Xosé Antón Rodríguez “ Xuster”, candidato do BNG á alcaldía de Oia

Xosé Antón Rodríguez “ Xuster”, candidato do BNG á alcaldía de Oia

O candidato nacionalista á alcaldía de Oia é un político en sentido estrito, representa o que debe significar a política e pon en evidencia que aquilo de que todos os políticos son iguais é unha parvada estratosférica que non se corresponde coa realidade. “Xuster “ fai política de base. Patea as rúas, camiños e corredoiras, forma parte consubstancial do tecido asociativo do seu pobo, sempre está onde hai algún problema tratando de axudar a resolvelo. El dedica infinidade de tempo ao ben común, quitándollo á súa vida persoal, de maneira altruísta, só por convicción, “Xuster” non vive da política. E liderará a candidatura do BNG nas vindeiras eleccións de maio. Unha candidatura que non tivo necesidade de recorrer a xente de fóra para encher, pois está formada por homes e mulleres de todas as parroquias de Oia que senten e queren ao seu pobo .Nós falamos con el

Se alguén fixo política estes catro anos foi o BNG. Cremos que hai moitas posibilidades de que o PP perda a maioría, e nós non nos pomos teito nin límite.”

A pouco máis dun mes das municipais cales son as túas sensacións neste momento?

O que pulsamos desde o Bng nas rúas do noso pobo é unha sensación de malestar crecente na veciñanza co goberno de Cristina Correa, incluso no corpo tradicional de votantes do PP e pola contra unha corrente de simpatía crecente cara a oposición firme e construtiva que exerce a nosa formación política. As sensacións , ao respecto do resultado das eleccións de maio, son moi positivas.

Entón vós non percibides que a concellería da felicidade dera o que se di bos resultados?

Esa foi unha operación de marketing carente de contido real e que só tiña por obxecto agochar os graves problemas que padece o noso Concello.

Cales son eses graves problemas que refires?

O máis relevante é que temos gravísimos problemas medioambientais crónicos. De feito recentemente o BNG puxo unha denuncia sobre os vertidos que padece a costa de Oia. Nós temos unhas decantadoras que reciben as augas fecais dos sumidoiros das casas e van directamente ao mar sen ningún tipo de depuración.

E iso como o o solucionaría o BNG?

O problema está en que Oia non ten peso político. Malia que na Xunta goberna o PP, como en Oia, o noso goberno non ten o peso necesario de plantarse e esixir o investimento necesario para arranxar ese grave problema que degrada completamente a nosa costa. Hai que investir xa na depuración; ben sexa nalgunha EDAR ou en calquera sistema eficiente de depuración. Incluso como propuxo o BNG creando un servizo de baleirado de fosas sépticas.

Que máis problemas graves padece Oia ao voso xuízo?

A situación sanitaria do noso concello é pésima

En Oia temos unha cobertura de internet propia do terceiro mundo.

E como valoras a actuación do goberno neses dous asuntos que mencionas?

Oia quedou sen servizo de pediatría , algo intolerable. O BNG presentou unha moción pedindo o inmediato restablecemento do servizo de pediatría, moción que foi aprobada por unanimidade. Pero a incapacidade política da alcaldesa fixo que a moción quedara nun caixón pois non pelexou en absoluto por facela realidade.

Montamos unha plataforma en defensa da sanidade pública á que estariamos encantados de que se sumase e se puxese ao fronte e non apareceu, todo o contrario, facía campaña en contra.

A alcaldesa carece de capacidade de liderado para pórse en fronte dos graves problemas, de calquera problema que padece Oia. Por outra parte a súa actitude é moi censurable. Se lle levas a contraria compórtase de maneira despótica.

Como foi a vosa oposición estes catro anos?

Na liña política característica do BNG: patear as rúas, incluso das parroquias máis alonxadas da montaña e atender as necesidades da veciñanza. E iso facémolo cun só concelleiro. Canta máis forza poidamos ter mellor servizo podermos dar, que ese é o obxectivo político do BNG, servir ao ben común, non servirse da política para vivir dela. O traballo incansable do BNG de Oia non o cuestiona ninguén, nin sequera os simpatizantes e votantes do PP.

Cal é a opinión do BNG sobre a situación do Talaso?

A nós acúsannos de que queremos que se derrube e que se perdan eses postos de traballo e isa é unha forma indebida de presentar a realidade. O BNG non está a favor de que se derrube nada. E neste tema quere se cumpra a lei, pero a lei igual para todos. Por que a casa dun veciño, a carón do Talaso, foi derrubada, unha vivenda particular, e ese negocio non?.

Como mínimo aos responsables esa ilegalidade non lles debe de saír de balde. Agora mesmo o concello está a elaborar un plan especial de talaso terapia, que pagamos nós con cartos públicos, para tratar de legalizalo cando esa factura tería que pagala o propietario do negocio.

E quen son, a xuízo do BNG, os responsables políticos de que exista ese problema?

O ex alcalde Álvaro Miniño, o seu concelleiro de urbanismo, e o ex alcalde Alejandro Rodríguez.“ Leandro”.O que está facendo o actual goberno de Oia é tratar de salvarlles a cara tratando de legalizalo. E pola contra, como che dixen antes, a casa dun veciño é derrubada.

En relación á situación do Mosteiro cal é a posición do BNG?

Incumpre a lei de patrimonio e a Xunta mira para outro lado. Cremos que antes do 2030 non vai acontecer nada ao respecto deste asunto. Están elaborando un plan xeral e a oposición non temos ningún tipo de información sobre se contemplan algún tipo de actuación no Mosteiro.

A Xunta de Galicia é responsable por omisión pois non aplica a lei de patrimonio que lle insta a expropiar o ben de interese cultural e rehabilitalo. E a señora alcaldesa tamén por non denuncialo.

A Groba finalmente quedará liberada de eólicos?

Ao respecto deste tema o primeiro que creo xusto salientar é que na nosa comarca a oposición aos eólicos na Groba comezouse a facer palpable a raíz da moción que presentou o Bng de Oia coa inestimable colaboración do IEM.

O PP votou a favor desa moción

Si, pero porque os collemos co pé cambiado porque eles realmente si que queren os parques eólicos. Conseguimos salvar xa varios parques e agora queda o que afecta a Viladesuso. Agardemos que tamén quede en nada e que a Groba sexa por fin unha paraxe liberada de eólicos.

Cales son as expectativas realistas coas que se presenta a estas eleccións a candidatura do BNG que encabezas?

O BNG de Oia non se pon teito algún. Cremos que hai moitas posibilidade de que o PP perda a maioría absoluta, temos a certeza de que merecen perdela, e o bloque ten que ser a forza que lle dispute ao PP a maioría social do noso pobo. Agardamos unha suba significativa de apoio, en votos e en actas. Se nestes 4 anos alguén fixo política en Oia foi o BNG.

Tes definida a candidatura?

Si, son xente de Oia, temos representación de todas as parroquias e os perfiles son de persoas implicadas no tecido asociativo e cultural do noso pobo. Xente que fai política de base, que patea as rúas e camiños das súas parroquias e que coñece os problemas da veciñanza porque tamén os padecen.

De número 2 vai Carlos López” Gudelj” é o seu alcume, é de Oia. De número 3 vai unha moza de Viladesuso Lucía Ceide. De número 4 vai Rubén Otero un rapaz da parroquia de Burgueira, de número 5 Iria Fernández da parroquia de Mougás…….