Beto Luaces

Beto é un escritor vigues, autor dunha interesantísima saga de novela negra, de lectura moi recomendable. A Nova Peneira conversou con el

Cóntanos o máis siginificativo da túa propia historia; de onde es?, a que te dedicas? e como se iniciou  a túa relación  coa literatura?

Nacín en Uruguai, fillo de pais galegos, que cando eu tiña nove anos acordaron regresar a Galicia. Pasei de vivir na capital charrúa a unha aldea da serra do Suído. Con todo, meus pais non tardaron en se instalar en Vigo. Alí foi onde completei a miña infancia e adolescencia. Logo, marchei a Santiago para estudar Filoloxía Galega, mais non rematei a carreira e pasei a traballar como funcionario da Administración de Xustiza. Resido en Vigo. Inicieime na literatura cando era un mozo e tentei facer (sen moito éxito) algún poema. Logo, viu un deserto creativo de varias décadas ata que na derradeira semana de 2012 xorde no meu maxín a idea de facer unha novela. Nace o proxecto Vicvs, que ao cabo ha ser unha serie de novela negra

Algún escritor ou tendencia que te influíra especialmente?

Tiven moitos escritores que me influíron fondamente: Mario Benedetti, Castelao, Xavier Alcalá, Umberto Eco… Sen embargo, sempre lle hei estar agradecido a Stieg Larsson, a súa triloxía de novela negra titulada MIllenium foi a que me rescatou dunha profunda crise lectora. De aí xorde tamén o meu gusto pola novela negra.


Un debate recurrente nas distintas épocas sobre a función da literaura en particular, e da arte en xeral, é entre a ética e a estética, entre o formal e o conceptual, ti consideras que a literatura debe ter unha función de denuncia e ou concienciación social? Ou ser só unha manifestación estética dun proceso creativo persoal? Ti es máis das vangardas ou do realismo?

O debate entre a ética e a estética sempre estivo aí. Penso que é un debate inútil e xa superado porque toda creación artística posúe ambas calidades. A concienciación social ten que se facer desde a familia, desde a escola, desde as administracións públicas… Tamén desde a arte, aínda que sen caer no panfleto propagandístico doutras épocas, que ao cabo, demostrou   a súa ineficiencia. En canto ás vangaradas e o realismo opino do mesmo xeito que o anterior tema: para min, toda expresión artística debe ter un correcto equilibrio entre o mundo actual e o pasado

Vics é a túa primeira novela, fálanos das características máis importantes deste libro?

O primeiro libro da serie de novela negra VICVS titúlase Un lugar do común. É o quilómetro cero da serie. Alí presento os personaxes, o territorio da trama, o estilo…

A obra desenvólvese en dous escenarios Vigo e a serra do Suido, como fixeches para confluír dous contextos tan dispares?

A serie toda ha ter dous escenarios que son a cidade de Vigo e a serra do Suído. Efectivamente, son dous territorios moi diferentes. Quería que as tramas tivesen un contraste. Daquela, precisaba diferenciar e complementar dous mundos antagónicos: o urbano co rural, o pasado co presente, a ría e a montaña. A min non me gustan as novelas negras estritamente urbanas, quero que teñan tamén unha fonda conexión rural. Por sorte, tanto no primeira novela como na segunda a unión entre ambos mundos foi doada e penso que quedou ben, cando menos, iso é o que me transmiten os lectores. A serra do Suído posúe uns elementos paisaxísticos, etnográficos e culturais que acollen moi ben unha trama negra.

Que tal aceptación está a ter está novela?, respondeu ás túas expectativas

A primeira novela tivo unha moi boa aceptación, tanto de crítica como de público. Foi o libro máis prestado o ano pasado na Bilblioteca Central de Vigo. E, desde o mes pasado, xa está nas librarías a segunda edición. O segundo libro da serie VICVS (Un lugar aquelado) vai polo mesmo camiño e confío que teña o mesmo éxito que o anterior. As miñas expectativas están superadas.

Agora falemos de Vicus un lugar aquelado?

Vicvs. UN LUGAR AQUELADO é a segunda entrega da serie. O protagonista cambia é agora é un detective privado. Con todo, hai que dicir que o protagonista do primeiro libro non desaparece, só pasa a un segundo plano. Agora precisaba dun detective privado que vai ser o protagonista tamén dos futuros libros da serie. O argumento desta novela é o seguinte: o meirande conserveiro da cidade de Vigo aparece asasinado e a súa viúva, que non confía na policía, encárgalle ao detective (Manuel Peixoto) que investigue esa morte. O detective, que é un policía local expulsado do corpo, inicía deste xeito unha nova vida laboral e, como descoñece todo do mundo da conserva… non lle queda outra que investigar a fondo. Descobre o pasado dos fomentadores cataláns que chegaron a Galicia douscentos anos atrás e como chegaron a crear a cidade de Vigo e converterse na súa burguesía autóctona (a Sardiñocracia que dicía Blanco Amor). Que queda dese poder conserveiro na cidade máis grande de Galicia? Que relación ten ese sector coa serra do Suído? Para descubrir esas dúbidas hai que ler o libro.

Os teus próximos proxectos?

O meu próximo proxecto literario está centrado en continuar a serie de novela negra VICVS. Para iso estou a traballar nunha terceira entrega, que está moi avanzada.

En plena era dixital, es optimista en canto á supervivencia do libro?

Son optimista. O libro vai sobrevivir.

E no que se refire á supervivencia do idioma galego?

Aí son pesimista. O noso idioma, se non mudan moito as cousas, vai desaparecer, cando menos na súa expresión oral, pode que sobreviva na escrita (online, literatura…) É unha tendencia mundial e moitas linguas desaparecen, nin sequera estados como Irlanda foron quen de garantir a supervivencia do seu idioma propio.