Xosé Manuel Rodríguez, alcalde de As Neves

Alcade de As Neves

Xose é un tipo brillante, cálido e cordial, que ten un compromiso emocional absoluto co seu pobo, e que estou seguro que, como Pepe Represas en Ponteareas, pasará a historia como o mellor alcalde de todos os que tiveron a honra de ostentar a máxima representación na política local. Unha vez máis foi un pracer para min conversar con el

A maior satisfacción que esta etapa como alcalde me pode dar é que as persoas das Neves estean moi orgullosas do noso pobo, e que a xente de fóra, que nos coñeza, sinta desexos de compartir o seu camiño con Nós”

Hai tempo que non tiñamos ocasión de falar alcalde. Como vas as cousas polas Neves?

Eu diría que moi ben. Estamos nun momento político cunha gran estabilidade, isto inflúe en que poidas tomar decisión con tranquilidade, decisión e perspectiva.

A última vez que falaramos as túas relacións co PSOE, o teu socio de goberno, a eran excelentes. Sigue sendo así?

Seguen sendo así. Eu só teño palabras de agradecemento para o traballo, lealdade e, incluso o afecto que se lle pon ás cousas. Non hai nin un só aspecto que non foramos capaces de resolver cunha conversación serenísima. Temos un nivel de acordo que eu diría espectacular ao respecto de como debe ser o modelo de goberno.

Xa , pero iso, no mandato anterior non foi así. O antigo portavoz do PSOE segue na corporación non?

Si, Eduardo Mariño segue, pero fixo unha especie de transfuguismo político, presentouse no número dous pola lista do PSOE, foise do PSOE pero non devolveu a acta de concelleiro. E está como concelleiro non adscrito.

Fai algún tipo de oposición?

Si, fai unha oposición decidida ao goberno, e nada construtiva.

Tamén lle fai oposición aos seus antigos compañeiros de partido nas áreas que leven eles?

Radical.

E as relacións co PP como as tedes?

Son de respecto institucional, non temos ningunha fricción máis alá das derivadas do exercicio e da actividade de goberno que se evidencia nun pleno ou nalgunha petición que se poida facer. Nada que destacar.

O abandono do rural por parte da mocidade, que carece de alternativas, e o conseguinte envellecemento da poboación é un problema enorme que sofre o país galego. Pódese facer algo desde os concellos? Fai algo para tratar de mitigalo o goberno de As Neves?

Eu diría que isto é o gran problema deste país. Eu creo que na actualidade hai un percepción social máis positiva do mundo rural despois deste episodio tan dramático da pandemia, interesándose polo rural como un espazo onde poder vivir. A administración municipal ten pouca marxe para abordar un problema desa dimensión. Pero todo o que haxa imos tratar de aproveitalo desde logo

Creamos un programa desde o concello que é “Vive nas Neves” que pretende, en esencia, que as xentes que somos das Neves esteamos moi orgullosos e orgullosas de selo, valoremos moi ben o que temos e o que somos, e para a xente que non é das Neves, teña o desexo de vir a vivir As Neves.

Como se pode facer isto?

Cunha liña informativa que conta o que somos y o que temos. Temos o ciclo formativo completo desde gardería, infantil, primaria, instituto ata o bacharelato e formación profesional. Levamos feito unha inversión altísima desde o goberno municipal mellorando as instalacións educativas para que isto sexa de calidade.

Todo isto conforma unha gran oportunidade para poder mellorar a nosa transmisión da idea do que somos polo mundo a través dos ollos desa xente que nos visita e nos coñece. Isto tamén é unha oportunidade económica importante porque xera alugueres, ventas…

Hai nicho de mercado para mercar ou alugar casa se se quere vir vivir aquí?

Si, acabamos de crear este ano un portal inmobiliario público informativo e poñemos as ferramentas para que a xente coñeza a oferta de vivenda que hai no concello, tamén para que a xente que está demandando unha vivenda poida anunciarse neste portal.

Como se chama?

Portal inmobiliario de As Neves.

Ademais deste porta tamén queremos facer respectar o patrimonio inmobiliario que existe, intentar estimular as propietarias ou propietarios deste patrimonio para que se restaure e se volva poñer outra vez en circulación. Hai moitas vivendas abandonadas no casco urbano. Este casco é moi bonito con moitas vivendas de calidade e non ten moita ocupación, ten vivendas valeiras todo o ano e creemos que en lugar de facer novas construcións, hai que apoiar a recuperación deste patrimonio.

Alén de ter unha educación competa e de calidade, posibilidade de adquirir vivenda bonita a moi bo prezo, tamén temos que ter servizos, sobre todo servizos sanitarios. Recentemente estabas nunha protesta en defensa da sanidade pública de As Neves, como está esta situación sanitaria no pobo?

Temos un problema de dotación efectiva de medios para a sanidade pública por parte da Xunta de Galiza que é notablemente mellorable. Estamos negociando co Sergas para que se faga cargo do mantemento do Centro de saúde do concello. O mantemento e limpeza corre a cargo do concello e isto non ten sentido.

Creo que debedes de ser o único concello que se encarga disto.

Hai algún máis por aí, pero moi poucos. O Sergas di que como o edificio é noso, temos que encargarnos do mantemento. Isto é competencia da Xunta e estámoslle quitando recursos ao concello para outros asuntos.

Os medios humanos e técnicos que ten o centro de saúde son os suficientes?

Se houbera as necesarias substitucións nas baixas, vacacións ou permisos do persoal sanitario non estaría mal. Hai tres consultas médicas, enfermería, pediatría, pero non hai vontade ningunha de que estean ao 100% e isto si que é un problema, cando hai falta de persoal hai deficiencia nos servizos e retrasos nos mesmos.

Logo, os medios técnicos e a infraestrutura hai que mellorala, por iso estamos negociando con eles, queremos facer a transferencia ao Sergas para que fagan unha inversión importante.

Outros alcaldes e alcaldesas coméntanos que a pandemia provocou que moitas familias precisen axuda dos servizos sociais do concellos para atender as súas necesidades máis básicas. Nas Neves tamén notastes este fenómeno?

Si, sen dúbida. Xa no incendio do 2017 adiantamos esta percepción. Este incendio provocou, a maiores do desastre ecolóxico e económico, unha percepción sobre as necesidades da xente. Decatámonos do abandono que pasa unha persoa maior pola cantidade de horas que pasa soa. Tamén no lo reflexan as traballadores do fogar ou as de dependencia, que estas persoas o que máis agradecen é a compañía. Por isto fixemos un programa con Avelaíña co que temos pensado seguir que é o acompañamento e actividades.

As condicións que posibilitaron a terrible vaga de lumes do 2.017 desapareceron ou hai posibilidades de que os lumes se repitan si se dan as condicións ?

Esta resposta non me gusta nada, pero é que si pode volver pasar. No noso concello, a xestión do que ten que ver coa propiedade forestal privada que estivo afectada polo incendio non obtivo ningunha axuda. Non existe ningunha liña de axudas para que o propietario do terreo arrasado polo lume se poida ver estimulado a recuperar esas terras cun uso diferente, substituír a proliferación natural e automática de eucalipto por outro tipo de cultivo ordenado. Na Xunta non nos fixeron ningún caso para que puxeran ao concello de As neves como oportunidade para mostrar o modelo de xestión forestal, que quería aplicar neste país, pois tiñamos o 90% do terreo calcinado.

O que si quero destacar é o papel das comunidades de montes que traballaron arreo e moi ben para reverter a proliferación masiva do eucalipto e darlle un xiro a como se quere traballar a parte forestal e de ordenar este uso.

Un pregunta cuxa resposta tampouco che vai gustar. O Outro día estaba tomando algo no bar ao carón do instituto á hora da saída e observei que ningún mozo e moza falaba galego nas Neves, isto é unha desgraza.

Comendo o outro día na Coruña cuns amigos comentabamos isto. Todos temos fillos que abranguen diferentes tipos de idade e chegamos todos a mesma conclusión, cando estes rapaces e rapazas entran no ciclo formativo, cambian o seu idioma de relación. Eu engadería a maiores de que os medios a través dos cales socializan como as redes sociais ou a televisión, transmítense basicamente en español, aprenden que as cousas que lles gustan se comunican nese idioma e establéceno como idioma de relación. Pero a situación do idioma galego é moi difícil, abofé que si

Fainos unha síntese das principais actividades para dinamizar o tecido cultural do pobo que tes feito neste mandato.

Desde o inicio de todo temos un programa aberto que se chama “As Neves estación cultural” non que incorporamos unha estrutura das actividades culturais. Exemplo: o outono, o teatro; a primavera, a música; o inverno de cinema. Así están incluídas todas as disciplinas artísticas das actividades culturais que desenrola o concello. Tamén temos especial sensibilidade á hora de programar festas como a do requeixo, a do viño, as festas patronais, ou eventos que teñen que ver coa oportunidade de ofrecer produto de consumo cultural, o uso da lingua, a cultura máis popular. Queremos destacar o que somos, e a cultura en gran medida, representa o que somo como sociedade.

Que tal estivo a Festa do Viño este ano?

Xenial, creo que o mellor ano de todos con diferencia tanto en participación de xente coma nas das adegas. Quedamos moi contentos.

O problema da variante de Setados está arranxado xa?

Non, en absoluto, nin creo que haxa intención política da Xunta de arranxalo.

Pero algo fixo a consellería?

Si, cambiaron a pintura, unha solución de tránsito que serviu para darlle un pouco máis de seguridade pero aquí necesítase outra cousa, necesítase un cruce de verdade. Hai cruces e accesos ao concello no que hai moitos accidentes e casas moi pegadas á calzada con risco. A consellería non abordou ningunha das propostas de seguridade viaria que lle levamos proposto desde o ano 2015.

E coa DEP que tal?

Temos 400.000€ de financiamento da Deputación para facer a urbanización do entorno do colexio , que diferencia coa Xunta da que non temos nada¡¡

Cando imos comezar a operar na contorna do colexio?

En canto nos chegue a concesión licitaremos a obra e xa.

Rematamos Xose, como estás de ánimo, de ilusións forzas e gañas?

Teño de todo iso máis que antes. Aquí chegas con moita intención e certa dose de impulso na que che falta algo de control. Agora teño este impulso con moito máis control.