O 8M en Camposancos: Reivindicación e beleza

O 8M en Camposancos

Camiñar polas rúas , camiños e corredoiras da parroquia de Camposancos sempre é un exercicio moi atractivo pois este pobo, unha das oito entidades locais menores de Pontevedra , é dunha enorme beleza. Porén desde tres días antes doa celebración do Día da Muller e ata arredor de 10 días despois Camposancos tivo un atractivo engadido que fixo as delicias dos ollos da súa veciñanza e de quen coma min visitamos a localidade: Unha serie de fermosas figuras femininas, feitas en madeira, que tiñan como obxecto enxalzar o traballo da muller, sempre minusvalorado, e reivindicar a igualdade entre os dous sexos que formamos a humanidade. A idea tívoa a presidenta da Entidade Local Menor, a nacionalista Merchi Martínez, e nós alá fomos a conversar con ela non só de todo o que rodeou á colocación destas figuras, senón tamén dos principais problemas e necesidades da parroquia de Camposancos.

Merchi Martínez presidenta da ELM de Camposancos

Camposancos ten dous graves problemas: A auga e a cuestión administrativa que nos impide rexistrar a nome da Entidade Local Menor as propiedades que están rexistradas a nome de El Coto de Camposancos”

Hai tempo que non temos a oportunidade de conversar, Merchi. Como van as cousas por Camposancos?

Digamos que van mellorando. Os primeiros anos foron moi duros pero penso que nos estamos asentando, e tratamos de aproveitar todas as oportunidades que se nos presentan para mellorar Camposancos.

Como por exemplo?

Acceder a toda subvención á que temos oportunidade e petar as veces que sexa necesario nas portas das distintas administracións para que cumpran as súas obrigas coa nosa comunidade.

Este é o teu segundo mandato e penso que dos resultados electorais que obtiveches se pode deducir con claridade que a veciñanza de Camposancos está , en liñas xerais, moi satisfeita coa túa xestión?

A verdade é que o caudal de confianza que recibimos do pobo de Camposancos foi inmenso , duplicamos os votos do PSOE e triplicamos os do PP, o que me enche de orgullo. O apoio que nos deu a veciñanza do meu pobo é unha inmensa honra e tamén unha enorme responsabilidade para min.

Pero gobernas en minoría, verdade?

Si, porque o que se vota nas eleccións á ELM só é a presidencia. O resto da corporación é elixida desde o Concello. Así pois somos 2 persoas do BNG , 2 do PP e 1 do PSOE.

Que tal relación tes coa oposición?

Pois téñoa mellor coas do PP que co PSOE. Teño que dicir, porque é verdade, que a actitude do PP é máis construtiva que a do PSOE.

Cales son os principais problemas que padece Camposancos?

Temos dous problemas moi graves:

1) A auga. Estaba todo moi abandonado coas tubaxes oxidadas, as escaleiras podres dentro dos depósitos, chaves de paso bloqueadas….Nós en catro anos arranxamos cinco rúas, mentres que a anterior presidencia en catro mandatos non arranxou ningunha. Agardo que este ano poidamos arranxar a sexta rúa. As tubaxes de Camposancos teñen arredor de medio século e xa non dan máis, continuamente están a rebentar. O problema é especialmente grave no verán pois nesa época nós chegamos a triplicar a nosa poboación co que o consumo de auga se multiplica e as tubaxes sofren máis.

2)Un problema administrativo que é realmente grave. Nun principio a nosa entidade chamábase “ O Coto de Camposancos”.Era un coto que pertenceu á igrexa e foi chamado así. Nos anos 60 constituíse a xunta da Entidade Local Menor e non se cambiaron, nos rexistros da propiedade, os bens a nome da Entidade Local Menor. E agora temos uns problemas terribles porque hai propiedades rexistradas a nome de “ Coto” e quedan nunha especie de limbo. Incluso o anterior presidente levou o rexistro ao xulgado pero non sacamos nada en claro. Temos importantes propiedades coas que non podemos facer nada. É Terrible.

O ano pasado cambiou o goberno municipal de A Guarda. Tivo algún tipo de consecuencias para a ELM?

Digamos que moi leves. Pero parece que con este goberno temos mellor relación que co anterior. O anterior goberno do PSOE chegaron a non dirixirme a palabra e nin sequera a avisarme de cando había algunha visita oficial a Camposancos.

Ao pasearmos por Camposancos o día antes do 8M tivemos a oportunidade de apreciar unhas fermosas figuras femininas. Explícasnos de que se trata?

En Camposancos hai unha preciosa tradición de Nadal de adornar os nosos currunchos. Convido aos lectores e lectoras a que nos visitedes no Nadal e veredes que cada lugar do noso pobo é unha fermosa estampa de Nadal.

Esta tradición deume a idea, o ano pasado, de facer algo nesa liña para o día da muller.

Que fixestes?

Colocarmos mulleres en distintas partes do pobo, feitas en madeira e vestidas con estética dos anos 50. Tivo moito éxito, de feito os coches paraban nas estradas para velas.

Entón este ano quixestes darlle continuidade?

Pois si. Puxemos tamén figuras femininas , pero diferentes. A intención é enxalzar a figura da muller, que foi durante tanto tempo minimizada.

Malia que a muller sempre foi o piar das familias o seu traballo non era valorado en absoluto.

As figuras son de madeira, verdade?

Si, e son alén de moi bonitas dunha enorme complexidade pois son figuras articuladas.

Quen as fai?

Entre un empregado da entidade, en horas fóra do seu tempo laboral, e o noso veciño “Chiño”.Ambos son uns “ manitas” e dáselle moi ben este tipo de cousas

Cantas hai?

Hai oito na estrada, preto do casino. E logo na zona do palomar hai algunha máis que as fan unha familia de catro persoas que tamén colaboran.

Que aceptación tiveron no pobo de Camposancos?

Enormemente positiva. Non só no noso pobo senón tamén na xente de fóra. Ven moita xente de A Guarda ou do Rosal a miralas o que para nós é unha grande alegría.

Cando as puxestes?

Puxémolas tres días antes do día da muller. E a nosa idea é telas arredor de 15 días máis. Dependerá un pouco da climatoloxía.