Nova directiva no Tomiño Fútbol Club

Tomiño Fútbol Club Aitor Bouzada

O verán pasado unha nova directiva facíase cargo do equipo tomiñés. O seu presidente é un mozo que acaba de entrar nos 30 anos, e xa ten un pasado como ex xogador do club e un presente de entusiasta seareiro do equipo da súa localidade. Asume o cargo de presidente con moita ilusión de mellorar a realidade económica, social e deportiva do Tomiño FC, e entre os seus proxectos máis importantes está a construción dunha canteira da que agora carece. O novo presidente é natural de Vilachán, e traballa no departamento de recursos humanos dunha empresa. Nós conversamos con el.

Aitor Bouzada presidente

O noso obxectivo deportivo esta temporada é, con toda claridade, o ascenso a primeira autonómica”

Fuches cociñeiro antes que frade?

Ha ha ha..Si, eu fun xogador do Tomiño.

Cando e como comezou a túa relación co mundo do fútbol?

Non sabería dicirche con exactitude. Desde que teño memoria o meu camiño e o do fútbol sempre foron inseparables. Xoguei en diferentes equipos: O Sárdoma, o Tyde, o Guardés , un ano nos xuvenís do Tomiño e logo xa pasei ao equipo sénior.

Ata que anos xogaches?

Ata os 26. Retireime moi pronto, seino. Tanto é así que creo que me quedou como unha espiña cravada, como unha conta pendente co fútbol e iso influíu en que agora sexa o presidente do equipo.

En que posto xogabas?

Dianteiro.

Trata de ser obxectivo: Eras bo?

Ha ha ha ha. Home está mal falar ben dun mesmo pero ,con toda humildade, eu creo que si, que lle pegaba bastante ben. Retireime hai 4 anos pero seguín vinculado emocionalmente ao club porque eu son, desde sempre, un seareiro inequívoco do Tomiño.

Cando e por que motivo asumiches a presidencia do equipo?

O Tomiño hai uns anos pasou un moi mal momento, estivo a piques de se desfacer. A directiva anterior fixo un bo traballo e conseguiu salvalo. Cando souben que o anterior presidente quería deixalo decidín formar unha directiva e asumir a xestión do equipo. Eu entrei como presidente no mes de xullo do ano pasado.

O traspaso de poderes como foi?

Moi tranquilo.

Cantas persoas sodes na directiva?

Oito persoas.

Cantos homes e cantas mulleres?

Somos de momento todos homes. Incorporar a algunha muller á xestión do club é un reto e un obxectivo que temos que cumprir.

Que realidade encontraches ao chegar á presidencia?

Unha realidade bastante boa. O club estaba economicamente saneado. Se cadra o proxecto deportivo estaba un pouco xusto.

Cantos equipos tendes?

Agora mesmo só dous: sénior e veteranos.

E non tes intención de ter fútbol base e fútbol feminino?

Para a temporada 24-25 imos ter equipo xuvenil. En Tomiño como sabes ao longo da nosa historia houbo sombras e problemas diversos que fixeron que o fútbol base e o fútbol feminino vaian por camiños diferentes. O fútbol base ten outra directiva é o AD Tomiño, e o fútbol feminino tamén ter outra directiva. Non é posible termos un equipo competitivo se non temos canteira.

Que tipo de relación tedes coa directiva do AD Tomiño?

Temos unha relación cordial, pero temos puntos de vista moi diferentes. A curto prazo non vexo posible a unificación polo tanto vou tratar de crear a nosa propia canteira. Todo isto dito con respecto escrupulosos ás persoas do AD Tomiño. As persoas do AD son rapaces de Tomiño que terán sempre o noso apoio e consideración.

En que campo xogades?

No campo municipal do Alivio.

Que tal están as instalacións?

Para min están perfectas.

Como se porta o concello con vós?

Ben, pórtase ben .No que nos poden axudar nos axudan. Somos conscientes de que os cartos son limitados e que hai que repartir con moitos.

En que división compite o equipo sénior e cal é o voso obxectivo deportivo esta temporada?

Estamos en segunda autonómica. A día de hoxe( 10/02) imos en 5º posto na nosa liga e o obxectivo deportivo é , con toda claridade , o ascenso. Penso que temos un moi bo equipo, creo que temos o mellor equipo dos últimos 10 anos, e estou convencido de que remataremos ascendendo.

Algúns dos xogadores son de Tomiño?

Si, claro. Temos 13 xogadores de Tomiño.

A liga é forte?

Moi forte e moi competitiva. Na nosa liga hai equipos moi solventes: O Ribera, o Goián, o Caselas, O Guardés….

Cales son os partidos de máxima rivalidade e tensión?

Os que xogamos contra o Goián. É o noso máximo rival.

Honestamente Aitor: Cando xoga o Goián ti que é o que desexas?

Ha ha ha ha. Dígocho con toda claridade: Desexo que perda.

Que tal é a vinculación do pobo de Tomiño co equipo?

Eu creo que moi boa. Volvemos instaurar o sentimento polo equipo. Enchemos o campo , con moita xente nova, e noto un apoio incrible da veciñanza. Eu creo que a nosa imaxe social é moi positiva.

Como vos financiades?

Con publicidade, cantina , as entradas para ver os partidos, rifas e a achega do Concello.