20 aniversario do Salón de peiteados Crisbor de Salceda de Caselas

Alexia Crisbor

Di a preciosa canción de Carlos Gardel que “ 20 anos non é nada” pero , non diría a canción porque é realmente preciosa, pero si que esa parte do tema está equivocada. Dúas décadas de vida é moito tempo desde calquera prisma que se observe. En Bioloxía, por exemplo, en 20 anos os cambios que experimenta calquera organismo son substanciais. No que atinxe á nosa arquitectura psicolóxica 20 anos é unha enormidade. De ningún modo se pensa igual, teñamos a idade que teñamos, agora que hai 20 anos. Desde o punto de vista emocional dúas décadas son como dous inmensos océanos. É realmente meritorio querer ás mesmas persoas, e querelas de igual maneira, agora que 20 anos atrás. E no que se refire á vida dun pequeno negocio sobrevivir 20 anos ininterrompidos coa mesma actividade, no mesmo formato e no mesmo lugar é un labor titánico que , neste mundo terriblemente competitivo, só pode ser produto dunha suma de enorme cualidade profesional e notable calidade humana. Este é o caso do negocio que coñecemos hoxe en profundidade: o Salón de Peiteados Crisbor da localidade de Salceda de Caselas, na Avenida de Galicia nº 25.Este negocio cumpre 20 anos de vida o que é un motivo suficiente para que A Nova Peneira se achegase a conversar coa súa propietaria, a nosa amiga Alexia. Ela é unha persoa amable, cordial, excelente conversadora , sensible, solidaria ,humana, e unha profesional soberbia. Erguemos a nosa copa de maneira metafórica para brindar con ela polos primeiros 20 anos de vida de Crisbor e facemos votos para que poidamos celebrar xuntos moito máis tempo de saúde e prosperidade para o seu negocio. Alexia é natural das Neves pero exerce a súa profesión nesta vila da Louriña na que vive desde hai 3 décadas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Alexia Domínguez

O mellor do meu traballo é a satisfacción que me produce. Encántame, satisfaime que me reten cunha cor ou un corte específico”.

Por que te inicias no mundo do salón de peiteado?

A miña paixón por este mundo vén de pequeniña xa. Recordo que lle pedía aos Reis esta boneca que lle crecían os chichos e podíase peitear e maquillar.

Despois, de adolescente, decidín que quería formarme para esta profesión e tívenme que ir a Vigo a unha academia privada, pois daquela aínda non existía esta rama na educación pública.

Cando rematei de estudar fixen as prácticas nun salón de peiteado e, aínda que casei e tiven familia moi pronto, sempre estiven vinculada a este mundo.

E despois disto, xa empezas aquí neste local?

Non, emigrei co meu marido a Suíza cando o meu fillo tiña catro meses. Alí estivemos a facer tempadas ata que o meu fillo cumpriu 5 anos e instalámonos aquí para que empezase o colexio. Desde entón xa empecei traballando como extra neste local, que daquela chamábase Ana Díaz, fai uns 30 anos.

Cando cambiou entón este local a salón de peiteados Crisbor?

Foi por circunstancias non moi boas. Hai agora 20 anos, a anterior propietaria faleceu e eu decidín facerme cargo do negocio. Foron momentos difíciles cunha sensación agridoce por este falecemento, pero contei co apoio e o agarimo da miña familia, polo que decidín embarcarme nesta aventura.

Que tipo de clientela tes no local?

Teño de todo tipo e de todas as idades. As mulleres que me visitan adoitan ser de máis idade que os homes, pois os meus clientes masculinos habitualmente son rapaces e mozos o que se cadra me permite experimentar máis .En calquera caso todas e todos son benvidos e a súa confianza é unha honra para min. Estou encantada de que a miña casa sexa tamén a súa.

Faime unha valoración destes 20 anos co negocio?

Pasaron moitas cousas. Na crise da construción do 2008 houbo tempos difíciles e, recentemente a pandemia. O que si foi sorprendente é a volta á actividade despois do confinamento, eu traballo moitísimo mellor. Creo que as persoas valoraron o coidarse a si mesmas e iso nótase aquí, no meu negocio. Penso que agora coidámonos un pouco máis e dunha maneira diferente. Tamén cambiou a maneira de traballar, antes os sábados erantremendos con xornadas maratonianas ata as 22:00 h da noite porque as clientas pola mañá íanse a traballar ao campo e viñan pola tarde para estar arranxadas o domingo para ir a misa. Agora os sábados dedicámolos a saír ao monte coa familia, de sendeirismo ou a pasear e gozar das nosas afeccións a fin de semana, tampouco se vai tanto a misa, por este motivo traballo máis os venres e os sábados reducín o horario.

Que é o mellor e o peor da túa profesión?

Se tivera que lle pór un pero sería a xornada partida, o que supón moitas horas que lle hai que dedicar.

O mellor do meu traballo é a satisfacción que me produce. Encántame, satisfaime, arróubame que me reten cunha cor ou un corte específico. Que unha persoa chegue desanimada polos seu problemas da súa vida e, despois do traballo que ti lle realizas, vela marchar de aquí feliz e con cara de quedar a gusto, de verse guapa, iso para min é plenamente satisfactorio, o poder mellorar a vida da xente.

Que servizos ofreces?

Facemos salón de peiteado de home e muller que inclúe tinguiduras, mechas, cortes, peiteados de eventos, maquillaxe e manicura básica. Non temos estética nin láser.

En que horario?

Pecho os luns e o martes pola mañá. O horario do resto da semana é de 9:30 h a 13:00 h de mañá e de 4:30 h a 8:00 h de tarde. Os sábados de 9:30 h a 5:00 h. Os domingos tampouco traballamos, ao non ser que teña algún evento como vodas, comuñóns, etc.

Funcionamos con cita previa para poder organizar mellor o traballo e que á clientela a poida atender o máis rápido posible pero, se pasas pola porta e hai un oco, atendémoslles. O telf. é 986 34 79 52. Tamén a través de Instagram e Facebook.

Cal foi o peiteado máis extravagante ou que máis che marcou neste salón?

Unha moza que me pediu unha crista. Tiña os laterais curtos pero co pelo longo. Isto foi un reto enorme, cardados, selados de prancha, laca e máis laca, foi impresionante. O reto saíu e a crista durou todo o día. Ata volveu por aquí a darme de novo as grazas.

A clientela é de aquí de Salceda?

De aquí, de Cabreira, Caldelas de Tui. Da contorna de Salceda.

Este é o negocio da túa vida pensas xubilarche aquí?

É o negocio da miña vida, encántame. Non sei se a saúde laboral permitirame xubilarme aquí. Esta é unha profesión onde os pulsos e os ombreiros sofren moito e normalmente non chegamos a xubilarnos traballando nisto.

E que alternativa queda se non podedes chegar a xubilarvos nesta profesión?

Pois a gran maioría fanse comerciais de produtos de salón de peiteado para seguir neste mundo. Eu si teño que pechar por este motivo, seguiría vinculada a esta profesión tamén.

Por último, algo que lle queiras dicir aos teus clientes ou clientas?

Pois que estou moi orgullosa deles e delas. Agradecerlle os momentos vividos, as horas de conversas, as risas, as anécdotas e darlle as grazas porque me permitiran formar parte das súas vidas nestes 20 anos marabillosos.

Moitas grazas Alexia. Parabéns por estes 20 anos e os nosos mellores desexos para que o negocio poida vivir polo menos outros tantos máis.