Sobre o amor e a moral

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Escribo este artigo unha semana antes de se celebrar as eleccións do 18 de febreiro e malia que tiña previsto facelo despois para poder comentar a miña opinión do seu resultado, os recorrentes debates virtuais ,de moitos temas pero tamén deste ao que se refire o título do artigo, que teño cunha prezada amiga , de cuxo nome non me quero lembrar, fixéronme mudar de opinión. En calquera caso cando estas páxinas vexan a luz poderán gozar se así o desexan de media ducia de opinións diferentes que valorarán o resultado que saia das urnas o próximo 18-F, co que, tendo ese tema cuberto voume tomar a licenza para desconectar un anaco da realidade política e intentar descender ás sentinas das emocións máis profundas.

Na última conversa que tiven coa miña interlocutora espetoume un argumento que me deixou abraiado e sobre o que preciso reflexionar máis para poder construír unha opinión rigorosa. Díxome así :“ As mulleres, ás veces, para botar un polvete temos que escoitar cada paliza que non te fas unha idea”.

Ela sostén de maneira firme e sólida, como a rocha que resiste o bater da chuvia o vento e o desgaste do paso dos anos, a posición que defende que manter unha relación de parella monógama, estable e prolongada no tempo non é posible pois inevitablemente estaría condicionada polos parámetros do amor romántico que non deixan de ser unha descrición idealizada, e polo tanto falaz, da arquitectura patriarcal que ao longo da historia da humanidade reservou para o home o papel de suxeito, mentres que lle deixaba á muller a función de ser só obxecto para atender as necesidades do suxeito.

Neste sentido a “ paliza” á que se refería a miña compañeira de debates quilométricos, deses que alimentan a alma como un lene aloumiño dunha man amiga alimenta o corazón, imaxino que terá que ver cos rituais de cortexo e sedución que o home no seu papel de suxeito conquistador, no contexto dos estereotipos do amor romántico, se vería obrigado a amosar para que a muller caia rendida aos seus encantos e poder chegar ao auténtico obxectivo final da interacción que non sería outro que a práctica de sexo.

Con toda probabilidade esa clase de estereotipos sigan condicionando os nosos comportamentos afectivo sexuais e só o feminismo sexa o camiño que nos poida permitir irnos librando deles ata facer posible construírmos relacións sas en igualdade plena.

Por outra parte case me atrevo a asegurar que en moitas ocasións non é nada fácil marcar de maneira nidia onde está a fronteira que marca a separación entre a sedución e o engano. E alí estaría a chave, ao meu xuízo, do que pode ser moral e do que non o é nas relacións amorosas e ou sexuais. Todo tipo de comportamento que se realice en plena liberdade por todas as partes que manteñan unha relación sexual e ou afectiva, e que se faga con plena conciencia do que se está a facer é, baixo meu punto de vista, moralmente lícito. Cando unha das partes ve condicionada a súa liberdade, ou non ten conciencia do que está a facer ( non é obxectivamente posible que unha nena de 18 anos se poida namorar dun señor de 50) entramos no terro da inmoralidade e máis que probablemente nos camiños do delito.

Cando digo que en liberdade e con coñecemento todo tipo de comportamento afectivo sexual e lexítimo quero dicir todo sen excepción. Son lexítimas as relacións abertas, pechadas, permanentes, esporádicas e de calquera clase. Tamén o son as relacións monógamas e prolongadas no tempo que, aínda que recoñezo que non é fácil, se hai vontade poden construírse en plena liberdade e igualdade entre as dúas partes que a forman respectado escrupulosamente a individualidade da outra parte. Todos tendemos a analizar a realidade desde a nosa propia experiencia, eu non son diferente, e así vou dicir que mirando para atrás no meu propio camiño ese tipo de relacións son as máis bonitas e as que máis enriquecen. Construír confianza e amor entre dúas partes con liberdade e conciencia plena, non é nada doado e cando se consegue non hai absolutamente ningunha emoción que se lle poida comparar.