O PSdeG descubre uns cobros irregulares do alcalde guardés que este atribúe a un erro.
“Este 28 de Maio ímonos xogar o noso futuro e o dos nosos fillos”
Roberto Carrero 26 de maio, dous días antes das eleccións municipais.
“O alcalde de A Guarda Roberto Carrero asegura que non cobrará salario do concello ante “ a penosa e delicada situación económica na que deixaron as arcas municipais o anterior equipo de goberno”
Declaracións en Tele Mariñas, xullo deste ano.
Dúas consideracións , lamentables ambas, ao respecto do novo alcalde de A Guarda,o popular Roberto Carrero:
1)Nos primeiros días de decembro recibiamos unha notificación asinada por el, na que de maneira moi respectuosa e educada, e tamén moi escolástica, colocando a fe por riba da razón sen argumento algún para xustificalo, nos informaba de que a partir do ano próximo se extingue a relación publicitaria que este concello mantiña coa nosa publicación desde hai máis de 10 anos. Esta relación foi moi importante para nós , non tanto economicamente pero si emocionalmente. De feito na III gala de entrega dos nosos premios( xaneiro do 2019) démoslle un ao concello de Guarda, premio que recolleu con amabilidade absoluta o anterior alcalde Antonio Lomba.
O desembolso económico que lle supuña nestes últimos anos ao concello de A Guarda a súa publicidade en A Nova Peneira era de 604€ ao ano, IVE Incluído. Apenas 50€ ao mes. É dicir , o problema non é económico. E se os cartos non son o problema, cal pode ser?
O de sempre, o mesmo que en Baiona, claro que si, o problema é a concepción que ten o PP da práctica política : Ou estás con el ou contra el, ou es o seu amigo ou o seu inimigo. E só os amigos teñen dereito a existir. Iso estaría moi ben se o aplicasen aos seus propios cartos, pero cando o fan co diñeiro público ten un nome: Nepotismo.
2) Este mesmo señor, que antes das eleccións municipais falaba de maneira hiperbólica sobre que “ nos estamos xogando o futuro”, non sei se refería ao del mesmo ou ao de quen, e que pouco despois gabábase de que non ía cobrar un salario do concello foi descuberto polo PsdeG cobrando case 4.000€ que non lle correspondían da DEPO. El atribuíu o ingreso desa cantidade a un erro, pediu desculpas e afirma ter devolto os cartos de contado. Non o sei, se foi un erro ou non, pero o que si sei e que se a min me ingresan 3.700€ que non me corresponden, doume de conta, claro que me dou de conta. E se ao 99% da sociedade guardesa ingrésanlle 3.700€ que non son seus e que non lle corresponden dáse de conta, abofé que se dá de conta. Pero ben, se cadra o señor alcalde é un tipo moi educado, respectuoso e cordial pero tamén moi despistado.
