Goián é un pobo cun enorme sentimento de identidade, un exemplo notorio de que a Parroquia, e non o concello, é a estrutura natural do país galego. Os e as veciñas de Goián están enormemente orgullosos de todo o seu e viven con extraordinaria paixón as vitorias e as derrotas do seu equipo de fútbol. Nós, neste especial de fútbol modesto, non podiamos deixar de coñecelos e falamos co seu presidente.
Diego Martínez Pousa
“ Queremos que os xogadores cheguen ao equipo sénior, gozando do fútbol e sen tanta presión pola competición”
Diego, cando se fundou o equipo?
Pensamos que se fundou en 1907 pero non temos ningún tipo de documentación ata 1914, de ese ano hai algún recorte de prensa dalgún partido.
Canto tempo leva a actual xunta directiva?
Eu levo 10 años no equipo directivo e 8 anos como presidente. Dos meus compañeiros e compañeiras na directiva, a metade levan un ano e a outra metade levan 8 años coma min.
Cantos homes e mulleres sodes?
Sete persoas, catro homes e tres mulleres.
Ser presidente dun equipo modesto esixe dedicarlle un montón de tempo. Que tal levas compatibilizar o fútbol coa túa vida profesional e persoal?
Pois lle dedico case todo o resto do meu tempo. Estar rodeado de nenos e nenas é algo que che ten que gustar.
Tes familia no equipo?
Agora mesmo non, meus fillos xa non xogan. A min isto venme de familia, xa o meu pai fora presidente do Club, e eu sigo dándolle continuidade, lévoo no sangue desde pequeno.
Cantas persoas xogan nos vosos equipos?
Unhas 85 persoas.
Cantos rapaces e cantas rapazas?
Nenas cinco e nenos e mozos uns 80.
En que categorías tedes a estes nenos e nenas xogando?
Este ano non temos equipo en todas as categoría. Temos alevíns, cadetes, xuvenís, dous equipos de sénior e un de veteranos.
Xa non tedes equipo feminino?
Este ano non, de feito hai catro anos que xa non temos este equipo. Conseguimos mantelo durante tres temporadas.
Non tedes as nenas suficientes para poder montar un equipo feminino?
Somo un pobo pequeno, duns 2.000 habitantes, e conseguir esta cantidade de nenas e nenos para todas as categorías é difícil. Gustaríanos poder seguir co equipo feminino e con todas as categorías federadas pero está complicado.
As nenas que tedes xogando entón están en equipos mixtos?
Si.
Ata cando poden xogar?
Ata cadetes, logo terían que buscar equipos femininos noutras localidades.
Como vos financiades?
Coa cota dos socios e socias e con achegas económicas das institución como a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello. Isto non chega, a maior carga económica sae do pobo. Competir en primeira autonómica é un gasto considerable que se pode sufragar grazas á colaboración da xente da parroquia.
A implicación e apoio da parroquia co voso equipo entón é total?
Si, con todos os deportes en xeral, non só co fútbol. En Goián hai moi poucas empresas, son os veciños e veciñas os que colaboran e se implican cos equipos para que poidan existir.
E os pequenos e pequenas que tedes nos equipo teñen que pagar algún tipo de contía?
Si, ao inicio de temporada fan unha única achega para sufragar os gastos de equipaxe.
Cal é o orzamento anual do que tedes que dispoñer para poder salvar a temporada?
Falamos de entre 60.000 e 70.000€.
Sodes capaces de xuntar toda esta cantidade?
Entre as subvencións das institucións, as achegas das familias, dos veciños e veciñas, das entradas dos partidos sénior e das contías dos socios somos capaces de xuntar si, se non o facemos elimínannos da competición.
Como se porta o Concello con vós?
Ben, pero sempre se pode mellorar. Hai moitos clubs no concello aos que teñen que atender. Penso que o que falla é a maneira de conceder as achegas. Aportan para os equipos infantís ata os 18 anos, despois desta idade xa non. Penso que terían que apoiar aos equipos de categorías superiores tamén, estes non deixan de ser rapaces de 18 anos que xa non teñen financiamento e aínda non traballan para poder colaborar economicamente.
Fálame das vosas instalacións: onde adestrades, onde disputades os vosos partidos e en que estado están as instalacións?
Adestramos e xogamos no Campo de Fútbol Lito de Oliveira que é de propiedade municipal.
Como está o campo?
Van arranxando o que poden e as instalacións están ben, teñen que facerse cargo das instalacións de tres equipos de fútbol e unha pista de atletismo.
Cales son os obxectivos deportivos para esta temporada?
Os obxectivos son manternos co equipo de primeira autonómica na categoría. Temos lesións en xogadores que xa perden toda a temporada e tivemos que baixar as expectativas, estamos polo final da táboa sufrindo e queremos manternos.
Que equipo é o voso máximo rival? e como son os partidos contra eles?
O Tomiño. Estes partidos son máis intensos cos piques oportunos destes partidos e a afluencia nestes é tremenda, case non chega o aforo para tanta afección. Xa somos un equipo con bastantes afeccionado, temos unhas 400 persoas de media nos partidos pero, estes veñen a velos unhas 2000 persoas.
Que botas en falta para mellorar a situación do fútbol modesto?
Hai anos que a maneira de entender o fútbol desde a base é de competición absoluta desde pequenos, desde prebenxamíns ata xuvenís. Só se ensina a competir para ser o mellor para poder ser titular e non se ensina a xogar en equipo, estamos fomentado nenos e nenas competidores e individuais e non cun pensamento de equipo. Esa non é a nosa premisa, queremos nenas e nenas que desfruten xogando ao fútbol aínda que non sexan os mellores, para que non queiran abandonar pola presión que sofren. O noso fin é o equipo sénior e queremos que os rapaces cheguen xogando en equipo, divertíndose, desfrutando dos compañeiros e sen tanta presión ata esta categoría. Non queremos competir a ese nivel, queremos gañar pero doutro xeito. Que a xente volva crer no fútbol coma un deporte de equipo melloraría a situación do fútbol de base en xeral.
