Acabamos o ano da mellor forma posible:visitando o pobo máis fermoso do mundo, Fornelos de Montes. Alí conversamos de novo co seu alcalde para coñecer a súa visión da actualidade política local.
“Desexo unhas moi felices festas a todas as veciñas e veciños de Fornelos ,especialmente aos que peor o estean pasando que sempre poderán coa man tendida deste alcalde e deste goberno”
A pouco tempo de empezar as Festas de Nadal dime, alcalde, que programa o Concello de Fornelos para estas datas?
Temos a árbore de Nadal e as luces que empezaron a funcionar o 1 de decembro e estarán ata despois de Reis. A verdade é que este ano quedou moi bonito e veciños e veciñas están moi contentas coa iluminación.
Logo son as ANPAS dos colexios as que organizan un festival no Multiusos no inicio das mini vacacións de Nadal.
Ata o ano pasado había un Papá Noel cun tamborileiro nestas datas pero, coa entrada do novo goberno da Deputación, este evento xa non se subvenciona.
Podemos valorar á nova DEPO, ou é aínda moi pronto?
De momento non se pode valorar porque a Deputación está a traballar cos orzamentos do anterior Goberno. A partir do ano que vén será cando traballen cos seus novos orzamentos e aí verase como van as cousas.
Este mesmo mes de decembro veu a Fornelos o novo presidente da DEPO a asinar o convenio da remodelación total da piscina municipal, que xa estaba pactado co anterior goberno. O convenio estaba sen asinar e acabamos de facelo.
A maiores da piscina, hai algún outro problema urxente en Fornelos que necesite a acción das administracións ?
Eu espero que a Deputación manteña o “Plan Concellos”. Din que si, que manteñen este plan cos mesmos criterios para determinar a repartición de fondos.
Acaba de saír en prensa que volverán achegar 200.000€ para axudas ás asociacións de veciños e en Fornelos solicitaremos as que nos correspondan para as nosas asociacións.
Tendes de veciños da contorna a Javier Bas e Andrés Díaz que son asesores da Deputación. Contactaron contigo para poñerse á túa disposición ou saber dos problemas de Fornelos?
Javier Bas si. Polos reiterados temporais e inundacións que houbo pola choiva, a Deputación quitou un plan de recuperación para reparar muros e demais desfeitas. Como Fornelos foi o concello no que máis choveu, chamoume varias veces para solucionar este tema e quedou arranxado.
Xa coñecía a Javier con anterioridade, comigo sempre foi correcto, portouse ben e é unha persoa respectuosa.
Con relación ás eleccións municipais, o Partido Popular tivo unha subida significativa en Fornelos. Isto a que se debe?
A subida, que aparenta ser significativa, non o é tanto porque o PP ten o terceiro concelleiro por só dous votos. O PSOE con dous votos máis lle sacaría o terceiro concelleiro ao PP. E o concelleiro do BNG consérvao por un só voto. Entón a nosa baixada de 7 a 5 é relativa. Repito , con dous votos máis gañabamos un concelleiro ao PP e cun voto máis outro ao BNG . O PSOE gañou en todas as mesas electorais e segue tendo unha base enormemente sólida no noso Concello.
Que tal son as relacións con estes novos concelleiros do PP?
Son nulas. A única relación que temos son as preguntas capciosas que fan nos Plenos. Imitan a táctica política do PP que se ve na televisión, tensionar ata un punto extremo. En Fornelos non van tensionar nada, aquí somos pacíficos e sensatos.
Que proxectos tedes para Fornelos neste mandato?
O proxecto da remodelación total da piscina municipal de algo máis de 300.000€ coa Deputación.
Estamos pendentes de asinar o convenio de algo máis de 300.000€ para renovar o multiusos, o concello e o centro médico co goberno central e os fondos Next Generation. Aquí vaise a renovar a calefacción e as caldeiras..
Acabamos de terminar a renovación da iluminación pública para meter luces LED en todas as parroquias, menos en Calvos porque non deron os cartos. Isto tivo un custo de 500.000€ e agora faremos Calvos cun custo de 85.000€. Isto vai a través do IDAE da DEPO. Este cambio supuxo un abaratamento do recibo eléctrico tremendo para as arcas do concello.
122.000€ para arranxar as desfeitas de muros caídos polas inundacións. Este acaba de saír a concurso e xa imos proceder ao seu arranxo, convenio coa Deputación tamén.
Hai algunha parroquia especialmente máis afectada que as demais?
Si, Estacas e Ventín foron as máis afectadas.
Emiliano, sempre fuches unha persoa moi concienciada coas necesidades sociais. As familias do concello que seguen tendo dificultades e necesidades seguen contando co apoio institucional?
Si, pero temos dificultades para facelo. O rural galego ten unha poboación moi envellecida. O SAF e a Xunta de Galicia non se fan cargo, aínda que esta é a súa competencia, isto é unha vergoña.
Se nos unísemos todos os alcaldes para facer presión outro galo cantaría, pero como cada un imos polo noso lado non conseguimos facer nada para que a Xunta asuma esta competencia que é súa.
Temos que aumentar as partidas do SAF porque cada vez temos máis xente que o necesita. Din que este ano van subir a súa achega, a ver que nos din os orzamentos da Xunta o 2 de xaneiro.
Case todos os concellos están a subir os seus impostos para poder facerse cargo disto. Nós, de momento, só aumentamos o IBI que o tiñamos ao mínimo.
Malia as dificultades evidentes quero deixar claro que no Concello de Fornelos tendemos a nosa man a todas aquelas veciñas e veciños que o precisen. Desde logo que nunca os imos deixar desatendidos.
Ti como andas de ánimos?
Coma se tivese 20 anos… risas. Eu tendo saúde son feliz.
E estás ben de saúde?
Si, estou ben. Quero aproveitar para dar as grazas por esta entrevista e desexar felices festas para todos os veciños e veciñas de Fornelos especialmente aos que peor o estean pasando que sempre poderán contar coa man tendida deste goberno e deste alcalde..