Como é tradición nesta casa, achegámonos á cidade de Tui para conversar co seu alcalde e coñecer a súa valoración sobre a situación política da súa cidade. Teño que dicir que vin ao socialista Enrique Cabaleiro moito mellor que no anterior mandato. O alcalde de Tui está animado, con folgos, convencido de que o camiño político polo que están transitando é o máis adecuado para as maiorías sociais de Tui, e coa intención de mellorar relacións co Bng de maneira que a a incontestable maioría progresista que na actualidade existe na corporación tudense, 10 actas de esquerda fronte a 7 actas de forzas de dereitas, non perigue de forma que a dereita local non poida volver gobernar esta localidade do Baixo Miño. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ O PP de Tui está radicalizado. Non achega nada á gobernabilidade e non teño esperanzas de que o faga no que queda de mandato”
Este é o teu segundo mandato como alcalde de Tui, como o valoras?
Estamos materializando os proxectos que iniciamos no mandato anterior e a valoración de como están indo as cousas é moi positiva.
De que proxectos en concreto estamos falando?
A modo de exemplo:
- -A apertura da rúa Ourense, unha obra que levaba máis de 40 anos pendente de ser materializada
- -Avanzamos na recuperación de espazo público no centro do noso casco urbano, refírome á humanización da Corredoira e de Augusto González Besada.
- -Humanizamos o acceso ao casco histórico en Antero Rubín e a travesía Santo Domingo
- -Rematamos as obras dunha das entradas históricas de Tui, a avenida de Portugal
- -Seguimos avanzando nos equipamentos de uso público como por exemplo o edificio Camilo José Cela
- -No remate do mandato teremos desenvolto actuacións moi importantes nos pavillóns deportivos de Guillarei, Randufe,Pazos de Rei( estamos agora aquí), e continuaremos con Rebordáns, e Caldelas
Ben, agora que falas de actuacións nas parroquias: a oposición acusa ao teu goberno de telas desatendidas. Que tes que dicir ao respecto?
Teño que dicir que iso é un tópico que todas as oposicións de case todas as localidades de Galicia utilizan para tratar de desgastar aos gobernos. Eu comprendo que a oposición ten que facer oposición, e tratar de sustentala con argumentos. Pero no caso de Tui a suposta desatención ás parroquias non se corresponde coa realidade.
Podes citar actuacións significativas do teu goberno en parroquias de Tui para amosar que ese “ non se corresponde coa realidade” é verdade?
Si, claro que si. Cito as dúas máis importantes:
-Acabamos de ser beneficiarios de fondos FEDER, nun proxecto quepresentamos en conxunto con Salvaterra. Van ser 7 millóns de € en total, dos que 4,2 son para Tui. O 100% deses 4,2 millóns de € que imos recibir van ser para actuacións nas parroquias, neste caso son para as parroquias do río Miño: Areas, Paramos, Baldráns e Caldelas serán as parroquias beneficiadas desta importante partida económica.
-Cambiamos a LED a iluminación de todo o rural, cun investimento de arredor de 3 millóns de € e que suporá un aforro estimado para o Concello de entre o 60 e o 70% do custe da electricidade.
Nestes dous anos conseguimos un investimento de máis de 7 millóns de € para o rural, un investimento superior ao do casco urbano. A suposta desatención ás parroquias non é verdade.
Sobre a relación coas entidades deportivas do Concello que tes que dicir?
Nós estamos investindo todo o que podemos investir na mellora dos equipamentos do noso Concello, tendo en conta todos os clubs de distintos deportes que hai en Tui. No anterior orzamento subímoslle as subvencións ao deporte, orzamento que todos os grupos votaron en contra e tivemos que ir a unha cuestión de confianza.
Esta é unha cuestión importante para nós e creo que estamos á altura:Fixemos actuacións importantes en todos e cada un dos campos de fútbol que hai en Tui, o novo edificio de piragüismo, investimos no edificio de remo, remodelamos o pavillón Gustavo Rodríguez,estamos remodelando os pavillóns das parroquias
Falemos da situación política: Por que non sodes capaces de concretar un goberno co BNG que permita unha maioría progresista moi forte que faga posible abordar políticas máis ambiciosas ?
Separáronos dúas cuestións concretas: A apertura da rúa Ourense, creo que a realidade dos feitos amosou que nós tiñamos razón, e o tema do aparcadoiro.
A rúa Ourense xa está aberta e na segunda cuestión estamos avanzando na toma dunha decisión para a que desde logo imos contar coa opinión tanto do BNG como do resto de forzas políticas.
En liñas xerais a relación co BNG está mellor. Noto un certo achegamento. É que debemos de entendernos porque así nolo esixen a maioría dos nosos votantes e porque é o que debemos de facer neste contexto terrible en que a ultradereita gaña posicións en todo o mundo. Son moderadamente optimista no que se refire a mellorar relacións co BNG.
Como valoras a oposición que exerce o PP?
En Tui, pasa o mesmo que no resto do estado, o PP está absolutamente radicalizado e botado ao monte.
Que opina o alcalde de Tui acerca do estraño caso da ex concelleira popular Pilar Gregores? (nun día pasamos do seu anuncio da súa marcha do PP e o seu paso á situación de concelleira non adscrita, ao anuncio do grupo popular da dimisión como concelleira de Pilar e en consecuencia da súa substitución por outro concelleiro do PP)
Eu creo que estivo sometida a unha presión brutal e finalmente acabou por ceder. Sexa como sexa, nada achegou o PP á gobernabilidade de Tui e teño claro que veña quen veña nada achegará tampouco.
Que proxectos destacados ten o goberno para o tempo que falta para rematar o mandato?
- -Imos investir máis de 2 millóns de € no casco histórico de Tui
- -Seguiremos avanzando nos procesos de recuperación de espazo público
- -O tema do aparcadoiro segue a ser unha prioridade para nós
Como prevés que se resolva o asunto do aparcadoiro?
Nós temos o compromiso de zona franca de financialo. Pero estamos en minoría, necesitariamos o apoio do resto de grupos. Temos unha comisión conformada ao efecto. Se logramos o consenso imos levar o proxecto a pleno. No caso contrario retirarémolo e veremos que alternativas achegan aqueles que se opoñen.
Como está a situación do túnel de Areas?
Van facer un segundo túnel para mellorar a comunicación do polígono de Areas coa parroquia de Randufe. Estamos no proceso de construción dese segundo túnel, e agardo que se poida mellorar a comunicación.
En relación á proposta do BNG do transporte interparroquial cal é a túa opinión?
É un tema moi complexo. Non me atrevo a valorar se é viable ou non. Só dicir que case non hai ningunha experiencia ao respecto, e que sen dúbida é un asunto de extrema dificultade. A tremenda dispersión do noso rural fai moi complicado que se puidera levar a cabo.
No que respecta a conservatorio que tes que dicir?
Sempre amosamos un compromiso inequívoco co conservatorio. Remodelamos completamente as súas instalacións, por primeira vez na historia do noso concello incluímos ao conxunto do profesorado na RPT e levamos investido moitos recursos. E cómpre salientar que todo iso fixémolo sen ser unha competencia municipal. A Xunta sempre se desentendeu da carga económica que lle supón, e nós reclamámoslle que asuma as súas responsabilidades.
E se non o fai?
Con axuda da Xunta ou sen ela, nós sempre imos apostar polo noso conservatorio.
Moitos alcaldes e alcaldesas que pasaron polas nosas páxinas, que non son do PP, láianse de que a Xunta obriga aos concellos a asumir competencias que deberan ser autonómicas. O alcalde de Tui ten esa mesma visión?
Si, si que a teño. Eu non estou en contra de que os concellos asumamos cada vez máis competencias. Debemos de facelo porque somos a administración máis próxima ao cidadán. Pero debemos de facelo con recursos suficientes. O que non pode ser é o que está acontecendo agora: temos máis competencias pero menos recursos. Esta situación de afogo financeiro non é sostible para os concellos.
Non sei será unha impresión equivocada pola miña parte, pero véxote mellor, máis animado e con máis folgos, que o mandato pasado. É así?
O mandato pasado foi moi duro e difícil. Tiñamos unha situación política máis folgada pero era o momento de arrincar todos os proxectos que remataremos no momento actual. E a situación foi de moitas tensións e problemas constantes. Considero que agora xa hai unha ampla maioría da sociedade tudense que se está dando de conta da pertinencia e necesidade das nosas actuacións. En consecuencia entendo que a conflitividade e a crispación diminuíron
notablemente e xa que logo eu estou mellor, claro que si.
Rematamos alcalde: Vas ser o candidato do PSOE nas eleccións municipais do 2027?
Se os compañeiros e compañeiras da agrupación socialista de Tui consideran que debo repetir como candidato, a miña disposición neste momento é aceptar a proposta.
Unha última cuestión: Pedro Sánchez debe esgotar a lexislatura, ou debe de convocar eleccións xa, como lle pide a dereita?
Debe de aguantar. O proxecto político de Pedro Sánchez e do partido socialista de: convivencia, igualdade, xustiza social e respecto escrupuloso aos dereitos humanos é o mellor para o conxunto da sociedade española, e non hai motivo algún para adiantar as eleccións só porque lle poida interesar á dereita. Debe de aguantar si. E a esquerda no seu conxunto debemos facer un exercicio de madurez e lucidez para construír os espazos necesarios que permitan que no 2027 España volva ter un goberno progresista. A alternativa dun goberno do PP e Vox pode ser terrible.
