Cárnicas O Labrego de Salceda: Tres xeracións de calidade e compromiso co seu pobo

Na praza do mercado de Salceda está “ Cárnicas o Labrego”, unha carnicería explotada pola terceira xeración dunha mesma familia. Comezou sendo carnicería Rosendo, pasou a ser carnicería Cándida e a súa actual propietaria , desde o ano 2020, Noelia Rodríguez, chamouna “ O Labrego”. Co novo nome quería simbolizar os vínculos históricos e emocionais tan importantes que a súa familia ten co mundo rural. Eles son do Torrón, un lugar na extrema entre Cabreira, parroquia de Salvaterra, e Entenza, parroquia de Salceda. Alén da carnicería, Noelia rexenta xunto co seu home,unha explotación gandeira de preto de 150 cabezas, coas que fornece de carne ao seu negocio.

Non é nada doado facer o que fai esta familia. Esixe atención constante as 24 horas do día os 7 días da semana. Todos os días ás 6:30 da mañá comezan a súa xornada laboral atendendo aos seus animais , xornada que reparten entre a gandería e a carnicería. E todo o fan coa ilusión de quen sente que o seu negocio é unha parte indisoluble de si mesmos, e coa intención de que todos os seus clientes e clientas teñan o mellor produto posible o antes posible.

Noelia Rodríguez Fernández

Ofrecemos un produto de máxima calidade a un prezo accesible para calquera peto”

Noelia, queremos coñecerte un pouco máis

Ben eu son natural de Cabreira, son unha muller comprometida coa miña comunidade á que lle gusta moito facer o que fai. Teño unha carnicería na praza de Salceda: Cárnicas O Labrego, e rexento unha gandería.

Unha rapaza de Cabreira de onde se sente: de Cabreira, de Salvaterra de Salceda…?

Eu son de Cabreira e síntome de Cabreira. Tamén me sinto de Salceda, porque o lugar no que vivo, O Torrón, está no límite con Salceda, de feito eu nacín no Torrón de Entenza e vivo no Torrón de Cabreira. E a gandería téñoa a metade en Entenza e a metade en Cabreira.

Caramba, entón case podemos dicir que o concepto de vivir na extrema está pensado para ti?

Ha, ha, ha, ha..Pois si, a verdade é que si.

Como e cando comezou a túa vinculación coa carnicería?

Sobre o ano 2018. Na miña familia tiñamos unhas tenreiras. A carnicería era dos meus padriños e vendiámoslle as tenreiras que criabamos. Cando a miña madriña tivo que xubilarse decidín quedar eu co carnicería.

Canto tempo levaba a túa madriña coa carnicería?

Toda a vida, xa era dos seus sogros e logo foi dela.

Es a terceira xeración nesta carnicería?

Si. Comezou sendo Carnicería Rosendo, logo Carnicería Cándida e agora Cárnicas o Labrego.

En que ano a colliches ti?

No ano 2020, en plena pandemia.

Xa hai que ser valente para aventurarse nun negocio en plena pandemia.

Ao ter gandería propia e a miña madriña ter que xubilarse pois decidimos seguir co negocio, aínda que eu viña dunha rama totalmente diferente a esta.

De que sector viñas?

Estudei Administracións e Finanzas e centreime en relacións laborais. Traballaba co meu marido nunha carpintería de madeira da que somos propietarios. Contratamos a unha rapaza para que se fixera cargo das miñas xestións alí, e eu aventureime na carnicería. Tiven que facer un curso intensivo de carnicería e aquí estou.

Custouche cambiar de sector?

Non, gústame moito máis isto cá oficina. Quixera salientar tamén que na gandería colaboramos con escolas ensinando aos nenos e ás nenas como é unha explotación gandeira por dentro. E é unha actividade enormemente enriquecedora.

Como comezas o teu día a día ?

Levántome ás 6:30, baixo á gandería e doulle de comer ao gando. Agora é todo moi enxebre, pero temos un proxecto xa aprobado do Concello de Salceda e para o 2026 montaremos unha gandería moderna, cómoda e automática que estará integramente en Entenza.

Cantas persoas traballan contigo nesta gandería familiar?

Meu marido e eu imos pola mañá a darlles de comer. Está o meu compadre que nos bota unha man e meu sogro e meu pai. Catro persoas na gandería e outras catro comigo na carnicería.

De onde son as tres persoas que traballan contigo na carnicería?

Unha de Salceda, outra de Salvaterra e outra de Mondariz.

Cantos animais tendes?

148 cabezas entre vacas e tenreiras.

Estas cabezas mercádelas ou nacen na gandería?

Temos as propias que nacen aquí e outras mercámolas para crialas. Tamén temos convenios con granxas de leite ás que lle mercamos os becerros que lles nacen. Eles quedan coas vacas para o leite e nós traemos aos becerros cando fan un mes para crialos.

Canto tempo necesita unha destas crías para estar lista para a carnicería?

Uns nove meses.

Sacrificades vos aos animais?

Levámolos ao matadoiro a Pontevedra. Temos un camión que cargamos dúas veces á semana para isto.

Que tipo de alimentación lles dades a estes tenreiros nestes nove meses?

Maioritariamente millo triturado e fermentado. Cultivámolo nós e logo de seis meses de fermentación é o que comen. tamén lles damos herba seca.

O cen por cento do produto que vendedes en Cárnicas O Labrego é propio?, que tipo de carne vendedes?

A de tenreira e vaca si é propia, logo vendemos porco que é noso ao cincuenta por cento, mercámolos de pequenos e cebámolos. Tamén vendemos polo, salgados e elaborados.

Entendo que criando vós, a vosa carne debe de ser de calidade?

Pois si,é de moi boa calidade. Nós xa desde sempre queremos que os nosos clientes e clientas poidan acceder á mellor carne galega a un prezo razoable. Creo que esa idea de negocio é a chave que explica a nosa longa historia.

Que horario tedes na carnicería?

De 8:30 h. a 14:00 h. pola mañá e de 16:30 h. a 20:30 h. pola tarde de luns a sábados. Descansamos as tardes dos luns e dos mércores.

Onde botas máis tempo, na carnicería ou na gandería?

Pola mañás vou dúas horas á gandería, logo vou a carnicería ata as 15:00 h. Polas tardes estarei a metade do tempo entre a carnicería e a gandería e polas noites na gandería de novo. Estarei máis ou menos o mesmo tempo nos dous sitios.

Isto implica dedicarlle moitísimas horas ao día?

Si, de luns a domingo, aos animais hai que coidalos todos os días.

Compatibilizar este ritmo coa vida persoal non debe de ser moi fácil?

Non o é,non. A avantaxe é que a min me gusta moito o que eu fago. Teño un fillo pequeno, Mateo, e el ven para a gandería comigo. Compartimos moito tempo nese contexto. A final, cando fas algo que che gusta, xeras espazos que xa transcenden o laboral e convértense nun universo de afectos e emocións.

A Mateo gústalle o mundo no que gañades a vida o seu pai e máis ti ?

Si, moito, quere ser veterinario de maior, agora xa revisa aos animais para ver se están enfermos. Para min estar aquí é mais fácil a hora de compatibilizar coa vida familiar, eu podo levar ao neno ao cole e as súas actividades. Na oficina non podería facelo. Adapto os meus horarios de traballo aos do meu fillo.

Cal é o perfil da clientela de tedes?

Maioritariamente de máis de 50 anos. Para captar á clientela máis nova estamos facendo os elaborados.

Como son os prezos do que vendedes: accesibles? ou é difícil mercar carne fresca?

Como antes mencionei; o noso produto é de grande calidade, e o prezo é accesible para calquera peto.

Cales son os produtos máis demandados?

Costeletas de tenreira, están moi boas.

A carnicería está na praza, como está a Praza de Salceda?

Necesita unha reforma, vai facerse agora, a primeira fase, a finais de ano e a segunda fase para mediados do 2026.

Hai moitos negocios na praza?

Non, hai poucos. Queremos animar á xente a que monte os seus negocios aquí.

Cales son os que hai?

Outra carnicería, unha froitería e unha tenda bar.

Que tal se porta o Concello de Salceda con vós?

Moi ben.

E do de Salvaterra ?

Non teño relación co Concello, animáronme unha vez a que emprendese alí pero o meu interese e quedarme aquí en Salceda.

É difícil ser emprendedora?

Ten que gustarche e dedicarlle moito tempo, tes que estar pendente as 24 horas.

Cales son as mellores e as peores épocas do ano?

As mellores son o verán e o nadal, pero en xeral todo o ano é bo.

O consumo de carne decaeu nos últimos tempos? ou é estable?

Ao contrario, no meu negocio cada vez hai máis demanda.

Para rematar Noelia, ti es a terceira xeración deste negocio, será Mateo, o teu fillo, a cuarta xeración?

Da carnicería non creo, ten moi claro que quere ser veterinario, da gandería pode ser que queira seguir con ela.

Cando Noelia se xubile, aínda que es nova e falta moito para iso, será a última xeración da carnicería?

Non o sei, daríame moita pena que non tivese relevo pero non o sei, aínda queda moito tempo e prefiro non pensar niso. Só podo dicir que no momento actual estou plenamente centrada en mellorar cada día para ofrecer aos meus clientes un produto de calidade que se achegue á excelencia. Quero que o noso negocio siga comprometido coa nosa contorna e coa sociedade na que vivimos durante todo o tempo que nos quede na profesión ao meu home e a min…Despois….pois non o sei, só o tempo o poderá dicir.