Mes de maio, festas consoladoras co idioma

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Creo que é o momento de dicilo, anque antes cá min houbo moitos que o dixeron, quizais doutra maneira o con máis prevencións ou eufemismos. Pero non, agora é momento: non é que se ataque desde Madrid tan só a financiación de Cataluña e doutras nacións do estado, tamén se atacan os seus idiomas e os seus ámbitos de desenvolvemento e de ensino, desde a inmersión lingüística, por exemplo, que sería quen de recuperar estas as súas linguas minorizadas, que sabemos feridas desde a noite dos tempos. Negan a capacidade lexislativa dos pobos e das nacións para que poidan facelo en proveito propio. Queren seguir movendo todos os fíos. Tamén atacan as súas Culturas e a promoción das mesmas, non facendo caso do que indica a Constitución que prometeron cumprir. Pasan dela, nestes casos e noutros, cando lles convén. O que fixeron os sucesivos gobernos do Estado e tamén, as autonomías como a nosa, foi un apaño de mínimos, un abuso. E estamos como estamos, nesta desafección por quen, sen mirar onde nin por que, deu golpes mortais aos nosos sentimentos e aos dos periféricos, negándonos a auga e o pan da nosa propia Cultura, na nosa propia Casa. Empezan por confrontarnos con eles, que se imos por libre e non obedecemos o idioma “común” e esas cousas. Menosprezarnos todo canto deles provén, por exemplo a redacción -na Constitución- das “categorías” das linguas. En principio todo era e debe ser, igual para as linguas. Ah, pero non o é. Unha é de obrigado coñecemento, as outras só ofrecen o dereito de exercelas, nin na propia Casa! Iso indica desigualdade e invasión. Ben sei, eles preferirían foramos mudos. Ese conto do idioma “común” que non é tan común, de non ser pola imposición que nos depararon.
A partir de aí, empezan a faltarnos, mesmo con procacidades, provocacións como que “impoñemos” a nosa lingua, na nosa casa. Coido que todos os idiomas “per se” están “impostos” na súa casa, ou non? Eu quero que me impoñan os grelos e o lacón cocido, quero que me impoñan a paisaxe da miña Terra Cha, …quero que impoñan o amor á
Orixe, a Galiza! Hai algún problema? Eu e nós, os que así pensamos nesta perda de idioma, non damos creto. Ah, despois vén iso de que os pais teñen dereito a revocalo ensino e escoller o que -cada quen queira- nunha anarquía mal entendida que propón a desorde total.
Quen lles preguntou aos pais se queren máis Educación Física onCoñecementos de Arte, ou calquera materia? Se polos pais fose, para moitos, só se darían linguas e matemática e física, …as outra son “marías” que douran a perdiz pero non dan currículo. Medos e
temores, transmiten aos pais e nais de se non van aprender castelán
(cando todo está mediatizado nese idioma: teles, prensa, contos, revistas, libros, letreiros, propagandas, …todo!). Ah, pero coidado, chegou o inglés, lingua de “futuro” ou de rango mundial e económico.
Hai que protexer o inglés, anque a Constitución non diga nada del. E non hai problema, se é preciso con inmersión total, igual que co español!. O problema está co catalán, éuscaro e galego. Aí é moi perigoso facer inmersión para que aprendan! Poderían pero é o que eles non queren, nin deixan. Volven con conceptos erróneos, a lingua
“común”. E nós dicimos, é que a nosa é a lingua “propia”. Entón deberían calar pero non o fan, porque teñen esa forma de facer as cousas: por pelotas e decretos de falsidade! Sexan bilingüismos harmónicos, trilingüísimos modelos de evitar o tema. Non entenden
que a nosa Lingua, a propia de nós é a que nos rexe o mundo, a que nos conduce, a que nos permitirá coñecer as cousas todas do universo, visible e oculto, e tamén todas as linguas que nos pete da gana, non só as que eles propoñan. Vese como os nosos gobernantes mesmo gobernan contra nós. Debería haber algún regulamento que o impedise, non poden seguir esnaquizando máis a nosa Cultura. Son servos dos que quixeron, desde sempre, acabar con ela. Seguen a pé de letra a uniformación do territorio, que nos xeneralizou provincias outorgándonos un certo grao de capacidade lexislativa (sen pasarse, eh!) e non lembraron máis que Galiza, Cataluña e Euskadi aprobaron
en referendo uns estatutos que, agora, estes, trocan na máis baixa intensidade, sen protección de nós e do noso, sen restaurar competencias merecidas de “nacións” e autogoberno. Prefiren o “café para todos”. E aí estamos nesta desafección que non entende ninguén, na que todos esiximos o dereito a decidir, claro está, nós
no noso e cada un no seu! Non quixera eu que ninguén de Murcia, por poñer un caso, poida ter que aceptar o que nós decidimos. Teremos que ser nós, no noso igual que eles no seu, non si? Penso habería que petar na mesa e pedir respecto. Xa está ben de tanto insulto.