Fernando Sánchez Álvarez, bo e xeneroso, In Memoriam

Fernando Sánchez Álvarez
Tino Lago

Poucos días antes de que esta edición de A Nova Peneira vise a luz, apagouse para sempre a luz do camiño de Fernando. El era o propietario de Sánchez Álvarez unha importante empresa da nosa comarca con máis de 40 anos de experiencia no seu sector. E tamén era un home que posuía infinitas doses de bondade e xenerosidade. Fernando era unha persoa dunha educación exquisita, amigo dos seus amigos, aos que profesaba unha lealdade a proba de calquera treboada que puidera acontecer no difícil camiño da vida, e un conversador excelente ao que lle encantaba gozar da vida con intensidade. Cando o pasado día 20 souben da súa morte unha profunda sensación de tristura invadiu o meu corazón, alén da necesidade de expresarlle o meu pésame e o meu afecto a toda a súa familia e a todas as persoas que o querían.

Ata sempre Fernando, foi un pracer compartir contigo un treito da viaxe da vida. En A Nova Peneira nunca imos esquecer a túa xenerosidade e sempre haberá un oco nas nosas páxinas e nos nosos corazóns para ti.

Que a terra sexa luz para ti, Fernando.

PS:O ex concelleiro Jesús Crespo púxose en contacto con nós e manifestounos o seu profundo pesar pola morte de Fernando, alén do seu desexo de expresar a súa gratitude e recoñecemento pola inmensa xenerosidade que Fernando sempre amosou coa parroquia de Cesantes.