25 de xullo, Día da Patria

Lucía Santos, BNG de Marín

Se no abrante deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direcións, abrangaríamos o portento dunha mañá única.

Dende as soutas planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías mainas de Pontevedra, oureladas de piñeirais; dende as serras nutricias do Miño e a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas de entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o cume do Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria!”

Así dá comezo o Alba de Gloria, o último descurso de Castelao que pronunciou o 25 de xullo do 1948 hai 77 anos, na celebración do Día de Galiza no exilio en Bos Aires.

Un descurso cargado de emotividade e dignidade no que Castelao pon en valor a nosa tradición, a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa historia, pero sobre todo, pon en estima ao pobo galego.

Resulta máxico, conmovedor…que 75 anos despois do seu falecemento no exilio, siga tan vivo o espírito de Castelao. E isto grazas a homes e mulleres, miles de luceciñas (como él define ao pobo galego) que foron collendo a batuta para manter iluminada a nosa identidade. Para reivindicar que a nosa Terra é nosa, que nós mesmas, as galegas e galegos, queremos decidir sobre o noso porvir.

É por isto, que resulta vital seguir mantendo acendida a chama dunha data tan significativa como é 25 de xullo, seguir dando voz á palabra do Pai da Patria. E para isto é imprescindíbel sumar forzas porque o noso país 57 anos despois da primeira manifestación do 25 de xullo, 77 anos despois do Alba de Gloria, seguimos tendo moito que reivindicar e non hai mellor homenaxe para conmemorar o Ano Castelao que manter vivo o seu legado e seguir espallándoo por cada recuncho da nosa Terra:

Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”

Precisamos seguir coa defensa ao dereito básico e fundamental de vivir en galego na Galiza.

Vale máis unha terra con árbores nos montes ca un estado con ouro nos bancos.”

Primeiro foron os encoros e agora o espolio eólico co que pretenden destrozar os nosos montes e o noso mar, co único fin de producir enerxía eléctrica para Madrid.

Os caciques son parásitos dun sistema de pura apariencia democrática.”

A defensa duns servizos públicos e de calidade, sanidade pública, universal e gratuita é necesaria para garantir unha sociedade mais xusta, solidaria e igualitaria.

As sardiñas volverían se os gobernos quixesen.

Precisamos unha aposta firme que poña en valor e protexa o noso agro e o noso sector pesqueiro e marisqueiro para poder vivir na nosa Terra e non ter que emigrar en busca dun futuro digno.

Xa vedes que siguen sobrando motivos para reivindicar o dereito a gobernarnos por nós mesmas!

Con emoción, ilusión, moita enerxía e sorrisos, collámonos da man para avanzar xuntas e xuntos, construindo a alternativa ao desgoberno, a desmovilización a apatía e ao esmorecemento da nosa lingua, do noso ser, da nosa identidade para ser a proposta firme e de futuro para as maiorías sociais desta nosa Terra.

O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos”

E remato como comecei, co Alba de Gloria de Castelao:

Que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas, e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos corazóns.”

Castelao sempre vivo!