Iago Cruces, Coordinador do fútbol base.
O Rosal é un pobo de arredor de 6.500 habitantes que ten un equipo de balonmán que disputa a 2º competición máis importante do balonmán estatal e cuxo equipo de fútbol , o UD Ribera, posúe nada máis e nada menos que 273 fichas federativas, e 17 equipos en diferentes categorías. Este equipo sempre tivo sona de traballar moi ben o fútbol base, pero tal cantidade de fichas e grupos é un indicio de que o labor da directiva se move nos parámetros da excelencia. Nós falamos con Iago, un mozo de Tabagón que é o seu coordinador e tamén adestrador de dous dos seus equipos.
“ Para nós é moi importante transmitir os valores do deporte aos nosos xogadores e xogadoras “
De onde es ti natural?
Son natural de San Miguel de Tabagón,no Concello do Rosal.
Que idade tes e a que te dedicas?
Teño 44 anos e traballo nunha empresa de conservas da miña localidade.
Cando comezou a túa relación co mundo do fútbol?
Cando tiña 13, anos, xa levo uns cantos anos neste mundo, comecei a xogar no equipo cadete do Ribera.
Cando te retiraches?
Cando tiña 32 anos, despois de sufrir unha lesión.
En que equipos xogaches?
Comecei no Ribera, pasei ao Goián estiven no G.D Miño( un equipo de A Guarda que xa non existe) e volvín ao Ribera, a rematar no mesmo equipo no que comezara.
En que posto xogabas?
Era porteiro.
Honestamente: Eras bo?
Home, sempre é difícil opinar sobe un mesmo. Digamos que tiven anos mellores e anos peores. Podiamos deixalo en que fun un porteiro normal.
Se tiveras que destacar un porteiro como o teu ídolo da infancia, cal mencionarías?
O meu ídolo de neno foi Paco Buyo
Non serás do Real Madrid?
Ha, ha, ha..si, son do Real Madrid, aínda que confeso que estou un tanto desencantado do fútbol de elite.
Cantas categorías ten o Ribera?
Agora mesmo, temos 17 categorías.
Algún dos equipos é feminino?
Si, hai anos tivemos un equipo feminino, desfíxose e o ano pasado volvemos facelo, pero na categoría cadete. Asemade levamos catro anos sendo filiais da Unión Guardesa, un equipo de fútbol feminino da Guarda. E agora alén de seguirmos sendo filiais delas temos un equipo feminino cadete propio.
Por que se desfixo o equipo feminino no seu momento?
Por falta de mozas.
A propia alcaldesa, se non lembro mal, foi xogadora, verdade?
Si, pero ela xogaba no Tomiño. No Ribera nunca chegou a xogar.
Cantas fichas tedes neste momento?
Contando todos os equipos temos 273 fichas.
Impresionante, para un pobo como O Rosal é un éxito indiscutible?
A verdade estamos moi orgullosos. Con toda a humildade creo que podemos dicir que estamos traballando ben.
Cal é o segredo para que haxa tanta implicación?
Nós xa temos unha traxectoria histórica importante no traballo de base. Creo que tamén inflúe a figura do coordinador de metodoloxía, un compañeiro que ten esa responsabilidade e que fai moi bo traballo. Por outra parte somos un club que procura transmitir valores aos seus xogadores e xogadoras.
Cales son eses valores que procurades transmitir?
Son os máis importantes do deporte: Compañeirismo, solidariedade, humildade, saber perder e tamén saber gañar, e por suposto o escrupuloso respecto polo adversario deportivo. Pero non só o procuramos fomentar nos nenos senón tamén nos seus pais. Eles son pais e nais de xogadores nosos, tamén nos representan a nós e o seu comportamento nas gradas debe de ser acorde a uns parámetros básicos de cortesía e respecto cara aos equipos e os seareiros rivais.
Cal é o voso uniforme?
Camiseta e medias verdes e pantalón branco.
Cantos anos de historia tedes?
No 2025 faremos 75 anos.
Os 75 anos de vida son ininterrompidos?
Si, malia que o nome inicial non foi o Ribera.
Que tal é a implicación da sociedade Rosaleira co seu equipo?
A implicación da sociedade co noso equipo é moi boa. Malia que no Rosal está o equipo de balonmán, que ocupa un lugar moi importante nos corazóns da nosa veciñanza, o Ribera tamén é moi querido.
As 273 fichas de onde son?
A base son mozos e mozas do Rosal, pero tamén temos unha porcentaxe importante de xogadores e xogadoras que son doutras localidades do Baixo Miño.
Onde disputades os partidos?
No campo de fútbol da Mata. Está xusto no centro do pobo.
Que tal están as instalacións?
O Concello implícanse moito no coidado do campo e temos unhas instalacións moi boas. De feito este ano fixéronnos un cambio de céspede e a verdade non teño queixa algunha. As duchas reformáronas tamén hai pouco e está todo moi ben.
A seguinte pregunta que che ía facer era que valorases o comportamento do Concello con vós, pero dáme a sensación de que xa está contestada….
Non teño ningunha queixa. Sempre se aspira a máis, desde logo, e todo é mellorable, pero nós estamos satisfeitos do comportamento do goberno municipal co noso equipo.
Cantas persoas, aproximadamente, poden ir a cada partido?
Nós somos dos equipos da nosa categoría que máis xente pode ter nas súas gradas. Calculo que 150-200 persoas poden vir a cada partido.
E como é o público rosaleiro?
Apaixonado pero moi civilizado. Calquera seareiro de calquera equipo rival pode vir ao noso campo a ver ao seu equipo con tranquilidade absoluta de gozar do fútbol e do noso precioso pobo.
Como vos financiades?
Esa parte é moi importante. Estamos bastante ben, como resultado de moito e moi bo traballo por parte da directiva. Temos un apoio realmente importante das empresas e negocios locais e aproveito a oportunidade das vosas páxinas para darlles as grazas desde o máis profundo do meu corazón, a todos os que apoian ao noso equipo.
Tamén temos socios e socias e recibimos unha subvención do Concello.
E no que respecta ás achegas económicas do Concello tamén estades contentos?
Este ano fixéronos unha suba importante e si, estamos moi contentos.
O equipo sénior compite na 2º autonómica. Cales son os obxectivos deportivos para esta temporada?
Levamos moito tempo nesta categoría e o obxectivo é o ascenso. Non o damos acadado, pero non nos rendemos. Nós, non sei cando nin como pero, temos que ascender.
Historicamente cal foi a categoría máis alta na que xogou o Ribera?
A 1º autonómica.
Polo volume de poboación e pola actividade económica que ten O Rosal, cal dirías ti que é a categoría na que debe de asentarse o equipo?
A 1º autonómica é a categoría na que nos debemos situar, eu creo que é noso lugar natural.
Cal é o voso máximo rival?
Todos os equipos da comarca son rivais e todos os partidos se viven con intensidade. Se cadra a rivalidade deportiva máis elevada é co Guardés.
