Victoria Portas Alcaldesa de Cangas

Victoria Portas Alcaldesa de Cangas

Por moi complicada que pareza unha situación sempre, pero sempre sen excepción, podemos atopar unha saída ou polo menos unha resposta nos clásicos. E a situación política da esquerda de Cangas non é que sexa complicada é que roza o delirium tremens resultante dunha situación kafkiana, xa que con 14 actas da esquerda fronte a 7 que ten a dereita non se pode desbotar, nin moito menos, que o PP do nefasto Jose Enrique Sotelo recupere a confianza maioritaria da cidadanía canguesa nas vindeiras municipais. E vou recorrer a un clásico entre os clásicos, en concreto a Cicerón e ás súas Catilinarias para preguntarlle a Victoria, a Mariano, a Aurora, a Avante e ao BNG : “ Quosque tandem abutere patientia”? Ata cando ides abusar da paciencia das e dos votantes de esquerda? Ata cando ides permitir que os intereses de parte impidan gobernar aplicando políticas en beneficio das maiorías que vos votaron?. Seguro que a situación económica na que se encontra o concello é responsabilidade dos gobernos do PP ,non me cabe dúbida que é así. Promalar, Aqualia, o edificio Noria… son problemas gravísimos que veñen da infausta xestión do pésimo goberno de Sotelo. Pero da situación política do concello non se pode facer responsable á dereita, pois que con 14 asentos da esquerda( 4 concelleir@s de ACE, 4 do PSOE , 3 de AVANTE e 3 do BNG) a estas alturas do mandato o goberno sexa só dos 4 de ACE, coas relacións entre as dúas forzas que formaron a coalición probablemente rotas, é unha grave neglixencia política que xa queda moi pouco tempo para tratar de amañar .Despois dun intento de recompoñer relacións co PSOE, que acabou mal, nós conversamos coa alcaldesa.

Cangas está nunha situación económica moi complicada, responsabilidade dos gobernos do PP de Jose Enrique Sotelo”

Que pasou que non hai maneira de reconducir a situación co PSOE e volvelos integrar no goberno ?

Ben, o primeiro que hai que deixar claro é que desde un punto de vista cuantitativo a suma das actas de ACE e as do PSOE non chegarían para termos unha maioría

Xa, pero era o goberno que tiñades antes do falecemento de Pazos e antes da ruptura co PSOE?

É certo, pero volvo dicir o mesmo para ter maioría precisariamos 11 votos e non 8 que é a suma que dan as nosas actas máis as do PSOE.O motivo de non chegarmos a acordos xorde de que as posturas non se queren mover un milímetro e desa maneira non se pode chegar a ningún tipo de pacto.

Cando dis que non se moven as posicións a quen te refires?

Ao PSOE

Están rotas as negociacións?

Pola miña banda non. Eu estou totalmente aberta a falar calquera cousa en calquera momento. Pero tanto co PSOE como cos outros dous grupos de esquerda

Un goberno de 4 sobre 21, non digo que sexa inviable pero si terriblemente difícil. Hai algunha posibilidade de que se poida reverter a situación antes da fin do mandato?

Eu non podo falar polos demais. Só reiterar o que che dixen antes, que estou disposta a falar de todo sempre. Tamén che quero dicir que queda pouco , ano e pico, para as eleccións e teño claro que hai organizacións que xa están en pre campaña. E recoñezo que é unha situación que me dá rabia porque é moito máis o que nos une o que nos separa.

O goberno de Cangas é un goberno de 4 ou un goberno de 3?

De 4

Aurora, a concelleira de Esquerda Unida forma parte, non digo teoricamente que xa sei que si senón na realidade, do goberno?

Ela forma parte do goberno exactamente igual que os demais. Se non fose así non estaría nel.

O concello de Cangas está en Bancarrota?

Cangas está nunha situación económica moi complexa. Estamos cun plan de axuste que aínda non rematamos e que nos supón moitas dificultades para acometer diversas actuacións necesarias. E xa así era difícil coa sentenza de Promalar as cousas ponse complicadísimas. Parecía que estabamos a ver a luz ao final do túnel e esta sentenza caeu como un xerro de auga fría

Que cantidade lle pode supor ao Concello está sentenza?

Pode chegar a 6 millóns de €

Que barbaridade¡¡

E tanto que si. Non é ningunha broma

Na nota de prensa que mandaches ao respecto deste asunto atribuíaslle a responsabilidade ao goberno de Sotelo. Toda a responsabilidade tena o PP?

Ese convenio está asinado no seu mandato. Igual que a sentenza do edificio Noria, un edificio ilegal, que está tamén a punto de caer e que tamén pode ser moi dura para o Concello. Necesitamos saír desta situación para pode pór a Cangas no lugar que se merece

Falando de cuestións económicas algo que tampouco axuda é a importante redución na achega monetaria da Xunta para o mantemento da unidade de drogodependecia?

Pois si, é que é un cúmulo de situacións que fai todo moi difícil. Esta Unidade atende tamén a Bueu e a Moaña que non poñen nada. O custe da unidade está en torno aos 400.000€ ano dos que este ano a Xunta sachega só 200.000 co que nós teremos que cubrir o outro 50%.E claro nós non podemos deixar sen atender aos usuarios e usuarias da unidade .Xa trasladamos a necesidade de que sexa o SERGAS quen vaia asumindo as competencias de xestión da Unidade, por exemplo facéndose cargo das novas contratacións derivadas das substitucións de persoas que se van xubilando

E que vós responde a Xunta?

Silencio total e absoluto. Pero como che dixen son moitas cousas, por exemplo o auditorio tamén nos supón un gasto por encima das nosas posibilidades

Cóntanos as características do museo do videoxogo?

Ben pois é un proxecto excelente duns marabillosos rapaces de Cangas que cando nolo presentaron tanto a Aurora, concelleira de Cultura, coma a min encantounos. E en todo o que lle puidemos axudar, axudámoslle. Está na rúa Andalucía, unha das que sobe do auditorio, e eu agardo que funcione moi ben. Polo de agora van abrir todos os sábados e para a excursións de coles e peticións que poida haber.

Levas 9 meses de alcaldesa Victoria, cal é a valoración que fas dese tempo?, e cales os teus obxectivos ata o final do teu mandato?

Pois case podería dicir que foron 9 meses tipo parto

Pero un parto fácil?

Non, un parto complicado. Pero sigo insistindo en que mentres me deixen vou traballar con todo o entusiasmo e ilusión. Malia a situación, complexa, creo firmemente que Cangas pode ser outra cousa

Rematamos. Podemos preguntarche polas túas previsións sobre como se pode articular o complicadísimo xeroglífico que é a esquerda política canguesa?

É moi pronto para poder responder con rigor a esa pregunta.