O PCRG organiza en Vigo un acto solidario coa loita do pobo palestino

Palestina

O pasado xoves día 10, nun hotel do centro de Vigo, celebrouse unha conferencia do deputado palestino e representante no estado español da FDLP, Yamil Casem. O acto , con grande éxito de asistencia, estivo organizado polo PCRG e presentado polo activista Xavier Moreda. Na súa intensa e emotiva intervención Yamil Casem defendeu con profunda emoción a loita do seu pobo polo seu dereito á vida , á liberdade e á paz no seu propio país. Nós ao finalizar o acto conversamos co protagonista do mesmo, que nos atendeu con exquisita amabilidade. Deixámosvos coas súas palabras, non sen antes agradecer a Xavier Moreda as súas xestións que fixeron posible esta entrevista, e expresando de maneira rotunda a nosa posición do lado da decencia e do lado da xustiza: do lado de Palestina.

Yamil Casem representante en España da Fronte Democrática para a liberación de Palestina.

“A loita do pobo palestino, a solidariedade da sociedade civil dos distintos países do mundo, e a presión social para obrigar a Israel a cumprir as resolucións internacionais son as chaves imprescindibles para acabar coa ocupación do noso país”

Onde naciches ti?

En Jenin, unha cidade no norte de Cisxordania, nacín no ano 1958.

Que recordos tes da túa infancia?

Desde moi novo decateime de que a nosa non era unha infancia normal. A existencia de numerosos controles militares , de patrullas de soldados case a todas horas, de exercicios de adestramento militar……contribuían a crear un ambiente de opresión e abafo que rapidamente nos ensinou que os nenos e nenas do noso pobo tiñamos a nosa infancia secuestrada.

Estamos falando de que ano?

Estamos falando de 1967, pouco antes de que Israel nos invadise.

Nese momento , con 9 ou 10 anos, xa te deches de conta de que o teu país estaba ocupado por outros?

Eu creo que cando tiña 10 anos foi cando tomei consciencia de que o meu pobo estaba en loita para liberarse da opresión colonial á que era sometido por outros.

A opresión era moi dura?

Si, absolutamente si. Era e segue sendo tan dura que é practicamente imposible non participar dalgunha maneira na resistencia. Esta estaba nas casas, nas rúas, nas escolas, nas prazas…en todos os sitios, porque a nosa loita é a dun pobo que non escolleu a situación que padece, é a dun pobo que, como todos os pobos do mundo,quere ser libre para decidir por nós mesmos o noso camiño, para podermos vivir en paz no noso país e para poder formar parte da humanidade como un pobo independente , autónomo e libre.

Todo o pobo é activista?

Non todo o mundo ten militancia, pero o 100% da poboación palestina síntese palestina, sabe que vive unha situación de opresión , de violencia salvaxe , case todas as persoas a sufriron nalgún momento ou nas súas propias carnes ou nas persoas de familiares e seres queridos, e non hai ningún palestino que non queira ser libre.

Cando comezou a túa militancia política?

Na educación secundaria. A min sempre me pareceu moi atractiva a filosofía e cando comezaron a ensinarme a materia é no momento que sentín atracción intelectual polas ideas que me axudaron a construír a miña posición política. A esquerda palestina, da que eu formo parte, bebeu nas fontes do marxismo, foi influenciada polas ideas do Che Guevara. E algúns , máis de medio século despois, seguimos na mesma posición de loitar contra o imperialismo, contra o colonialismo e contribuír á que un mundo máis xusto poida ver a luz.

En todos estes anos nunca interrompiches a túa militancia política?

Non, nunca. Sendo palestino non é posible. Nós somos un pobo que queremos vivir en paz. Pero cando te pisan, cando te asoballan, cando te humillan, cando te encarceran, cando te bombardean sistematicamente, cando te impiden ser libre no teu propio país, cando non podes respirar o teu aire, nin beber a túa auga, nin sentir o teu sol, que é o che queda?, que saída nos deixan?

Dicíasme que foi máis ou menos polo 67 cando te deches de conta de que o teu país padecía unha situación de opresión. Ese ano foi a chamada guerra dos 6 días. A túa familia padeceu algún tipo de consecuencia dese conflito?

Si, tivemos que irnos a Kuwait. Logo eu saín a estudar, estiven uns anos en Italia e nos anos 90 xa me quedei no estado español.

A túa familia vive en Kuwait?

Si, foi expulsada de Palestina. A presión a que te somete Israel fai que sexa practicamente imposible levar unha vida normal, e que non quede outra saída que marchar.

A curto prazo ves posible a fin do conflito, entendendo a fin como o momento no que Palestina poida ter o seu propio estado no que poder vivir en paz e seguridade?

Non, de momento non. Para poder albiscar algún tipo de esperanza tiñamos que ter no horizonte unha conferencia internacional na que todas as partes participen coa vontade de pór fin á explotación e á ocupación de Palestina.

Parece un escenario difícil de contemplar tendo en conta que Israel non semella ter vontade algunha de pór fin á ocupación, todo o contrario constrúe de maneira constante novos asentamentos de colonos

É verdade, si. Para que esa vontade de Israel poida existir algún día é necesario que o pobo palestino intensifique a súa loita. E tamén é necesario aumentar a conciencia das persoas sobre a natureza e a realidade do conflito. É necesario que Israel se vea na obriga de aplicar as resolucións internacionais.

Refíreste, supoño, á conciencia dos distintos pobos do mundo?

Si, claro que si, á conciencia dos pobos en xeral e do mundo árabe en particular. Os gobernos árabes deberan ter claro que Israel cando nos ataca a nós está atacando a todo o mundo árabe.

Como valoras a posición de Marrocos ao respecto?

Alá eles. Eu quería que o goberno marroquí rompera relacións con Israel, pero eso téñeno que decidir eles. Lamento que un país árabe e islámico como Marrocos non se dea de conta de que Israel está colonizando a outro pobo islámico e árabe igual ca eles.

Cal é a posición política da Frente Popular sobre como se debería artellar a futura solución que permita acabar coa ocupación?

A creación dun estado palestino viable con Xerusalén como capital, coas fronteiras anteriores ao 67 e co retorno dos refuxiados palestinos. Esa é ao noso xuízo a solución estratéxica adecuada para nós e para os xudeus.

Segues mantendo a esperanza?

Ata o final, si. Tardará máis ou menos pero gañaremos nós, porque a nosa loita é xusta e a deles non. Tardará máis ou menos pero gañaremos nós porque nós temos razón e eles non, tardará máis ou menos pero gañaremos nós porque nós somos os oprimidos e eles os opresores, e nunca, nunca xamais nos renderemos ata rematar coa opresión.