Fornelos de Montes.
O modelo económico, social e cultural que defende o goberno da Xunta é un absoluto desastre. É curtopracista ,está ao servizo dos oligopolios económicos e pon en perigo existencial os elementos básicos que constitúen o núcleo de Galicia como pobo. Incluso a propia xeografía de Galicia , tal como a coñecemos, deixaría de existir se este disparate eólico de centos de muíños de case 200 metros de altura , espallados ao longo de toda a superficie do país, vise a luz tal como inicialmente estaba deseñado. Nós temos defendido en moitas ocasións que só a forza imparable da sociedade civil organizada pode confrontar con algunha garantía de éxito contra quen non lle importa arrasar con todo, con absolutamente todo, para mellorar a conta anual de resultados.
O proxecto de parque eólico que afectaría á parroquia de Ventín en Fornelos de Montes é monstruoso: 10 muíños de 180 metros de altura, o dobre dos que hai no Suído na actualidade , implicaría:
-Arrasar coa contorna.
-Esnaquizar os espazos veciños para facer as pistas e infraestruturas necesarias para subir a Ventín a inmensa cantidade de material necesario para a súa construción.
-Pór en serio perigo o patrimonio natural.
-Por en serio perigo o patrimonio histórico.
-Pór en serio perigo os mananciais e acuíferos da zona. Lembremos que a cidade de Vigo bebe a súa auga de Fornelos de Montes.
Falamos con Javier Blanco, voceiro da Plataforma en Defensa do Sur da Dorsal Galega para que nos conte a súa visión sobre o proxecto de parque eólico na súa parroquia, el é de Ventín.
Javier Blanco, voceiro da Plataforma en Defensa do Sur da Dorsal Galega.
“Non estamos dispostos a asumir esta desfeita á nosa contorna ,nin esta agresión ao noso modo de vida”
Queremos coñecerte un pouco, Javi?
Ben, eu son de Ventín, os últimos 25 anos dediqueime profesionalmente ao sector das telecomunicacións.
Cando empezaches a implicarte no tecido asociativo de Fornelos de Montes?
Desde pequeno xa formaba parte da Asociación de Veciños de Ventín, logo fun vogal do equipo directivo e despois presidente. Cando pasei a ser presidente da Comunidade de Montes deixei a presidencia dá Asociación veciñal.
De que ano estamos a falar?
Hai dous anos.
E na plataforma?
Aquí levo desde o inicio , hai tres anos.
Por que se montou a plataforma?
Pola preocupación que tiñamos xente de Covelo, Fornelos, A Lama, Avión e Mondariz da invasión eólica. O Sur da Dorsal Galega abarca toda a cordilleira desde o Norte de Pontevedra ata o Sur, podemos dicir que divide as provincias de Pontevedra e de Ourense.
Entendo que a vosa preocupación empeza polos procesos de invasión eólica que xorden nos anos 19-20?
Si, de feito na Serra do Suído xa case hai 200 eólicos montados.
Pero estes muíños xa son dos anos 90, non son como os que queren montar agora, estes non chegan a 90 metros. Cantos proxectos hai para incrementar estes parques eólicos?
Cando nós empezamos coa plataforma había proxectados seis parques novos, destes conseguimos parar catro.
Porque se puideron parar, por declaración de impacto ambiental negativa?
Si.
Como están os outros dous que aínda non destes parado?
Un é o de Carballosa. Este, ao principio, tamén caeu pero agora aumentáronlle a potencia en máis de 50 W para que pase a formar parte do ministerio, MITECO. Agora ten que ser o estado español o que decida se autoriza ou non o parque.
O sexto está en período de alegacións.
E onde se situaría este se sae adiante?
O Coto de Eira que é o de Ventín, o da miña parroquia , abranguería tamén dous parques máis pequenos que tocan parte da Lama O modus operandi destas empresas é dividir o que en realidade é un parque só, en supostos parques máis máis pequenos, para que a actuación sexa autonómica , pois supostamente teñen maior receptividade á súa existencia que a administración do estado
Exactamente a que parroquias afecta este parque?
O parque eólico afecta a Ventín e Traspielas de Fornelos, e a Gargamala de Mondariz. A LTE ( liña de media tensión) a diversas parroquias de Fornelos, A Lama, Pazos e Redondela
Entón no caso de que leve a cabo será un parque eólico monstruoso?
Si. Están proxectados dez muíños de 180 metros de altura. Serían máis do dobre dos que actualmente están no Suído.
Que consecuencias tería para a contorna se este proxecto se leva a cabo tal como mo estás contando?
Serían catastróficas para unha parroquia como Ventín. Os do Suído son moito máis pequenos, están afastados da poboación e xa son daniños. Estes quérenos facer a un quilómetro da poboación. O impacto visual, os ruídos, etc serían nefastos para a veciñanza. Logo está toda a infraestrutura que leva o montar estes muíños, o impacto da montaxe das cimentacións, o transporte nos camións, a liña de alta tensión que vai enterrada e iso require facer levantamento de terreo, estas son zonas de moita montaña e as van a dinamitar. O 90% da auga que distribúe o Concello de Fornelos ven desta zona, as consecuencias que esas actuacións poden ter nas augas subterráneas son tremendas. Nós non estamos dispostos a asumir toda esta desfeita na nosa contorna e esa agresión ao noso modo de vida. Hai outros que si están dispostos a asumir todo isto a cambio dunha cantidade ínfima de diñeiro.
Quen son eses outros?
Creo que o concello si está pola labor de aceptar este parque. O BNG a semana pasada presentou unha moción no Concello de Fornelos en contra do parque e os únicos votos en contra foron os do BNG. O PSOE votou en contra da moción e o PP abstívose.
Situación preocupante claro, cal é a visión xeral dos teus veciños e veciñas?
Hai xente que está en contra e outra a favor, a ver que pasa na próxima reunión de montes. O argumento dos que están a favor é que se dan diñeiro hai que aproveitalo. Eu penso que a contía económica non compensa a desfeita da contorna que se vai a facer e a afectación que vai ter na calidade de vida.
Tes idea de como vai ir a reunión?
No ano 2006 xa se proxectou aquí un parque de 16 muíños dos pequenos doutra empresa, os veciños naquel momento con outra xunta directiva votaron a favor do parque, en contra só votamos 3 veciños. As cousas agora cambiaron, hai máis información e a afectación é maior.
Se a votación foi a favor por que non se fixo o parque?
A empresa naquel momento non seguiu adiante co proxecto, penso que porque non tiña por onde sacar a enerxía. A que pide o proxecto actual é outra empresa, xa cambiou unhas cantas veces de propietario esa licenza de parque eólico.
Como se chama a empresa que formula o proxecto agora?
Puenteengasa.
Viñeron comerciais da empresa para falar cos veciños e veciñas?
Non, unha persoa da empresa enviou documentación por mail.
Non fixeron oferta económica de momento?
Non, non sabemos o que nos queren dar, están a funcionar así. Alén da Comunidade de Montes de Ventín, hai 365 propiedades privadas afectadas pola liña de media tensión necesaria par evacuar a enerxía entre A Lama e Redondela. Polo percorrido entendo que o próximo proxecto será no Galleiro, para poder darlle saída.
Alén da infraestrutura necesaria para evacuar a enerxía, entendo que tamén haberá que facer actuacións moi importantes para poder subir a inmensa cantidade de material de enormes dimensións necesarias para a montaxe das Torres. Por exemplo , van pasar polo centro de Redondela para subir por Reboreda? Van ir pola estrada de Nespereira ? Eu creo que habería que actuar, e moito, pois penso que non sería posible nin por un sitio nin polo outro?
Non, claro. Concretamente en Ventín hai unha zona na que acceso non existe, non hai camiños, é un monte virxe e o segundo coto máis alto de Pontevedra, para chegar arriba van ter que rebentar todo o monte para poder facer as pistas necesarias .Neste coto están todos os mananciais de auga debaixo, sería un desastre ambiental tremendo. Na plataforma están a traballar biólogos, arqueólogos e enxeñeiros de maneira altruísta e calculan que uns 20.000 metros cúbicos de terra contaminada van chegar ao encoro de Eiras, o que abastece de auga á cidade de Vigo. Agardamos que o goberno de Vigo e o alcalde da cidade fagan algo para evitalo.
Falaches co alcalde de Fornelos por este tema?
Mantivemos unha conversación informal e trasladoume que era favorable a este proxecto. Organizamos unha xuntanza no pobo a semana pasada á que convidamos ao alcalde do PSOE, ao BNG e ao PP, á parte de asociacións e veciños doutras zonas afectadas por eólicos. O alcalde dixo que non lle interesaba vir, e participaron na reunión, o BNG e o PP . O bloque manifestou a súa opinión contraria e o PP abstense de opinar.
Como están os ánimos para seguir coa loita?
Levamos tres anos traballando arreo para a oposición deste proxecto, mesmo o ano pasado fixemos un festival no Suído que foi un éxito. Estamos a tope e vemos que hai moita xente dos concellos veciños que nos está pedindo axuda para poder organizarse e actuar. A Xunta de Galicia que é de todos os galegos só axuda ás empresas, os veciños teñen que buscarse a vida pola súa conta.
Cando acaba o prazo para presentar as alegacións?
O 23 de outubro. No caso de que salga unha DIA desfavorable, que iso esperamos, porque en realidade o impacto ambiental é unha monstruosidade o proxecto non sigue adiante. Se desestiman as alegacións estamos dispostos a chegar a onde faga falta e o seguinte paso será a vía xudicial .
