Jose Antonio de la Riera divulgador do patrimonio

Jose Antonio de la Riera divulgador do patrimonio
Marcos Santos

Jose Antonio é un vigués de nacemento pero fornelense de sentimento .El é escritor, historiador, investigador, e el defínese como “sobre todo gaiteiro”. Porén eu discrepo , pois entendo que é sobre todo un home namorado da inmensa riqueza patrimonial do noso país, que tivo un papel moi importante á hora de fornecer a súa identidade persoal, e que fixo da súa divulgación un modo de vida tan intenso que o ten mergullado nas profundidades do seu corazón. Tivemos unha moi agradable conversa con el en casa Chalán, nas Estacas, o local da nosa amiga Maribel, e alí falamos da cidade do alén, da vía Mariana, dos eólicos….Velaí vai

O noso monte ten un patrimonio tan inmenso como a máis importante das catedrais do mundo”

A política eólica da Xunta está deseñada para que o país sexa ocupado por especuladores que se leven os beneficios da nosa riqueza”

De onde es ti?

Eu son de Vigo fillo de Galega e Asturiano. E o primeiro que fixen foi integrarme tanto co idioma galego como coa xente. Esta comarca é un auténtico paraíso e ás veces a xente da contorna non se dá de conta do privilexio que supón.

Ti tes unha enorme experiencia en percorrer os montes destas comarcas verdade?

Pois si, e teño atopado moreas de petróglifos dunha singularidade extraordinaria

E como chegaches á “cidade do alén”?

Comecei a escoitar distintas versións ao respecto ata que un cazador amigo meu, informoume de que estaba nunha pista baixando Sabaxáns e levoume ata alí. Alí hai unha estrutura enorme deitada no chan á beira da pista e atopei distintas estruturas tubulares. O monte estaba bastante caótico e eu convoquei unha xornada de voluntariado para limpalo. Foi impresionante, a xente que veu non quería marchar

Cal era a lenda?

Que alí levaban os vellos a morrer. Esa lenda repetíase nas Estacas e en Barcia de Mera

Ten algunha base histórica?

Si, no S XIV entrou a peste bubónica en Galicia , foi un cataclismo , e está documentado que levaban aos vellos a morrer ao monte. Tamén está documentado no SXVI que os pastores portugueses do Geres levaban alí o gando.

En concreto que é o que atopastes?

Túmulos, algo que é bastante desconcertante para os arqueólogos. De momento levamos atopados 37.E tendo en conta o que queda por traballar sospeito que aínda haberá máis. De feito eu penso que o mellor está por chegar

Enriba da cidade do alén está o foxo dos lobos verdade?

Si, e eu escoitara que por esa zona existía unha mámoa e investigando unha zona que me parecía que podería ser o sitio no que estaba descubrín un pozo de neve impresionante, outra neveira próxima, unha posible mina de ouro….En definitiva o monte galego ten un patrimonio inmenso , como a máis importante das catedrais do mundo. O patrimonio é vida para o rural galego.

Como financiastes todos estes traballos?

Cunha subvención da Xunta e coa axuda do Concello

Ti es un grande especialista no camiño portugués. Que criterios se seguen para delimitar as súas diferentes rutas?

Hai varios: a cartografía histórica, literatura do camiño, a tradición oral os antigos hospitais de peregrinos .A riqueza da nosa tradición oral é moi elevada, pero por desgraza estase a perder. E o día que perdamos, sobre todo, a micro toponimia perdemos todo

É unha batalla moi difícil creo eu

Tes toda a razón pero paga a pena, porque recuperar o noso patrimonio é unha forma de facer país

Ti es un dos responsables da extensión do camiño alen de Santiago verdade?

Si, e costounos bastantes desgustos coa catedral que pouco menos nos consideraron uns pagáns. Pero non se pode ir contra a historia e hai moitos textos que documentan como os peregrinos despois de Santiago ían a Fisterra.

Fálanos da vía Mariana?

Pois como moitas das cousas boas da vida a idea xurdiu nunha conversa tomando viños co meu amigo Luis nunha taberna en concreto na casa Chalán das Estacas. E alí concluímos que podería ser moi importante idear un camiño autóctono que resultase da unión dos santuarios vivos , desde Braga. Comezamos a organizarnos e falamos coas distintas parroquias e comunidades de montes

O resultado?

Un éxito rotundo. Entendemos que pode dar un pulo moi importante as distintas localidades que son moitas

Que receptividade amosou a igrexa á vosa idea da vía Mariana?

Nós non falamos con eles. No que atinxe á súa resposta hai de todo. Hai cregos moi receptivos que colaboran con nós e hainos que fan todo o contrario. Tivemos ao principio algún problema con cregos portugueses ata que o cóengo de Braga, o doutor Abreu, escoitounos, entendeunos e impuxo a súa posición aos párrocos da súa zona

A vía Mariana é anterior ao cristianismo?

Eu penso que si, en todos os templos atopamos indicios de cultos precristiáns. Por outra bando nós queremos darlle á vía Mariana un enfoque feminino, como un camiño da muller oposto ao camiño de Santiago que é masculino

Compénsache todo este traballo?

Si, desde logo que si. É un agasallo para a historia.

Non podo rematar a entrevista sen preguntarche pola túa opinión referente ás intencións de inzar os montes que tanto amas de muíños eólicos?

Eu estou implicadísimo cunha posición claramente en contra dese tipo de políticas. Se se fixera tal como teñen deseñado é unha forma de desprezo absoluto ao noso patrimonio e a todo o noso país. É un engano, e un latrocinio. No Suído hai previstos eólicos por todas partes e é un absoluto sen sentido. Esta política está destinada a que o país sexa ocupado por especuladores, a nosa riqueza espoliada e os seus beneficios apenas deixarán migallas nas zonas afectadas. Nós non estamos en contra das enerxías renovables, pero desta maneira non.