Un ano máis un dos sinais de identidade máis significativos da nosa vila, a festa do choco, achégase a Redondela. Para coñecer as expectativas desta edición conversamos con Victorio, mariñeiro de 4º xeración, e con 5 propietarias e propietarios de destacados locais nos que poderemos degustar o mellor choco de toda a Vía Láctea: O choco de Oro e a Chabola, estes de Chapela, o Gastro Bar, o Bar Estación e o Guay de Redondela.
Vitorio Muras mariñeiro redondelán
“ O mellor choco é sen dúbida o de Redondela”
Ti es mariñeiro de 4º xeración, xa coñeces de sobra o duro que é, como é que decidiches continuar por ese camiño?
Por vocación e amor. Levo máis de media vida no mar. Eu teño 35 anos e comecei aos 16.
En concreto que é o que capturas?
Depende da época do ano. Por exemplo en primavera chocos ou no verán sardiñas. Non se pode ir á mesma especie todo o ano, teñen unhas vedas e hai que respectalas.
Canto tempo antes da festa do choco comezas coas capturas para cubrir a demanda ?
Un par de meses antes, pois hai moito choco que vai para empanadas e ese pódese conxelar. Para os pratos do momento o choco é fresco , claro.
O choco de Redondela é especial?
Si, sen dúbida si. A enseada de San Simón é unha zona que recibe nutrientes diversos e presenta unhas características distintivas que lle confiren a singularidade que posúe o noso choco.
Cal é a arte que usas para pescar o choco?
Eu uso o Trasmallo.
E como levas este ano as vendas?
Parece que vai ben a cousa, que as expectativas son positivas. Non desboto que se movan arredor de 1.000 quilos de Choco
Vós facedes venda ao público?
Si, calquera particular pode achegarse á lonxa e mercar o choco que necesite.
A marca de Choco de Redondela afectou en positivo?
Si, desde logo que si.
O Choco de Redondela pódese distinguir de outro tipo de Chocos?
Se estás afeito, coma min , a velos si que se distingue. O noso ten características singulares aínda que as características son similares. Pero o mellor choco é o de Redondela sen dúbida.
Ti tes unha filla. Gustaríache que ela fora a 5º xeración da túa familia que se dedica ao mar?
Por unha parte si, o mar deu de comer a moitas xeracións da miña familia. E gustaríame que a miña filla seguise ese camiño de respecto á natureza, pero por outra parte non. O traballo,especialmente nos días de mal tempo, ten partes moi duras.
Antía Lorenzo , Restaurante A Chabola de Arealonga
Cantos anos levas levando este local Antía?
Este ano farei 10, comecei moi nova
Na chabola podemos degustar Chocos?
Por suposto que si, de grande calidade e polo que nos din os clientes están moi ricos .
Como o preparades?
Con arroz, arroz negro. E tamén o podemos facer cocido na súa tinta con cebola e pementos acompañado de patacas fritidas e dous ovos.
Como incide a festa do Choco en Chapela?
Non incide o máis mínimo. Eu creo que esa festa céntrase na promoción de Redondela vila, e non na promoción de Redondela concello.
Algunha vez presentastes algún prato na festa?
Non, pero farémolo algún ano seguro.
Josué Puertas, Bar Guay Redondela
Canto tempo de vida ten o local que xa é un referente na hostalaría de Redondela?
Moitas grazas, referente non sei se somos, pero uns anos si que temos xa, pois estamos desde o ano 1992. E como sabes tamén estamos de noite. Ese servizo dámolo desde o 2003, 20 anos xa.
Vós non dades chocos, pois non servides comidas pero quería coñecer o criterio dun local do voso perfil para saber como, ao voso xuízo, inflúe a festa do Choco na hostalaría de Redondela?
Pois fíxate, nós non damos comidas, e chocos tampouco, claro, pero dígoche de maneira rotunda qu esa festa incide en positivo sen ningunha dúbida en Redondela. No noso local, tanto de día como de noite, cando é a festa do choco notamos unha presenza significativa de visitantes que non son clientes habituais.
En concreto, polas noites, é un dos días máis importantes do ano.
E esa percepción será xeral na hostalaría de Redondela?
Baixo o meu punto de vista si. A xente móvese , socializa e visita moitos sitios. E eu tamén ehh.. a min encántanme os chocos e vounos catar a todos os sitios onde podo.
Santiago Figueroa Gastro Bar 78 de Redondela
Cantos anos levas co local ?
Pois xa levamos 7 anos, o tempo pasa moi rápido.
Algunha vez participastes na festa do Choco?
Si, desde que empezamos sempre estivemos presentes.
Nas festas do Choco no teu bar podemos desgustalo verdade?
Si, no tempo dese evento estaremos encantados de atender a quen se achegue polo noso local a probar o choco con nós.
Como o preparades vós?
Este ano teremos: Croquetas de choco con ali oli, hamburguesa de choco, canelóns de choco e por último o que nunca pode faltar que son os chocos na súa tinta.A hamburguesa é o único que repetimos cada ano pois ten unha demanda moi grande. No resto de pratos variamos cada ano.
O teu local está no centro da vila. Como incide a festa do Choco?
Incide en positivo, si. Véndemos bastante choco e ven xente a visitarnos que non son clientes habituais.
Mónica Villar, “Choco de Oro” Area longa
Por que o nome do local?
Nós levamos cerca dun ano e medio co local e xa tiña este nome. Non llo mudamos porque nos pareceu apropiado pois este concello ten unha moi importante vinculación co Choco.
Na carta temos chocos?
Por descontado. Aproveito para convidar aos lectores e lectoras a que se cheguen a probalos pois quedan moi ricos
Como os preparades?
Á prancha e na súa tinta.
En nada teremos a festa do Choco. Como incide en Chapela?
Non incide nada, nada en absoluto.
Algunha vez presentastes un prato na festa?
De momento non. Teremos que valoralo
Benito Soto, Bar da Estación
Cantos anos levas co negocio?
Toda unha vida, levamos 35 anos.
Eu sei, porque xa os teño gozado, que aquí preparades uns chocos exquisitos. Como os facedes?
Ha, ha, ha, moitas grazas. Exquisitos non sei, pero que lle pomos todo o cariño do mundo ten por certo que si. Sobre todo facemos empanadas e empanadillas. Malia que tamén facemos chocos con arroz e ameixas.
E ti que es cociñeiro de que maneira prefires o choco?
O Choco de Redondela dá igual como o fagas. A materia prima é de calidade inigualable co que está exquisito sempre.
O choco de Redondela é singular?
Si, ten unha forma característica algo máis redondeado que os de outras zonas.
E no sabor?
Home¡¡¡¡.O Choco de Redondela é o mellor choco do mundo.
Creo que ti exportas empanada de chocos a moitos sitios ?
Pois si, a moitos sitios de España e a parte do estranxeiro .Incluso temos mandado algunha empanada para Xapón.
Hai unha lenda urbana que di que o tren de Madrid paraba aquí 5 ou 10 minutos e ti estabas xa preparado na porta coas empanadas?
Ha ha ha, pois algo diso si que é certo.
O teu negocio non está no casco de Redondela. A Festa do Choco incide algo no teu local?
Si, si que incide. Preparamos unha cantidade moi importante de empanadas para levar. Creo que o tecido da hostalaría de Redondela debera organizarse para tratar de vender choco moito máis tempo que o que é a festa propiamente dita. A demanda é moi importante e a oferta non a atende o suficiente creo eu. Eu teño choco conxelado para vender todo o ano.