Tino Lago
Tui é un concello no que tradicionalmente a dereita gobernou con moita comodidade. Hai non moito tempo parecía imposible o que hoxe é unha realidade: que o PSOE gobernase a localidade. E o que si semellaba peor que imposible, parecía un exercicio de ciencia ficción , era que o nacionalismo tivese expectativas realistas de gañar esta alcaldía. E si,tenas. A tendencia evolutiva do voto ao Bloque cunhas subas espectaculares, tanto nas últimas municipais como nas pasadas autonómicas, cun PSOE en descenso e cun PP que semella ter tocado teito, apunta a que a esperanza de que gobernar esta cidade tan importante na historia do país galego sexa para o BNG un exercicio de realismo. E se as ten é, alén de polo traballo da súa militancia , pola figura da súa voceira: a médica Carme Núñez Méndez. Na súa persoa conflúen as máis elevadas virtudes políticas, é un cadro político de primeirísimo nivel, coas máis atractivas cualidades humanas, pois é unha persoa intelixente, sensible, culta, empática e esencialmente boa. Estou seguro, completamente seguro, de que se nas municipais do 27 a cidadanía de Tui lle dá a súa confianza maioritaria, nunca lla vai retirar.
“Estou moi ilusionada e a confianza do BNG é máxima, para que pronto en Tui poida haber unha alcaldesa nacionalista”
Había tempo que non tiñamos ocasión de falar, e aínda non tivera a oportunidade de te preguntar pola túa valoración do resultado das municipais do ano pasado?
O resultado do BNG foi espectacular. O noso ascenso foi estratosférico desde calquera parámetro de análise. Subimos: de 1.002 a 2.055 en voto directo, do 10,4% ao 21,7% en voto porcentual e de 2 a 4 actas.
Este grandísimo resultado é froito da nosa coherencia e da oposición construtiva que desenvolvemos, do traballo dos compañeiros e compañeiras do BNG de Tui cos que estou moi orgullosa de compartir militancia , e asemade tamén estou enormemente honrada polo caudal de confianza recibido da veciñanza e con gañas de dar o mellor de mi para poder estar á altura.
Alén de manter unha liña política coherente tamén é necesario saber transmitila
Son consciente. De feito fixemos moitas xuntanzas coa veciñanza e distribuímos numerosa comunicación escrita polas distintas parroquias.
E no que respecta ás autonómicas que valoración fas?
Ben. Subimos case 1.200 votos e 9 puntos en voto porcentual. O noso resultado foi obxectivamente moi bo. Mágoa que non fose suficiente para converter a Ana Pontón en presidenta da Xunta. Teño que dicir tamén que me resultou sorprendente a pequena suba do PP en Tui.
Por que?
Porque o deputado do PP do Baixo Miño, o tudense Moisés Rodríguez, no que respecta á defensa dos intereses da comarca é un deputado ausente.
Ese deputado é o que a súa tía ía “mercar pitos a Portugal”,non?
Ha ,ha ha. Si, o mesmo. Pero ben,á marxe desa anécdota,o deputado é un deputado total e absolutamente ausente. Non está nin se lle espera na defensa dos graves problemas que padece a comarca.
O mandato actual, no concello, xa ten un ano de vida. Que valoración fas deste primeiro ano?
O goberno toma medidas estéticas pero non aborda os problemas reais que ten Tui. Este goberno pon parches pero carece dun proxecto de concello. Por exemplo no problema de aparcamento, que os catro anos anteriores foron catro anos perdidos, non vemos un compromiso real de buscar solucións.
A pretensión do goberno de realizar un aparcadoiro soterrado foi un importante foco de conflito entre vós e o PSOE?
Despois das municipais, e tras varios comentarios despectivos por parte do alcalde, o señor Cabaleiro chamounos para negociar un pacto e goberno. Finalmente non se puido concretar porque houbo desacordo en dous puntos concretos, e un deles foi o asunto do aparcadoiro soterrado, pois eles empeñáronse en que tiña que ser. E finalmente son eles os que levan a pleno desestimalo polo sobre custe tan elevado que tiña. Agora haberá que indemnizar á empresa, a ver en que cantidade.
Quen ten a responsabilidade, ao teu xuízo, desta situación?
O PSOE e En Marea que son as dúas forzas que no mandato anterior se empeñaron en facer esa obra.
Di o alcalde que se aprobou en pleno unha comisión para buscar solucións ao respecto?
Aprobouse no pleno de novembro e aínda non se convocou.
Que ides propor vós cando vos convoquen?
Ser valentes e imaxinativos e saber a opinión dos profesionais que coñecen ben o casco urbano de Tui.
En relación á situación do transporte cal é a opinión do BNG?
O transporte entre as parroquias é demandado por moitos veciños e veciñas. Foi un dos acordos para que nós votaramos a favor das súas dedicacións. Entendemos que non hai un compromiso real para quitalo adiante. Este tema vai ser eixo da política do Bng de Tui en todo o que queda de mandato. A xente das parroquias ten moitos problemas de mobilidade e o concello ten que facer todo o posible por axudar a que se melloren.
Non me parece de recibo que se faga un carril bici no centro, como se fixo por exemplo na rúa Lugo, pero que non se facilite a mobilidade da veciñanza das parroquias.
Sobre a situación de Areas que tes que dicir?
A situación de Areas é un desastre. O Polígono industrial xa naceu mal porque xorde a carón dunha autovía sen conexión directa con ela. Agora acaban de facer un acceso, que é un túnel, que tamén dá acceso a varios campos veciñais, e é un perigo. A estrada, na zona de centros comerciais tamén é moi perigosa,pois carece de continuidade de beirarrúas e dos pasos de peóns necesarios.
Nós tomámonos este asunto moi en serio, de feito levámolo ao parlamento en varias ocasións. Neste sentido quixera agradecer o traballo do deputado Luis Bará que no seu momento achegouse moitas veces ata a zona.
O mercado dos xoves está ben onde está?
A pretensión que manifesta o equipo de goberno é que non queren movelo do seu espazo. Nós defendemos que cando se peonalice González Besada debe de estar no centro: A rúa Lugo, González Besada, A Corredoira…
E cal é o motivo desa posición?
Hai moita xente que non se traslada á zona na que se atopa. No centro había moita retroalimentación entre o mercado, o comercio local e a hostalaría.
A actuación no lavadoiro de Souto en Guillarei foi tan desastrosa?
Esta actuación, xa do anterior mandato, amosa o nulo compromiso medio ambiental do goberno. Por exemplo neste lavadoiro colocaron herba artificial,ou na praia de Areeiros puxeron cemento, acaban de rehabilitar un lugar en Paramos que esteticamente queda horrible….Falta sensibilidade e planificación medio ambiental.
Sobre a reforma de Antero Rubín cal é a túa opinión?
Este tipo de actuacións son sempre moi discutibles, pero o que no Bng non vemos xustificable é que poñan un pavimento e logo haxa que levantalo e pór outro, con custe para o concello.
Estades desenvolvendo unha campaña a través da cal demandades ao concello que lle poña o nome de Agatha Broeskamp á senda do río Furnia. Para quen non coñeza a esta persoa, cóntanos as razóns que motivan esta proposta?
Esta muller era unha alemá que viviu en Pexegueiro. Eu coñecina persoalmente e era unha persoa encantadora. Ela, hai 3 décadas, creou unha cooperativa na parroquia de Pexegueiro da que chegaron a vivir 5 familias. Adicouse á agricultura ecolóxica, de feito foi das primeiras mulleres que tivo o certificado de agricultura ecolóxica. Foi unha muller moi comprometida non só con Pexegueiro senón en varias loitas veciñais. Era unha persoa cunha sensibilidade especial que traballou moito polo ben común, e nós entendemos de xustiza que o seu nome quede vencellado á memoria colectiva. De aí as razóns desta proposta.
Rematamos Carme: a evolución do voto ao BNG en Tui permite soñar con que pronto haberá unha muller nacionalista alcaldesa na localidade?
Xa vai tocando. De todos os demais xa sabemos como o fan. Agardo que nos dean a súa confianza para que pronto poida haber unha alcaldesa en Tui. Eu estou moi ilusionada e a confianza do BNG é máxima.