Carla Abad embaixadora mundial do balonmán de Redondela

Carla Abad embaixadora mundial do balonmán de Redondela

Carla é unha muller polifacética que posúe un extraordinario talento para o balonmán. É unha filla da nosa vila que, tanto pola súa elevada cualidade como deportista como polos seus valores persoais, non podía quedar fóra das páxinas de A Nova Peneira nos traballos cos que este humilde e orgulloso cronista da vida redondelá trata de dar a coñecer, ao país galego e ao mundo enteiro, o máis significativo da nosa amada vila de Redondela. Ela foi xogadora de elite, chegou a xogar na máxima categoría estatal incluso participando en competicións europeas como xogadora do Guardés, foi unha adestradora de éxito notable, neste sentido é especialmente meritorio o traballo que desenvolveu co balonmán feminino no Concello de A Cañiza, e agora está no corpo técnico da selección española sub 19 masculina, alén de ser coordinadora do balonmán feminino na SAR e vicepresidenta da federación galega do seu deporte. A súa vida profesional é o balonmán, e Carla manifesta sentirse unha privilexiada por poder facer do deporte que ama a súa profesión. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

O balonmán achega valores esenciais non só para a práctica do deporte senón tamén para a vida diaria”

As persoas que te coñecen o primeiro que destacan de ti é o teu carácter polifacético. É así?

Ben, a verdade é que eu si que fixen moitas cousas. Un pouco responde ao meu carácter pero tamén á intensa vida que ten a nosa vila de Redondela. Fixen:teatro, pintura, ximnasia rítmica, fútbol sala…

Cando soubeches que o balonmán era o teu?

Non sabería dicirche exactamente. O camiño da miña vida foime levando por ali ata tal punto que agora teño o privilexio de que a miña paixón é a miña profesión sonche a mesma cousa, pois traballo na federación galega de balonmán da que formo parte da súa xunta directiva.

Que é para ti o balonmán?

Unha forma de entender a vida. Respiro balonmán as 24 horas do día. Este é un deporte moi nobre que nos transmite unha serie de valores esenciais non só para a práctica deportiva senón tamén para a vida diaria.

Que recordos che trae a SAR?

Marabillosos. Aquí vivín a miña infancia coas miñas amigas de toda a vida.

O balonmán feminino en Redondela ten agora o mesmo peso ca antes?

Non, agora ten moito máis. Afortunadamente agora está mellor. Aproveito a oportunidade para render unha sincera homenaxe a todas as mulleres que practicaron deporte en Redondela e que co seu esforzo contribuíron a mellorar a situación do deporte feminino.

En Redondela hai tres equipos de balonmán feminino: SAR, CHAPELA e CHOQUEIRAS. Non é demasiado?

Eu creo que non. A pluralidade sempre é enriquecedora. Por outra parte a rivalidade que poida haber é absolutamente sa.

Que pasou na Cañiza?

Ben, fun para alí coa intención de axudar a que progresase o deporte feminino. E creo que o logramos, pois as licencias femininas superaron o triplo das que había cando chegamos. Conseguimos igualar o número de licencias masculinas e crear equipos femininos en todas as categorías.

Incluso equipo sénior?

Si, equipo sénior tamén. Incluso chegamos a xogar unha fase de ascenso na Cañiza que foi das cousas máis bonitas que me pasaron a nivel deportivo.

Supoño que para organizar a túa vida non foi nada fácil?

E tanto que foi difícil. Eu xogaba no 6 do Nadal, un equipo de Vigo que tiña que desprazarse a xogar partidos fóra de Galicia, adestraba na Cañiza e estudaba a carreira. Moi complicado vaia que si¡

Cal foi a túa formación? (creo que bastante intensa)

Ha ha ha ha .Intensa si que foi: Estudei INEF na Coruña, fixen un Erasmus en Bélxica e tamén fixen un Master de Educación Secundaria de volta na Coruña. Igualmente quitei un curso de adestradora de fútbol de nivel 1 e cursei educación infantil. Ao mesmo tempo fixen un ano dun curso se deseño e moda

Mi maaa.Sen dúbida o carácter polifacético do que falabamos ao principio si se corresponde coa realidade….

Ha ha ha ha..Agora mesmo non podería volver facer todo o que fixen.

E non me digas máis: Tiñas tempo para a vida persoal?

Non sei como facía pero si, si que tiña.

E con todo iso deuche para chegar a xogar na categoría máis alta do balonmán español¡¡

Si, xoguei co Guardés na división de honra. Chegamos a xogar dúas copas da Raíña e fun a Rusia a xogar a Recopa de Europa.

É dura a alta competición?

Moi dura. Parece todo moi bonito pero tamén hai un moi elevado nivel de esixencia.

Cando comezou a túa experiencia de adestradora?

Cando xogaba no guardés comecei a adestrar ao equipo alevín da SAR, tamén adestrei en Chapela e, como antes comentamos, en Cañiza.

Cando te retiraches como xogadora?

O ano pasado.

Xogaches en varios postos. Cal é o teu preferido?

Eu son central.

Como adestradora es das que pensas que unha xogadora debe de especializarse nun só posto? ou tratar de dominar todas as posicións posibles?

Eu creo que na base debemos de traballar que se dominen varios postos. Logo as características técnicas e fisiolóxicas de cada unha determinarán en que posto poden render mellor.

A ti ségueche a gustar moito ver balonmán? Polo menos véseche moito polos pavillóns

Si, claro. Encántame, ver a progresión que experimentan as rapazas e como a grada se emociona cos seus éxitos. É o máis gratificante do mundo do deporte. Pero nas miñas visitas aos pavillóns tamén inflúe que na actualidade, xunto coa compañeira Verónica, exercemos de coordinadoras da sección feminina da SAR.

Actualmente estás no corpo técnico da selección sub 21 masculina?

Si, pero con tarefas administrativas e organizativas.

Gustaríache adestrar a unha selección masculina?

Si.

Velo factible?

A curto prazo non. Aínda queda moito camiño por andar para que unha muller poida adestrar a un equipo de homes.

Pero adestraches á selección galega cadete masculina?

Si, creo que fun a única muller en España. Abrir camiño é un orgullo para min.