O Día da Patria Galega é sempre motivo de celebración, mais tamén data de reivindicación. É a festa maior da nación galega e a grande ocasión -pois iso podemos e debemos facelo todos os días do ano- de manifestar a nosa pertenza a un pobo, a nosa maneira de estarmos no mundo, e de expresar o orgullo de sermos galegas e galegos.
Mais tamén é momento de colocar no centro os obxectivos que efectivicen as mudanzas que este País precisa para avanzar en liberdade, progreso e benestar. Neste ano, a grande marcha do BNG decorre sob o lema “Galiza, un novo impulso. Soberanía, traballo, democracia”. Un impulso que só pode vir da confianza nas propias forzas e que nos achegue a unha Galiza con plena capacidade para decidir libremente sobre os seus asuntos.
Isto é o que chamamos soberanía. A premisa, ademais, para podermos producir un desenvolvemento social, cultural e económico que garanta traballo e benestar no propio país. E aínda, tamén verdadeira democracia, fronte á evidencia de que o réxime español post-franquista cercea sistematicamente liberdades públicas e dereitos individuais e colectivos, de forma especial o das nacións á súa autodeterminación a pesar de ser recoñecido pola ONU para todos os pobos do mundo.
A Galiza é un país rico en recursos e con inmensas potencialidades e, no entanto, empobrecido polas políticas que padece, pola situación de dependencia colonial, polo espolio dos seus recursos e do seu aforro, polo papel subsidiario -do punto de vista político e económico- que lle é atribuído polo Reino de España e a Unión Europea e pola imposibilidade de tomar decisións sobre as principais políticas que de maneira máis clara afectan a vida de todos os galegos e galegas.
O modelo autonómico, que o nacionalismo sempre denunciou como unha mera descentralización administrativa -aínda por cima sistematicamente reducida nos últimos anos- non dá solución as principais problemas do País. Hoxe vemos unha Galiza en permanente declive: crise demográfica; emigración masiva -máis de 300.000 persoas só en unha década, sobre todo mocidade-; sectores chave como a pesca, o agro ou a construción naval impedidos de producir; empresas en crise con millares de postos de traballo en risco de se perder; ataque ao noso medio ambiente; perda continuada de falantes da nosa lingua e sen avances no uso en ámbitos básicos para a normalización…
É evidente que as políticas que veu desenvolvendo o Partido Popular nestes anos foron especialmente lesivas para os intereses das clases populares galegas. Mais tamén é verdade que no esencial o conxunto das forzas políticas españolas -as de dereita e as chamadas de esquerda- partillan o modelo constitucional vixente, sexa pola vía da defensa activa ou do non cuestionamento. E unha análise real da situación do noso País pon en evidencia que para transformar as cousas en positivo non chega con quitar o PP do goberno -aínda que isto sexa absolutamente necesario-, senón que son precisas mudanzas máis profundas. Por iso o nacionalismo defende a necesidade de superar definitivamente este marco constitucional e autonómico e a ruptura democrática co réxime de 78 español para asumir a plena soberanía.
E para que? Pois para activar as enormes potencialidades económicas que ten este País, para crear emprego e acabar coa emigración forzada e a crise demográfica. Para finalizar co espolio dos nosos recursos, especialmente da enerxía, e asegurar os postos de traballo en risco pola falta dunha tarifa eléctrica galega. Para protexer o noso territorio e o planeta con políticas económicas e ambientais adecuadas sobre a base do desenvolvemento sustentábel. Para facer eclodir a inmensa creatividade que existe na Galiza e converter a nosa cultura en factor de progreso do País. Para normalizarmos plenamente a nosa lingua. Para asegurarmos igualdade real. Para garantirmos servizos públicos de calidade, sanidade universal, educación á altura das necesidades do século XXI, apoio á investigación… Soberanía, en definitiva, para vivirmos mellor.
Todo isto, o amor á Galiza; o orgullo de pertencermos a este pobo; a defensa da democracia, das liberdades e do dereito de autodeterminación; a normalización da nosa lingua; a creación de emprego e un desenvolvemento autocentrado e respectuoso co medio; a solucións aos problemas materiais; a defensa das clases populares galegas e do benestar colectivo…, marcha polas as rúas de Compostela cada 25 de xullo. Celebrar a Patria Galega é reivindicar un País novo, xusto, libre e próspero. A Galiza que queremos.