Lucía Santos, voceira do BNG de Marín

Se algún dos 35 concellos da nosa área de influencia precisa un cambio político con urxencia ese é Marín. Este concello ten graves problemas estruturais que fan moi difícil poder construír un proxecto de vida na localidade. A constante perda de poboación que padece Marín é un indicio evidente de que vivir en Marín non é nada doado. A dificultade extrema que supón aparcar no centro da vila, o deficiente estado da súa sanidade ou a imposibilidade de atopar vivenda para alugar son outros graves inconvenientes que existen na vida diaria marinense e ante os que un goberno esclerotizado que se centra no postureo e no populismo non fai absolutamente nada por solucionar. Nós falamos con Lucía Santos, voceira do BNG, para coñecer como afrontan os nacionalistas estes meses que quedan ata o vindeiro proceso electoral.

O ciclo de María Ramalllo está esgotado. Nós estamos cargados de ideas e de ilusión en mellorar a vida da veciñanza de Marín”

Estamos xa en ano pre electoral. Nótase no clima político de Marín?

No BNG non o notamos porque levamos traballando coa mesma intensidade desde o primeiro día do mandato. Outros están acendendo os motores agora. Nós estamos a tope desde o principio. Cumprimos escrupulosamente os nosos compromisos coa veciñanza de Marín, e exercemos unha oposición contundente, propositiva e responsable.

Notas que o PSOE e o PP están acelerando motores agora?

Si, si que o noto. É máis, noto nerviosismo e incluso malas formas.

Malas formas por parte de quen?

Por parte de tanto do PSOE como do PP. Especialmente nótoo no PP pois incrementaron o seu nivel de agresividade de maneira notable. Vemos que lles molesta que levemos propostas que son absolutamente necesarias para a veciñanza de Marín. Entón o que fan é disparar ao mensaxeiro.

Faime unha valoración global do mandato?

A valoración é negativa. Marín segue en declive. Este deterioro nótase en parámetros moi diversos pero é especialmente significativo no que se refire á perda de poboación. Levamos 14 anos seguidos perdendo poboación.

A tendencia non se frea?

Non, non se frea en absoluto. Por primeira vez en décadas Marín baixa dos 24.000 habitantes. O modelo de vila que ofrece o PP non é adecuado para a nosa vila. Cada vez é máis complicado poder vivir en Marín con normalidade.

O estado da sanidade?

Igual en quen todo o país: moi malo. A atención primaria funciona fatal e en consecuencia os servizos de urxencias están colapsados. O máis desolador desta situación é que a alcaldesa nega a realidade e non apoia as reivindicacións da sociedade civil de Marín para protexer a sanidade pública. Como sempre a nosa alcaldesa dálle prioridade ás necesidades do seu partido sobre as da veciñanza.

Aparcar en Marín segue sendo tan complicado como sempre?

Cada vez peor. É un problema que vai a máis.

No actual mandato a construción dun aparcadoiro soterrado no parque Eguren foi unha das propostas estrela do PP. En que quedou?

No BNG opuxémonos desde o principio. Sempre dixemos que non ía ser viable e o tempo deunos a razón. O proxecto quedou aparcado e o goberno non está traballando en ofrecer alternativa algunha ao respecto.

Outra das promesas top do PP foi facer unha piscina de auga salgada. Está feita?

Si, neste caso hai que recoñecer que si cumpriron a súa promesa e a piscina si que está feita. O único pero é que nesa piscina non se pode bañar ninguén.

Vaia, eso recórdame ao famoso aeroporto sen avións que fixera o PP en Castellón. Como é iso dunha piscina na que non é posible bañarse?

Pois porque está feita nunha zona non apta para o baño. O desa piscina é un exemplo notable da forma de xestionar irresponsable e populista do goberno de Marín. Tiraron os cartos e degradaron o último espazo con identidade mariñeira de Marín, un desastre vaia.

En que estado está o antigo edificio Baladrón?

Comezou a ser rehabilitado por unha iniciativa empresarial privada. O BNG puxera o foco na necesidade da súa rehabilitación e xa que logo alegrámonos de que sexa así. Pero lamentamos profundamente que o Concello fixera caso omiso da nosa proposta de que fose a administración municipal a que o rehabilitara. Ese edificio en pleno centro da nosa vila podería ter múltiples usos que fosen en beneficio do ben común da veciñanza( Servizos sociais, unha biblioteca, unha aula de estudo, un museo do mar…). E agora por mor do desleixo do Concello só vai servir para beneficiar a unha empresa.

En que estado está a proposta do BNG de abrir Marín ao mar?

Foi ao congreso español, da man do deputado do BNG Néstor Rego, e foi aprobado en comisión parlamentar coa abstención do PP e do PSOE. Nós pedimos a ambos que teñan altura de miras, que pensen na veciñanza e fagan o necesario para que poida chegar ao terreo da realidade concreta.

É necesario abrir Marín ao mar?

É absolutamente necesario. Marín perdeu a súa conexión co mar e nós pedimos que unha serie de espazos volvan a ser públicos para recuperala. É algo perfectamente viable que non vai contra ninguén, e que só persegue que se nos devolva a nosa conexión co mar en beneficio do conxunto da veciñanza.

Como está a saúde do BNG de Marín?

Mellor que nunca. Temos un equipo marabilloso de xente moi preparada e comprometida co que é un pracer traballar. A min fanme todo moito máis fácil, e é unha honra compartir espazo cos meus compañeiros e compañeiras. Cando o meu ciclo na política se acabe, a compañía de persoas como Tino, Davinia, Celia e dos demais militantes do BNG de Marín vai ser desas cousas que deixe pegada na miña alma para todo o que me quede de vida.

Terminamos. É posible soñar cunha alcaldía nacionalista en Marín no ano 27?

Nós vímolo soñando desde hai moito tempo, pero estou convencida de que desta volta o soño vaise converter nunha fermosa realidade. O PP non ten proxecto político, o ciclo de María Ramallo está esgotado e nós estamos cargados de ideas e de ilusións para mellorar a vida da veciñanza de Marín. Non nos pomos ningún tipo de límite e imos a por todas con humildade pero con convicción.