
Verísimo Sueiro é un sacerdote xubilado que aloumiña as 9 décadas de vida. Foi o primeiro alcalde das Neves despois da morte de Franco e a chegada da restauración borbónica. Aquelas eleccións gañounas liderando unha lista do PSOE pois Verísimo foi, toda a súa vida, un cura progresista, galeguista, solidario e fraternal. Non sei de Xesús existiu ou non, e tampouco sei se a parábola da expulsión dos mercadores do templo responde a algo parecido á realidade ou trátase, como supoño, dalgunha metáfora. Pero, de ser o caso que fose real, Verísimo de ningún modo estaría entre os expulsados a lategazos, todo o contrario, tería un lugar preferente a carón de quen para os cristiáns é o fillo de Deus. Naceu no Rosal cre que en 1.934, pero non está seguro de todo pois por unha banda as vacilacións propias da idade e pola outra a confusión do terrible contexto bélico no que viviu a súa infancia fixéronlle dubidar sobre a data exacta do seu nacemento. Malia todo, os recordos agromaron á súa mente con fluidez, e fixeron que as palabras doces, cálidas e tinxidas de certa nostalxia pola dor de acontecementos pasados caeran con forza na miña alma, como caen as fervenzas nos ríos desexosos de ser alimentados pola sabedoría e a bondade.
“A razón de meterme en política foi porque eu, humildemente, quería contribuír a que as cousas fosen mellor e a vida un pouco máis fácil”
Eu tíñalle Verísimo por un home do Condado, sorpréndeme moito iso de que en realidade naceu no Baixo Miño?
Nacín no Rosal si, no Barrio de Caselas, pero non me lembro moito pois cando saín de alí creo que tiña 3 anos.
E para onde foi?
Para Mondariz Balneario. Tiña un tío cura alí e fun vivir con el ata que tiven 23 anos
Cando se decidiu a ser sacerdote?
-emociónase profundamente- Aquela era unha época horrible. Naquel tempo moi cerca de onde eu vivía había un hospital militar franquista. E alí fusilaban aos republicanos. Eu era un neno moi pequeno e tiña unha avoa moi boa que me levaba moi pronto para a cama para que eu non escoitara os ruídos dos disparos e das mortes
A súa avoa conseguiu evitar que vostede, un neno, escoitase eses terribles asasinatos?
-volve emocionarse moitísimo-Non, eu oía todo, non era capaz de durmir. Nunca se me esqueceu aquilo. O meu tío era moi bo cura, pero era unha persoa especial, gustáballe moito Franco e as súas ideas. E unha vez, sendo eu moi neno enfronteime a el.
Cónteme ese episodio?
Díxenlle que como sendo cura pode defender a quen mata a outros seres humanos. Díxenlle que iso non era propio do cristianismo
Que lle dixo o seu tío?
Enfadouse moito comigo e a nosa relación xa nunca volveu ser como antes, de feito á misa xa me levou a miña avoa
A que o levaba pronto para cama?
Si, e tamén quero dicirche que ao día seguinte dos asasinatos a miña avoa xunto coas mulleres dos asasinados ía recoller os cadáveres , metíaos en sacos ou collíanos como boamente podían. Eu ás veces estaba con ela
E mirou vostede iso Verísimo?. Sendo un neno mirou como as mulleres dos asasinados recollían os cadáveres dos seus familiares?
Si, nunca o esquecín. E naqueles momentos foi cando decidín ser cura para predicar o cristianismo de verdade , non o que consentía semellantes atrocidades.
Cando decidiu ser sacerdote como reaccionou o seu tío?
Non quería, non quería que fose para o seminario pois víame como un futuro cura bolchevique
Ha ha ha ha.En que seminario estudou ?
No de Tui. Estiven arredor de 10 anos alí
Que recordos ten daquela época?
De todo tipo. Se tivera que quedarme con algo quedaríame co bispo daquel momento; López Ortiz , un home moi bo e moi intelixente que no seu momento tivera problemas serios co goberno da República. Recordo que era un gran especialista en literatura árabe, dos poucos que había en España.
Onde o ordenaron sacerdote Verísimo?
Na capela do seminario
Lémbrase dese día?
Si, con tristeza, porque o meu tío non quixo vir. Nese momento ordenámonos 3 persoas e eu estaba triste porque os outros dous levaron ás súas familias e eu estaba só.
Cal foi a primeira parroquia que che deron?
A de Batalláns. Tiña esa e a de Cerdeira e non había estrada ningunha para subir ata alí. Nin estrada nin luz
Como ía de Batalláns a Cerdeira , dacabalo?
Non, ía a pé. Sobre todo subía cando me chamaban para dar unha extrema unción .E non sei que pasaba que case todos os que morrían, morrían pola noite
Ha ha ha ha. Non creo que fose para amolar ao cura, aínda que subir a pé ata Cerdeira, pola noite sen estrada e sen luz, non debía de ser nada fácil?
Ía cunha cadela e a verdade era ela que a que me levaba pois era a que coñecía o camiño. Unha vez cheguei á miña casa tan esgotado que lle escribín unha carta ao bispo dicíndolle que deixaba de ser cura.
Vaia, e como reaccionou o bispo?
Mandoume a dous individuos, un o vicario xeral, e preguntáronme que parroquia quería eu, que me daban a que eu elixira
Cal escolleu?
A de Tortoreos. E alí estiven ata que me xubilei e vin para aquí
Moitísimos anos non?
Un feixe deles, xa non me lembro cantos.
Cando decidiches meterte en política?
Non sabería dicirche, e tampouco sei se se podería dicir que me metín en política. Pero naqueles anos había moita pobreza, represión desigualdades, inxustizas, e eu humildemente só quería contribuír a que as cousas mellorasen e a vida puidese ser un pouco mais fácil
Presentouse no PSOE e gañou as eleccións?
Si, seica a xente quería que fose nas listas un cura e mira
Se cadra ata tería axuda divina para poder gañar as eleccións?
Ha ha ha ha. Quen sabe…
Algo que queira destacar da súa época de alcalde?
Tiña un moi bo equipo comigo. Eramos como unha especie de sindicalistas campesiños da política. Naquel mandato aprobamos o primeiro plan de ordenación urbana do concello
Non tiveches problema co bispado por presentarche ás eleccións nas listas do PSOE?
Non , porque o bispo López Ortiz queríame , eu creo que era por iso que non me dixo nada. Xa che dixen antes que el era moi boa persoa
Por que só estiveches catro anos e non quixeches volver a presentarche?
Pois porque co bispo Cerviño xa cambiou o conto. E non me quedou outra que deixalo. Era boa persoa pero a min cansoume. Unha vez veu ás Neves de visita , sendo eu alcalde, e leu unha carta que lle mandara eu a el dicindo que era unha carta inapropiada para escribirlla a un bispo
Pero esa carta privada que lle escribira vostede a el, leuna en público?
Si, si, na casa do cura das Neves e había varios curas alí que aplaudían ao bispo Cerviño. Eu creo que un bispo debe de estar por encima de todo iso, querer o ben das almas , traballar para que sexa así e nada máis. En calquera caso ese episodio acabou por facerme decidir deixar a política.
E deixaches a alcaldía e seguiches como cura ata a xubilación?
Si claro, ata que me xubilei como cura
Seica che fixeron unha homenaxe moi bonita cando deixaches o sacerdocio?
Moi bonita e moi emocionante. Abofé
Moitas grazas Verísimo. Foi un pracer conversar contigo.