Cousas de Salvaterra, casa do pobo versus casa da música

Pobo Galego
Antón Lorenzo González Saque
Antón Lorenzo González “Xaque”

Salvaterra, 17 de abril do 2022

En primeiro lugar teño que desmentir categóricamente a cualificación de historiador, aparecida no anterior número de A Nova Peneira, aplicada a miña persoa. Foi un erro involuntario, pido humildemente disculpas a aqueles que, sendo realmente historiadores, poideran sentirse molestos.

En segundo lugar, a actualidade imponse e, xa que logo, deixo de lado a guerra de Restauración portuguesa para ocuparme sobre o asunto da casa do pobo de Salvaterra de Miño.

O pasado 26 de marzo re-inaugurouse a vella-nova casa, agora casa da música no Concello de Salvaterra de Miño. Vou pasar de puntiñas polo feito desgrazado da destrución de elementos arquitectónicos orixinais, iso xa tivo o seu momento no cruce de cartas ao director no Faro de Vigo entre este que suscribe e o Dr. Arquitecto Sr. Curty. Menos mal que se salvou a placa de mármore branco, conmemorativa da fundación da “Sociedad Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires”.

O caso é que no edificio no que se gastaron máis de 50.000.000 das antigas pesetas, por forza había de ficar ben para o fin que perseguían, dotar de un lugar acaido para o nobilísimo arte da música. Aplicaron, iso sí, o demoledor rodillo cultural do “damnatio memoriae”, o esquecemento do rival, moi típico do mundo dos romanos. Dende este voceiro vou facer recordación dunha serie de datos que se pretenden esquecer e, ou, ocultar.

Esta Sociedade fundada un 14 de agosto de 1921, vai agora para 101 anos, coa sua Secretaría na rúa bonaerense de Cerrito 585, estaba formada por socios, casi todos emigrantes orixinarios das 17 parroquias deste Concello, sendo máis concretamente en 1927 e o corrente de pago, de Alxén 14, Arantei 37, Cabreira 10, Corzáns 19, Fiolledo 34, Pesqueiras 10, Porto 2, Fornelos 6, Leirado 21, Meder 21, Oleiros 61, Salvaterra 97 e simpatizantes 35, en total 367 con nomes e apelidos figuran na Memoria e Balance 1925 – 1927. Non figuran outros moitos por non estar o día nos pagos das cotas.

Destes socios, a comisión administrativa estaba composta, para o período 1925 – 1926, polos seguintes persoeiros:

Presidente MANUEL PUENTE, vicepresidente FRANCISCO GRANDAL, secretario JOSÉ PEREIRA, pro-secretario CLEMENTE PAZOS, tesoureiro JOSÉ DOMÍNGUEZ, pro-tesoureiro MAXIMINO DOMÍNGUEZ, revisadores de contas CAMILO SESTELO e MANUEL SOUTO.

Delegados: Daniel Piñeiro, Domingo Núñez, Alberto Ojea, Manuel Costa, Román Rodríguez Martínez, Manuel Bastos, Amadeo Álvarez, Manuel Mariño Méndez, José Parente Povoa, Ricardo García, Joaquín García, Constante Alonso, José Montes, José González Fernández, Maximino Pérez, Manuel García, Angel Bouza, Clemente González, Antonio Vaqueiro e Antonio Hidalgo.

Para o periodo 1926 – 1927, sufriu a seguinte variación:

Pro-secretario MANUEL PORTO, tesoureiro MAXIMINO DOMÍNGUEZ, pro-tesoureiro MANUEL SOUTO, revisadores de contas FRANCISCO ÁLVAREZ e CLEMENTE SILVA.

Delegados: Lorenzo Eiras, Maximino Paz, Manuel Gayoso, José Domínguez, José González Rodríguez, Domingo Ferradas e Camilo Pazos Queimadelos.

Este grupo directivo viu a dirixirse, na Memoria e Balance do periodo 1925 – 1927, alén e aquén do mar, nos seguintes termos:

“Estimados coterraneos:

Un nucleo dos vosos conveciños residentes aquí no ano 1921, tendo entón en conta a situación precaria que aflixía a nosa rexión e especialmente o noso Distrito de Salvaterra, convencidos de que tales males proviñan da desunión e da indiferenza e apatía dos seus moradores, que abandonaban os seus propios intereses e dignidade de homes libres, á vontade dunhos cantos, que sen consideración algunha, explotaban tales descuidos en beneficio propio. Foi aquilo a consecuencia do triste desenrolo da nosa vida social, política e económica, que nos caracterizaba como un pobo inerte, incapaz de seguir a pegada da civilización moderna.

Por estas sinxelas e claras razóns, os mencionados conveciños xulgando con elevado criterio que toda acción individual era estéril, mentras que a obra colectiva resultaría sumamente máis eficiente e poderosa ós fins de poder vencer os moitos obstáculos que na vida moderna aparecían, creeu chegado o momento de unir a todos os emigrados do Distrito, residentes en Bos Aires, fundando unha Sociedade co fin de contribuir o melloramento do lonxano Distrito e para cooperar ó benestar de todos os moradores que alá loitaban agobiados polos inxustos e excesivos impostos que se lles cobraban .

Para realizar a obra que se propuxeron, precisaron de axuda moral e material dos coterráneos, e a tal efecto invitóunos a colaborar con eles coa máis grande espontaneidade, sinceridade e valentía. Así obtivérono e selaron con un trunfo a idea que os inspirou, colocando os primeiros cementos desta Institución en solo arxentino, unindo a todos os nativos do Distrito de Salvaterra, en fraternal cadea, de cuxos elos surxía a compacta colectividade que dende eiquí loitaría coa pluma e coa acción, contra os opresores e malos administradores do Distrito, recoñecidos opositores do progreso e benestar daqueles pobos.

A proclama daqueles beneméritos conveciños, é a primeira páxina memorable desta Sociedade, e cal homenaxe de agradecimento deica aqueles que a patrocinaron, a nosa Sociedade rememoraa anualmente con transcribila na primeira páxina da sua memoria administrativa.”

Foron inmumerabeis as accións levadas a cabo por estas xentes, ainda non ben estudadas. Entre elas vou destacar as que de seguido relato:

Sen dúbida a acción máis destacada foi cumplir co compromiso e a responsabilidade de levar a cabo a construcción do edificio social no Distrito de Salvaterra de Miño.

Contaban cos seus estatutos e con un “Himno de la Unión Progresista”, letra composta polo socio Clemente Pazos, ignoramos a música.

Traballaban arreo e con seriedade, pois nese periodo a Comisión Administrativa realizou en dous anos, 34 reunións ordinarias e 2 extraordinarias. Realizaron varias asembleas, dando conta sempre da marcha da Sociedade.

Outra acción importante foi o primeiro intento de fusión coa “Sociedad Unión Progresista Hijos de Fornelos y Anexos”, fracasado.

Realizaron tamén nos salóns do Orfeón Español e na Casa do Pobo de Bos Aires até sete festivais, tres veces máis foron festivais campestres, acrecentando co producto dos mesmos os fondos da Sociedade.

Obligadas eran as visitas os doentes, tanto si for nos seus domicilios, Hospital Español, Centro Gallego, Hospital Rivadavia, etc.

Axudaron a socios que por encontrarse doentes e sen recursos, solicitaron a repatriación e éranlles entregados pasaxes de valde e diñeiro. As veces algúns socios faleceron e foi a Sociedade a encargada de pagárllelos enterros.

Outras veces tiñan que manter o orden por comportamentos indecorosos de certos socios que foron expulsados do seo da Sociedade.

Tiveron que facer fronte a falsos rumores e intrigas dos enemigos do agrarismo e en particular contra o representante da Sociedade no Distrito Manuel Mariño Méndez, auténtico alma mater da mesma en Salvaterra, entusiasta representante sin o cal sería moito máis difícil levar a cabo a contrución da casa xa que apareceron diversas dificultades de orde técnico e coas ordenanzas legais.

Favoreceron as relacións sociais con outras similares en cantas manifestacións humanitarias e de progreso, así entre outras: envío de un telegrama ó Comandante Ramón Franco enviado a Pernanbuco con motivo de chegar a terra americana no seu magnífico voo. Contribución para a suscripción pro-compra casa Rosalía de Castro, suscripción para a impresión do libro escolar de Cabanillas, ámbalas duas iniciadas pola revista Céltiga, colaborando asemade os xornais “Correo de Galicia” e “Acción Agraria”, (este último prohibida a sua venda na Galiza), “El Pueblo Gallego” e “Faro de Vigo”.

Acuñación de 50 medallas de prata co distintivo social, doadas por un membro da Comisión (¿Manuel Puente, xoieiro?), postas a venda só para membros da Sociedade o prezo de 10 pesos/u., cuxo produto irá en pró do edificio social.

Axudas económicas ós Sindicatos Agrarios do distrito. Salvaterra contaba con 53 socios, Meder 21, Corzáns 20, Fiolledo 9, Leirado 20 e Oleiros 9. Axudas os presidentes destes Sindicatos para a asistencia o congreso celebrado en Lugo pola U.G.T.. Axuda tamén a Federación Agraria Galega con asento en Betanzos.

Notas de protesta dirixidas o Gobernador o Concello e o Ministro da Gobernación, ante o atropelo sufrido por un ciudadano chamado Antonio España, levado a cabo polos famosos Alonsos, pai e fillos na estación do camiño de ferro.

Colaboración no esclarecimento do crime do campesiño Vieitez de Fornelos. Axuda a unha veciña de Arantei a quen o lume lle destruira a casa. Axuda para a construción da Casa do Pobo de Ponteareas. Axuda o concelleiro agrarista Angel Rodríguez.

Orden de colocar no salón de actos na casa social, un retrato de Francisco Rodríguez (a) Pancho e unha placa coa inscripción “A Pancho, Primer Martir del Agrarismo, asesinado en esta Villa el día 2 de Septiembre de 1911, homeje de los Agrarios del Distrito”, (hoxe desaparecidos).