FRANCISCO ÁLVAREZ (KOKI), ESCRITOR DE A GUARDA

RANCISCO ÁLVAREZ (KOKI), ESCRITOR DE A GUARDA

Os camiños da vida leváronnos ás terras do Baixo Miño. E non podiamos deixar a oportunidade de compartir un rato agradable de conversa con quen sempre é un pracer conversar o noso amigo Koki, o escritor da Guarda tinxido dos ritmos lorquianos de “Poeta en Nueva York” en moitos dos seus versos , e alumeado pola ira e o amor dos poetas revolucionarios que aspiraban a que a literatura fose un arma cargada de futuro

A nosa xeración foi a primeira que rachou a cadea de transmisión xeracional do idioma galego, e agora temos un problema moi serio”

A túa traxectoria vital nos últimos anos estivo repartida entre A Guarda e Nova York, isto rematou xa?

Non, non rematou, só que agora estou máis tempo aquí na Guarda. Levo aquí todo o ano polo tema da pandemia, alí vivo nun estudio onde non teño moito espazo e considerei mellor quedar aquí, pero teño que seguir viaxando

Cando tes previsto volver a Nova York?

Pois non o teño claro, posiblemente na primavera.

E neste tempo na Guarda a que te dedicas?

Teño varios proxectos como o libro para nenos que acabo de publicar hai uns meses “Olivia e o clarinete máxico”, tamén acabo de publicar unha antoloxía de poetas españoles que están en Nova York, son naturais de diferentes cidades españolas que ensinan nas universidades de Nova York ou traballan alí.

A presenza do español en Nova York é importante?

É bastante importante, agora máis ca nunca hai un profesorado español nas universidades e moitos deles están metidos no eido cultural a través de institucións, asociacións, o instituto Cervantes, o consulado español. Pareceume interesante facer unha antoloxía con eles, xa fixera unha no ano 2003 “ Piel palabra” e agora esta sobre o universo de Federico García Lorca chamada “ Luna y panorama sobre los rascacielos” do libro “Poeta en Nueva York”

Cando se publicou esta antoloxía?

Fíxose unha primeira publicación no consulado de España no ano 2019.

E que acollida tivo?

Tivo boa acollida pero nun círculo moi cerrado. Non estaba á venda, era para agasallar. Estivo moi ben como proxecto pero eu quería saber ata onde podía chegar. Cando cheguei de volta de Nova York mandei o orixinal a distintas editoriais e a Editorial Juglar de Toledo fixo a edición coa portada tamén de Emilio Baz.

Todos os poemas son en lingua castelá?

Si, todos.

Antes pregunteiche pola presenza do castelán en Nova York, agora vouche preguntar pola presenza do galego; Existe en Nova York?

Si, sempre existiu, o galego emigrou por moitísimos países. A principios de século foi unha inmigración masiva de servizos pero agora penso que é máis profesional de xente que en Galiza non atopa o seu oco e vai en busca onde mellorar a súa vida. O que non hai é unhas sociedades que se preocupen da cultura galega.

Pero supoño que haberá algún colectivo de Galegos en Nova York?

Hai unha casa de Galicia en Nova York. No meu libro “A memoria das palabras” eu critico a este centro galego. Teño unha triste anécdota: cando publiquei “Ratas en Manhattan”, unha serie de galegos que pertencían a ese centro sentíronse reflexados no libro. Un día, a deputada polo BNG Ana Miranda visitou o centro e eu acompañeina, ese día negáronme a entrada en casa Galicia, foi moi triste.

E con que argumento che negaron a entrada?

Pois que “os insultara no meu libro”. Se algún deles se sentía reflexado en “Ratas en Manhattan”, o problema era deles, non meu. Eu no quixen reflexar unha sociedade. Historicamente os galegos somos moi republicanos e houbo moitos galegos no exilio. Coñecín a Emilio González López, que deu conferencias na casa galega de Nova York. Deste home din que cruzou as liñas inimigas para salvar o Estatuto Galego de autonomía. Sempre dixo que nunca volvería a Galiza mentres non morrera Franco, mesmo faleceu a súa nai estando el no exilio e non veu ao enterro, cumpriu o que dixo e foi un home de palabra.

Fálame un pouco de “Olivia e o clarinete máxico”?

Esta é a historia dunha nena que vive na Guarda coa súa familia e tamén ten familia no Tomiño. Esta é unha nena chea de soños e ilusións acostumada a subir aos faiados. Nun faiado atopa un baúl de facer as Américas usado nalgún momento na inmigración, nel atopa un clarinete e cando pregunta de quen era dinlle que do seu bisavó, que fora músico. A súa nai cóntalle que lle tocaba o clarinete mentres estaba na barriga e faleceu unha semana antes de que ela nacera. A nena parece que recoñece esa música e comeza a asubiar, métese na asociación cultural musical de A Guarda cun clarinete novo, os pais non lle deixan usar o vello porque pensan que nun concerto non lle vai servir, pero ela, dalgunha maneira, leva o clarinete do seu bisavó ao seu primeiro concerto. O clarinete toca de marabilla e cando o está usando nota como unhas mans tocan o clarinete e poden ser as mans do seu bisavó. O concerto é na igrexa de a Guarda e, mirando para o teito, ve a imaxe do seu bisavó. O concerto foi marabilloso e todo o mundo queda entusiasmado. Eu trato de facer unha historia musical, pero tamén humana.

Como se distribúe o libro?

Está en tódalas librerías do baixo Miño, Vigo, Santiago.

Cal é o seu prezo?

15 Euros.

E en que idioma fala Olivia?

Olivia fala en galego, pero o libro é trilingüe, galego, castelán e inglés. O que publico aquí fágoo todo en galego.

Entón Olivia fala galego pero os nenos e nenas de Salcidos, a túa parroquia, en que que lingua falan?

En galego, por desgraza, moi poucos. A nosa xeración non foi capaz de transmitir o galego aos seus descendentes e agora temos un problema de ruptura na cadea de transmisión do noso idioma. Se te paras na porta dun colexio verás que a maioría dos nenos saen falando castelán. É unha mágoa e as perspectivas de futuro do idioma galego son moi negras

Que proxectos tes para o futuro?

Teño un libro inédito que debería de saír en decembro, este é un libro social moi duro e a ver se no teño problemas. Chámase “Aldea Buxán”, é un libro de contos, de narrativa social, .

Logo en castelán van saír dous libros. Un de narrativa social “Hijos de la luz y dela Ira” e un de temática amorosa que vai saír publicado en Madrid. Non teño problema por editar en castelán pero para publicar en galego si, aquí hai catro tontos que marcan todo o espazo.