A ruta dos muíños do Folón e do Picón xa é máis accesible

A ruta dos muíños do Folón e do Picón xa é máis accesible

O veciño do Rosal, Manuel Sobrino, realizou todo o percorrido na cadeira todo terreo que adquiriu o Concello

O Rosal, 09 de novembro de 2021

O Rosal continúa no seu percorrido para converterse nun municipio máis accesible e inclusivo. O veciño, Manuel Sobrino, rematou a ruta dos muíños do Folón e do Picón na nova cadeira todo terreo que adquiriu o Concello. Un gran salto na inclusividade e accesibilidade dun dos lugares de maior riqueza natural e patrimonial do Rosal que, en palabras de Sobrino, por fin “deixa de ser inaccesible… non hai palabras para describilo”.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que nos muíños do Folón e do Picón “a cadeira demostrou que é eficaz en superficies de gran pendente”, e engade que os rosaleiros e rosaleiras con mobilidade reducida “pronto desfrutarán dun servizo permanente para facer sendeirismo de xeito programado acompañado dun equipo de voluntarios e voluntarias”. A rexedora tamén quere agradecer a Manuel Sobrino “o seu esforzo e dedicación”, e ao Club ADN Rías Baixas que “nos acompañarán neste fito para a accesibilidade no noso concello”.

Esta aposta polo sendeirismo inclusivo enmárcase dentro do proxecto Cocreando Sociedade, co que o Rosal trata de estreitar lazos entre tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade para deseñar de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas.

Primer comentario

Deixa a túa opinión