A finais do pasado mes de xaneiro o noso amigo Koki, o grande poeta do Baixo Miño, fixo a presentación de dous dos seus libros no auditorio de Goián. A presentación foi un éxito máis que notable pois máis de medio cento de persoas ateigaron a sala na que se realizou, algo por desgrazas moi pouco habitual nas presentacións de libros, pois o mundo híper competitivo no que nos condenan a vivir deixa moi pouco espazo para a cultura comprometida e crítica.
O primeiro libro foi “Hijos de la luz y de la ira” unha obra de poesía social moi na liña da temática deste autor guardés. Esta libro está publicado pola editorial Olifante. O segundo libro presentado “Louvor de abril” está escrito en galego e aparece nunha edición bilingüe tamén en castelán. Está editado en Jerez na editorial Peripecias. É un libro ilustrado por Siro un debuxante de enorme compromiso social que chegou a ter serios problemas polas caricaturas que facía.
A temática de ambos libros encaixa perfectamente coas dúas liñas conceptuais da poesía de Koki : -A Rosa, como símbolo do amor e dunha visión emocional moi profunda polos seus semellantes, e -A Espada, como símbolo da vontade de combate contra a inxustiza e os abusos tomando partido sempre,sempre sen matices, por quen os sofre e nunca, nunca sen matices, por quen os causa.
A presentación foi feita pola veciña de Goián Helena Pousa, presidenta da asociación da memoria histórica do Baixo Miño .Helena fixo unha presentación moi orixinal e diferente en forma de diálogo constante co autor mentres ía esmigallando os poemas comentados co gallo de que chegaran con máis facilidade a numeroso público presente no auditorio de Goián.
No futuro inmediato Koki ten previsto tirar unha reedición de Ratas en Manhattan á que estaremos moi atentos nas páxinas de A Nova Peneira.