Esta é unha banda de música liderada polo histórico Fon De Con e que está imbuída da esencia da cultura popular galega, das noites de troula, poesía e amor, das ruadas e das tradicións musicais que contribuíron ao longo se séculos de historia á nosa construción como un pobo de seu. Nós falamos co noso amigo Fon, alma máter do grupo.
Fon De Con letrista e cantante
“ Non me saen as letras das nosas cancións doutra forma que non sexan en idioma galego”
Imos comezar pola presentación?
Somos unha banda
Ha ha ha. Gústame iso de banda. En calquera caso unha banda peculiar?
E a min gústame iso de “peculiar” Marcos. E voucho comprar, si. En principio temos unha peculiaridade salientable: Somos unha banda formada por persoas de distintas xeracións. Fíxate hai desde unha persoa de 60 anos ata outra de 21.
Sigamos logo coas presentacións
Moi ben Marcos, moi ben. Que se note que somos xente educada.
Ha ha ha ha ..Veña Oh
Diego o batería, Míriam toca o piano, acordeón e fai coros , Antonio que toca a guitarra e canta, Mario que é o noso baixo e logo Fon De Con, o cantante. Por último reivindicamos tamén a Pablo Pastor, o deseñador do noso logo.
Por que xorde Cantatorrella?
Ben, pois despois das Efémeras Antonio e máis eu tiñamos aínda gañas, ilusión e moita música no corazón e decidimos iniciar este proxecto. Hai arredor dun ano comezamos a montalo. O nome é un sinónimo de parvueira, sempre de de modo cariñoso desde logo. Nós reivindicamos a Torrella… A Torrella sempre.
Que tipo de música facedes?
Unha mestura de cumbia, ska e música tradicional. O que tratamos nos nosos directos é que a xente vibre, baile e o pase o mellor posible. A música é unha das partes máis marabillosas da especie humana, capaz do peor, as guerras, e do mellor ao mesmo tempo. E nós tratamos de contribuír coa nosa música a que o público pase un rato de felicidade.
Ti es o letrista e dáslle moita importancia á temática local?
Si, se cadra é a temática coa que me sinto máis cómodo. Como sabes xa teño experiencia coas coplas dos maios. Inspírome en personaxes de Redondela, sempre co máximo respecto claro. Naturalmente as letras son en galego, non me sairía de outra maneira que non sexa na nosa lingua.
Ben, algo de retranca tes?
Ha ha ha..A retranca téñena case todos os galegos e galegas. É unha característica do noso pobo.
Ti, de feito, es un actor metido a cantante?
Ha, ha ha ha. Moi ben non canto pero o intento. E por outra parte que sería da vida sen o sentido do humor??
Creo que esta entrevista non sería xusta se non falaramos un pouco de Antonio?
Estou de acordo. Antonio é un dos mellores guitarristas que pariu Redondela. Pero non o podemos dicir moi alto non vaia ser o demo que o acabe por crer.
Facedes versións?
Non, nós facemos produción propia.
Canto imos ter un disco?
Ben, imos pouco a pouco. Xa temos 14 cancións pero o do disco hai que miralo ben. Nestes tempos a musica escóitase doutra maneira maioritariamente. Gravados temos seis temas.
O vídeo clip “ Preludio” xa o tedes en distintas plataformas .Como foi a acollida?
Estamos moi contentos pero hai que darlle máis cancha.
Home , en Redondela tanto pola mañá como pola tarde no magosto tivo unha acollida extraordinaria
Ao ser en Redondela non o tomamos como unha presentación o que se di moi formal. Sentímonos moi cómodos e foi todo abofé que moi bonito. A verdade é que foi precioso, tanto é así Marcos que pola tarde a xente parábame pola rúa.
Ha, ha , ha ha. Unha Estrela mediática redondelá
Vouno acabar por crer.
Onde gravastes o Vídeo Clip?
Nas salinas de Ulló en Vilaboa ao longo de tres días. Estamos moi agradecidos porque recibimos a colaboración de moita xente..
Pero, é que media Redondela está no vídeo clip?
Moitas veces son este tipo de cousas as que te fan valorar o importante que é o afecto das persoas que nos rodean. A verdade eses tres días de gravación foron especialmente intensos, incluso houbo un día no que choveu pero finalmente saíu todo xenial. A gravación foi en xullo e o resultado final saíu hai poucas semanas e , como che dixen, foi un resultado moi satisfactorio para nós.
Presentádevos aos Mestre Mateo verdade?
Si, de feito como había un prazo de presentación que se non lembro mal remataba a finais de novembro penso que iso acelerou a finalización do vídeo.
Pensades en levar premio?
Ben, aínda que é un tópico neste caso responde á realidade: O importante é participar.
Contádenos os vosos proxectos para o futuro?
Temos media pechada unha actuación en Soutomaior a tarde do día 31. E así máis a longo prazo estamos traballando para facermos concertos no verán. Especialmente temos interese en tocar en festivais. A min encantaríame tocar no Revenidas de Vilaxoán.