categoría

Veña Iván, ti sempre fuches un tío moi conservador, non me digas que a 3 puntos da promoción o obxectivo era manter a categoría porque me resulta asombroso?

Eu creo que non é ser conservador, é ser realista. O noso orzamento é o 16 ou o 17 de todos os equipos que compiten na terceira división, polo tanto , se só fose cuestión de cifras nós teriamos que pelexar por manternos sempre. Agora ben, unha vez asegurada a categoría, que xa estaba case feito, abofé que non renuncio a nada.

Unha vez que comeza o confinamento, ata cando tedes a actividade parada?

Entre marzo e setembro estivemos completamente parados.Aos primeiros que deixaron adestrar foron aos equipos de ámbito estatal.Comezou o noso equipo xuvenil, que está na división de honra, e inmediatamente despois fíxoo o primeiro equipo.

Cantos equipos ten o Choco?

Aínda non está moi claro como nos organizaremos cando se regularice todo, pero cando a vida era normal tiñamos 15 equipos

E dos 15, en setembro só permitiron a volta aos adestramentos dos dous que compiten en categorías estatais, non?

Si, despois en outubro comenzaron a adestrar os demais, nun tipo de adestramentos singulares pois só se podían facer sen contacto e mantendo a distancia.A medidados de setembro aos dous equipos que disputan categorías estatais , e polo tanto poden competir, permítenlle adestar en condición normais pero facendo test serolóxicos aos xogadores

Cada canto tempo tiñades que facer os test, e onde os faciades?

Nós contratamos a un laboratorio e viña o seu persoal cada 14 días ás nosas instalacións nas que xuntabamos aos dous equipos.

Saíu algún positivo meses tests ?

Non, nos que fixemos nós, nunca Tivemos dous positivos pero fóra do club

Quen pagaba os tests?

Durante o primeiro mes, nós. Cada 14 días pagamos 812€

É dicir, 1.600 € ao mes só en test, e como financiastes iso?

Pois non quedou máis remedio que ir tirando dos fondos que tiña o club aforrados

Durante eses meses xogastes algún partido amistoso?

Si, o primeiro partido que xogaron foi entre eles, o xuvenil e o primeiro equipo, logo xa fomos buscando equipos que tiveran feito tamén os tests para poder xogar contra eles

Falemos do primeiro equipo, cando arrincou a liga de terceira división?

O 18 de outubro.O equipo de terceira ten que facer un test semanal, facémolo todos os xoves.E parte do seu custe absórveo a faderación e parte cubrímolo nós, pois os que nos dá a federación non chegan para todos

Que gasto vos supón eso?

Creo que xa levamos pagado arredor de 500€ en test, máis uns 300 a maiores para unha enfermeira que os execute, pois nós non podemos facelos.

Como se está a desenvolver a liga de terceira na actualidade?

A día de hoxe a competición se está a xogar, algúns partidos tiveron que adiarse porque se detectaba algún positivo, pero nas últimas semanas cada vez son máis os partidos que non se poden xogar por ese mesmo motivo, de feito a semana antes de facermos esta entrevista ( 29 de xaneiro), foron sete os partidos que se tiveron que adiar

Deportivamente como vai o equipo?

Actualmente estamos de quintos.Se acabamos entre os seis primeiros teremos que competir cos do grupo norte por entrar nas promocións de ascenso.E se quedamos entre os seis últimos , teremos que competir por conservar a categoría.

Agora a competición mudou, non?

Si, agora hai 24 equipos en terceira, divididos en dous grupos de 12.E logo, dependendo de en que posto acabes na fase regular xogamos promocións cos equipos do outro grupo polo obxectivo que corresponda

Como valoras ti esta reorganización?

De maneira moi crítica.O resultado da temporada pasado foi que houbo ascensos e non descensos, eso supón masificar os grupos e crear unha situación de moi difícil solución

E como valoras a xestión desta situación de pandemia da federación, tanto a española como a galega?

Ben, eu creo que ambas o fixeron mal.Así por exemplo a federación galega toma unha decisión diferente para o fútbol 8, non dar nin ascensos nin descensos, á que tomou para o fútbol 11 si dar ascensos pero non descensos.

Como están os ánimos dos rapaces?

Os rapaces o que queren adestrar e competir, e o que desexan é que se normalice a situación dunha vez

E os teus ?

Este é un ano complexísimo, que require un esforzo enorme.Fíxate, por exemplo este martes tiven que facer máis de 70 certificados de mobilidade, pero ben, vouno levando

Economicamente?

Comezamos a notar as dificultades

Ti cres que o fútbol modesto corre perigo?

Eu creo que si que poden haber equipos que queden no camiño