O PP de Redondela valora como “ gravísimas” as declaracións da alcaldesa Digna Rivas

O PP de Redondela valora como “ gravísimas” as declaracións da alcaldesa Digna Rivas

O pasado día 22 o deputado Alberto Pazos, en calidade de voceiro local dos populares redondeláns, compareceu en rolda de prensa para valorar, nas súas propias palabras,” as gravísimas declaracións da alcaldesa de Redondela”.

Segundo A. Pazos, as declaracións da alcaldesa realizáronse nunha rolda de prensa “convocada exclusivamente para atacar ao PP” e as considera “ intolerables” tanto polas súas formas como polo seu contido.

A.Pazos laiouse de que a rolda de prensa da alcaldesa se realizara nunhas instalacións públicas, e de que a alcaldesa intentou “ amedrentar” aos populares anunciando que lle encargaría aos servizos xurídicos municipais o estudo de accións xudiciais contra o grupo municipal do PP.

Para Alberto Pazos, esta situación indicaría que Digna Rivas “ utiliza os recursos públicos para os seus intereses persoais e políticos”.Segundo o voceiro popular os servizos xurídicos municipais deberan estar centrados en actuar en asuntos relevantes da política local, como na resolución do mal funcionamento do SAF ou na posta en marcha dunha comisión de investigación sobre “ as actuacións presuntamente irregulares executadas polo goberno da señora Rivas na praia de Rande”.Unha comisión que a xuízo de Alberto Pazos bloquea a propia alcaldesa.

No que respecta ao fondo da cuestión os populares consideran que o enfado da alcaldesa deriva de que o PP “ contou a verdade sobre o contrato do alumeado”. Di Alberto Pazos que a alcaldesa puxo “ en risco o alumeado de Redondela” e asemade acusárona de mentir tanto á veciñanza como á oposición.

Redondela foi, afirma Alberto Pazos, “ o concello da comarca que máis tarde acendeu o alumeado de Nadal e o único que recibiu unha orde de paralización”