Que está pasando en EEUU?: Unha ollada desde dentro

Os Estados Unidos están a desenvolver unha política extraordinariamente agresiva tanto interna como externa. No interior do país a presión contra as persoas migrantes, contra as persoas migrantes pobres, alcanza niveis moi elevados que incluso chegaron ao asasinato a sangue frío por parte dun policía dunha muller nos primeiros días deste ano sen que o asasino , protexido por inmunidade federal, teña que asumir ningún tipo de responsabilidade penal. No que respecta á política exterior semella que decidiron practicar a piratería, o roubo dos recursos naturais alleos, sen ningún tipo de pudor. O tres de xaneiro agrediron militarmente a Venezuela e secuestraron ao presidente Nicolás Maduro e a súa esposa Cilia Flores. Pero o límite da agresividade da política exterior dos americanos parece non ter fin e atrévense a ameazar militarmente a un estado da UE e membro da OTAN como Dinamarca, se non lles ceden a illa de Groenlandia. Que está pasando realmente no país norteamericano?..Nós falamos co noso amigo Koki, veciño da cidade Nova York desde hai máis de 3 décadas para coñecer a súa opinión

Francisco Álvarez “ Koki”.

Agora mesmo os EEUU son unha ditadura”

Cando marchaches por primeira vez aos EEUU?

En 1984.

Fuches só?

Non, marchei con Loli, a miña compañeira, e co meu fillo Breogán, que daquela tiña 3 anos.

Canto tempo estiveches vivindo nese país?

Arredor de 30 anos. Vou e veño case todos os anos.

Tes casa en EEUU?

Si, temos unha casiña na que temos pasado momentos moi felices.

Onde?

En Queens, que é un dos distritos da cidade de Nova York.

Tes a cidadanía norteamericana?

Si, si que a teño. Non desboto que en calquera momento ma saquen, pero de momento téñoa.

Cando chegaches que tipo de sociedade atopaches?

Eu non tiven ningún problema para integrarme. Traballei no que puiden para poder vivir o máis tranquilo posible.

Canto tempo tardaches en ter a cidadanía estadounidense?

Moito. Téñoa desde hai máis ou menos 10 anos. A miña muller e o meu fillo obtivérona antes ca min.

Mentres non a tiveches estabas nunha situación irregular?

Os cinco primeiros anos estiven ilegal. Non tiña residencia. Logo amañei cun contrato de traballo. Se me colleran nos tempos de hoxe probablemente sería expulsado. Naqueles tempos se un non se metía en problemas normalmente non había ese tipo de redadas que hai agora. Eu en EEUU tiven unha vida sen sobresaltos.

A que achacas a situación actual na que parece haber unha presión sen límite ético algún sobre as persoas migrantes, e agresións e ameazas contra distintas zonas do mundo?

Ao meu xuízo a razón fundamental está na tolemia do actual presidente. Un tolo con poder, como é o caso do presidente Trump, é un enorme perigo para a humanidade.

O que está acontecendo non é moi diferente da situación que provocou a Alemaña nazi pouco antes da segunda guerra mundial. En ambos contextos a voracidade imperialista dos respectivos líderes parece non ter fin. Eu non son simpatizante de Maduro. Pero é intolerable que un país sexa agredido e un presidente secuestrado como pasou en Venezuela.

Ti afirmas que a razón principal é o perfil de Trump. Pero non cres que detrás diso pode haber razóns estruturais derivadas de que estamos ante un imperio en decadencia?

Seguro que si que existen eses motivos. Pero eu creo que con outro presidente non estariamos nesta situación.

Como pensas que evolucionarán as cousas? Irá a máis ?

Eu creo que é impredicible. Un tipo con ese perfil pode actuar de calquera maneira. Os EEUU están pisando terreos enormemente perigosos, e o que máis me asusta e me decepciona tamén é a ausencia de resposta por parte da UE. Eu creo que a cousa vai ir máis alá pero non deixa de ser unha especulación.

Este é o segundo mandato de Trump. A constitución norteamericana impediríalle presentarse unha terceira vez, verdade?

Si, pero eu creo que el vai tratar de cambiar a constitución.

Ti cres que que chegará a tanto?

Eu creo que si. Sería o primeiro caso na historia dos EEUU, se o logra, no que un presidente tratara de obter un terceiro mandato. Pero agora mesmo os EEUU son unha ditadura. Dáte de conta de que a súa política é mandar tropas aos estados nos que gobernan os demócratas. Tropas que están exercendo a violencia. Para mostra temos o caso desa muller asasinada a tiros no seu coche por un policía.

Cando foi a última vez que estiveches alí?

O ano pasado.

E que pulsión maioritaria captabas nas rúas?

É difícil de dicir. En calquera caso a cidade de Nova York non é un termómetro adecuado para analizar os Estados Unidos, pois hai infinidade de persoas que veñen de moitos sitios diferentes. A cidade é a que menos se parece aos estados Unidos. O que si vin é unha certa preocupación polo futuro, pero vina en persoas que son demócratas en persoas que son racionais e que non se identifican en absoluto co presidente Trump.