O Ed Val Miñor leva a elite do fútbol a Nigrán

O Ed Val Miñor leva a elite do fútbol a Nigrán

O ED VAL MIÑOR é un equipo de Nigrán, relativamente novo , pois foi fundado en 1.996, que está a facer un gran traballo xa que con case 500 nenos, e cun equipo xuvenil na máxima categoría do fútbol estatal, do que xa saíron xogadores de elite mundial como os irmáns Alcántara, merece o apoio de todas as institucións da nosa comarca para axudar a quen tanto dá aos nenos do Val Miñor.O equipo xuvenil leva sete anos consecutivos militando na división de honra, e na actualidade está no terceiro posto da táboa clasificatoria, xusto despois dos dous grandes de Galicia, o Depor, segundo, e o Celta, primeiro. Nós quixemos coñecelos mellor e falamos con Alex, o seu adestrador, e con Aarón, un dos seus xogadores. Alex , é un home que vive o fútbol con enorme intensidade e que quere profundamente ao seu club .Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

ALEX VILLAR ADESTRADOR DO EQUIPO XUVENIL DE DIVISIÓN DE HONRA DO VAL MIÑOR

EU VIVO O FÚTBOL CON MOITA PAIXÓN.CANDO CHEGO A CASA DESPOIS DUN PARTIDO A MIÑA MULLER XA SABE O RESULTADO SÓ CON VERME A CARA”

De onde es ti,Alex?

Eu son de Vigo, pero levo 42 anos, desde que tiña 4, vivindo en Nigrán

Canto tempo levas vencellado ao mundo do fútbol?

Pois eu creo que toda a vida. Xoguei de pequeno, logo estudei INEF e antes de rematar xa estaba adestrando

Vives do teu traballo como adestrador?

Non, eu son profesor de educación física en dous colexios diferentes.

Ben, se alén de adestrador de fútbol, traballas dando clases de educación física entendo que o mundo do deporte gustarache moito, porque gran parte da túa vida está relacionada con el?

O deporte é a miña paixón , abofé que é así. Teño a fortuna de poder vivir de algo que me encanta

Canto tempo levas adestrando ao Val Miñor?

Desde que fundamos o club. Fundouse como URECA en 1.996 e eu xa comecei adestrando

O voso club é relativamente novo, apenas tedes ¼ de século de vida, pero algo debedes de estar facendo ben, no traballo de base, pois das vosas ringleiras xa saíron xogadores que chegaron á elite do fútbol?

Si, por aquí pasaron Tiagho e Rafinha, os irmáns Alcántara, Rodrigo, Santi Comesaña que na actualidade xoga no Rayo Vallecano, Borja Fernández que estivo no Celta, Antón Vicente no Coruxo….

Caramba, vaia nivel. E cal é o segredo do éxito?

Ben, nós procuramos traballar moi ben a base e esa é a nosa filosofía, sermos un club de base. Por outra banda a nós déixannos traballar sen ningún tipo de presión nin imposición. Juan Díaz o fundador do noso club, e actual presidente, ten unha inmensa capacidade de análise e é un home moi efectivo na resolución de problemas. A chave do éxito é, creo eu, ter construído un ambiente de traballo adecuado.

Pero vós tedes equipo sénior, non?

Si, montouse hai dous anos , co obxectivo de darlle continuidade aos rapaces.

O equipo xuvenil, ao que ti adestras está na máxima categoría que existe, a división de honra, e supoño que para un pobo como Nigrán debe de ser enormemente relevante?

Supostamente debera ser así

Non estás satisfeito co nivel de implicación do Concello, e da sociedade de Nigrán co equipo?

Vamos ver, temos instalacións e unha pequena subvención, si. Pero eu creo que do noso pobo, somos o equipo que disputa unha categoría máis alta, e ao meu xuízo o apoio social podería ser algo mellor.

Canto tempo levades militando en división de honra?

Sete anos consecutivos

E cando a vida era normal e podía asistir público aos campos, o nivel de asistencia aos vosos partidos como era?

Era escaso. Os familiares dos rapaces e pouco máis. Eu creo que se algún outro concello da nosa contorna tivese un equipo nunha categoría tan importante tería unha relevancia moito máis elevada. Pero aquí a afección case non existe

A pandemia complicouvos moito as cousas?

Bufff¡¡, enormemente. A cuestión administrativa e burocrática é agora dunha complexidade elevadísima

Cantos nenos tendes?

Entre 400 e 500.Imaxínate a complexidade que supón para nós os continuos cambios que se están a producir

Vaia, pois si que son un montón. E de que área xeográfica son?

Unha grande parte son do Val Miñor, pero tamén temos bastantes de outras comarcas da Provincia

Tedes equipo feminino?

Non

Por que?

Temos algunhas nenas metidas nos equipos, pero non hai demanda suficiente para montar un equipo feminino

Cal é a túa valoración da xestión que está a facer a federación desta situación tan complexa derivada da pandemia?

Vamos ver, eu hai decisións que non comparto, pero son plenamente consciente da extrema dificultade que supón xestionar unha situación inédita na historia, e sei que para eles é enormemente difícil.

O último partido que disputastes antes de facermos esta entrevista rematou cun meritorio empate fronte ao Depor. Na actualidade estades de 3º, xusto despois do Celta e do propio Depor. Unha temporada moi satisfactoria. Cal é o obxectivo deportivo para o remate da temporada?

O obxectivo inicial, quedarmos entre os 5 primeiros, xa está case asegurado. Agora aspiramos a quedar no mellor posto posible dentro deses cinco, porque para a segunda fase que disputaremos contra os cinco primeiros do outro grupo contan os puntos da primeira volta. Polo tanto, imos a por todas e trataremos de quitar todos os que poidamos.

Estás contento co grupo de rapaces que adestras?

Estou entusiasmado. Son un grupo humano marabilloso

Ves a algún con posibilidades e talento para chegar a elite?

Chegar a elite do fútbol depende de moitos factores, non só do talento. Eu o que quero é que non se obsesionen con iso, que desfruten enormemente adestrando e xogando e que se formen como seres humanos. Logo se algún o consigue, pois será marabilloso, pero o principal é formarse integramente como persoas. E a práctica deportiva, para min achega valores moi relevantes para a vida.

Unha última pregunta. Coñezo a moitas persoas relacionadas co fútbol modesto e en case todos os casos dinme que ocasiona problemas na vida persoal pois hai que dedicarlle tanto tempo , que inevitablemente deteriora a convivencia persoal?

Ha ha ha. Vamos ver, é certo que hai que dedicarlle moitísimo tempo, pero eu levo coa milla muller desde moi novo, desde que tiña 17 anos, e xa me coñeceu así, e afortunadamente lévao moi ben.

E ti como levas as derrotas e as vitorias, es dos que o vives con moita intensidade ?

Siii. Eu son moi temperamental. Cando chego a casa despois dun partido a miña muller xa sabe o resultado só con verme a cara.

AARÓN FIGUEIREDO

Aarón é un mozo que aínda non ten os 18, e como calquera mozo da súa idade pelexa porque os seus sonos e ilusións poidan chegar a ser algún día realidade. Foi moi agradable para min conversar con el porque é destes rapaces que te inxecta a frescura da mocidade que hai tanto tempo que deixamos atrás. Voulle desexar o mellor que se lle pode desexar a calquera rapaz da súa idade, que se poida converter nun home adulto libre e feliz.

QUERO DAR O MELLOR DE MIN MESMO E CONTRIBUÍR CON XENEROSIDADE AO ÉXITO COLECTIVO DO EQUIPO”

Que anos tes ti, AARÓN?

Pois eu nacín en setembro do 2.003.É dicir, pouco me falta para os 17 e medio

Canto tempo levas xogando ao fútbol?

Esa é unha pregunta difícil de responder porque eu creo que desde que nacín, polo menos desde que eu teño constancia, a pelota é un apéndice máis de min mesmo. En verdade , o fútbol apaixóame desde sempre

Acórdaste de cal foi o teu primeiro equipo?

Claro que si. E non é só que me acorde, é que lle teño moito cariño. Foi o Valadares, e comecei a xogar nel con cinco anos. Estiven 10 anos nese equipo, máis da metade da miña vida. Comecei en pre benxamín e formei nas súas ringleiras ata a categoría cadete.

Despois do Valadares veu xa o Val Miñor?

Non, estiven dous anos no Areosa

Houbo diferencias entre o Valadares e o Areosa?

Si, no Areosa , vivín un importante salto de nivel. Alí estaban moito máis enriba túa e digamos que a esixencia foi maior.

En que posto xogas?

O meu posto é o de extremo dereito. Aínda que as veces teño xogado pola banda esquerda a perna cambiada. Pero a banda é a miña zona natural e onde me desenvolvo mellor.

Algún referente no fútbol actual ao que che gustaría parecerche?

Eu creo que a todos os rapaces da miña xeración nos impresiona Leo Messi, e nalgún momento soñamos chegar ao seu nivel

Cando chegaches ao Val Miñor?

Esta é a miña primeira temporada

Cóntanos como foi a túa incorporación?

O último ano no Areosa foi moi bo para min. E, supoño que como consecuencia, recibín a chamada do Val Miñor. Tiven unha xuntanza co adestrador que me explicou todo con moita claridade, e eu decidín arriscarme e probar. E antes de que me preguntes, xa che repondo eu que estou realmente satisfeito de ter dado ese paso

Ha ha ha, pois si, era iso o que ía preguntar. Xa me fastidiaches a pregunta. Falemos entón da temporada. Totalmente atípica non?

Ha ha ha ha. Ben, pois si, unha temporada atípica. O fútbol é un deporte de contacto intenso cos teus compañeiros, e esta situación esixe minimizar os contactos, o que dificulta moito todo claro. Por outra parte temos que tomar unha serie de medidas de precaución como a toma constante de temperatura ou a desinfección de mans que antes non faciamos

Cantos días adestras?

Catro días á semana , dúas horas cada día

E como vas ata Nigrán?

Pois ata que non teña carné lévanme o meu pai ou a miña nai

Ui “Ata que non teña carné”..Non sei , pero dáme a impresión de que estás desexando quitalo

Siii, tan pronto teña 18

Ben, din que mal de moitos consolo de parvos, pero se che sirve de consolo eu quiteino aos 26

Non ohh. Non me sirve de consolo. Eu non quero esperar tanto tempo nin de lonxe. Ilusióname moito ter coche e ser independente

Ha ha ha ha ha. Pois nada, a ver que pensan a túa nai e o teu pai. Sigamos co fútbol. Antes dicíasme que do Valadares ao Areosa, notaches un salto importante de nivel. E do Areosa ao Val Miñor?

Noteino moito máis aínda. Tes que pensar que dei un salto de dúas ligas, e o nivel de esixencia aumentou significativamente. A intensidade e a velocidade da categoría na que estou na actualidade é infinitamente superior a todo o que coñecía ata agora

E tamén o notas nas cuestións técnicas. É dicir os teus compañeiros e rivais deste ano son xogadores de moito talento?

Si, tamén o noto. Os xogadores que coñecín este ano posúen moito talento para xogar ao fútbol

Estás contento coas oportunidades que che dá o adestrador?

Non me queixo. Estou tendo bastantes minutos, si.

Cales son os teus obxectivos deportivos, individuais e colectivos esta temporada?

Comezo polo colectivo que é o máis importante. A min encantaríame quitarlle ao Depor o segundo posto, e logo na segunda fase, facelo de marabilla e deixar o pavillón do equipo ben alto. No que respecta ao individual vou tratar de dar o mellor de min mesmo, aprender de quen sabe mais ca min, e contribuír con xenerosidade aos éxitos de todo o colectivo.

Ves un obxectivo realista poder vivir do fútbol?

É algo que me encantaría e vou pelexar con todas as miñas forzas por acadalo. Pero son consciente de que é un sono enormemente difícil de conseguir, e de ningún modo vou descoidar os meus estudios para poder ter unha profesión que me permita gañar a vida con dignidade.

Moi ben, Aarón. Moitas grazas, paseino xenial charlando contigo

Grazas a ti