
10 anos peiteando a Salceda
En Salceda na rúa Pontevedra nº 11 está a perruquería A&R. E este ano están de celebración pois cumpren a súa primeira década de vida. Foi no ano 2012 cando as súas propietarias, Andrea, unha moza de Entenza, e Rocío, unha rapaza pontareá da Nogueira, decidiron emprender esta marabillosa aventura da que hoxe celebran o seu décimo aniversario. Nós conversamos con elas e descubrimos a dúas mulleres namoradas da súa profesión, que desenvolven con paixón e dedicación absoluta.
Seica estamos de aniversario?
Pois si. Este ano fai dez anos que inauguramos este proxecto tan bonito. Parece que foi onte, pero xa choveu desde aquel lonxano 2012 que foi cando A&R abriu as súas portas por vez primeira.
Esta non foi a vosa primeira experiencia neste mundo verdade?
Non, levamos as dúas entre 18 e 20 anos de experiencia neste sector.
En que outras perruquerías traballaches Rocío?
Estiven en Ponteareas, en Tenerife e aquí en Salceda cando o local tiña outra propietaria. Estabamos as dúas empregadas nesta perruquería, e así comezou a nosa andaina xuntas.
E ti Andrea?
Eu levo aquí practicamente toda a miña vida laboral. Isto antes era unha academia de perruquería e xa estou aquí desde entón. Logo tivo outra dona, e hai dez anos collémola nós.
Como vos decidistes a coller volas dúas este establecemento?
Estabamos as dúas desempregadas. E como che dixemos eramos boas amigas pois traballaramos xuntas, cando este local tiña outra propietaria, e sempre o fixemos moi ben e moi cómodas a unha coa outra. Entón todo foi como fluíndo , case sen dármonos de conta, ata chegar ao destino final de compartirmos negocio.
O ano no que abristes, o 2012, era un ano de forte crise económica. Non vos deu algo de medo, tan novas como erades, lanzarvos á piscina de serdes empresarias?
Si, claro que nos deu medo. De súpeto tes que enfrontar unha morea de responsabilidades ás que non estabamos afeitas. E foi difícil claro que si. Pero as nosas clientas e clientes, a familia e as amigas e amigos, animáronnos moito, déronnos toneladas de azos e un océano de confianza e todo foi máis fácil do que parecía. Desde logo o noso agradecemento é infinito para todas as persoas que nos honran coa súa confianza.
Véxovos moi orgullosas ás dúas e moi agradecidas a todas as persoas que confían no voso traballo. Case me atrevo a asegurar que a valoración xeral destes 10 anos é moi positiva , verdade?
Non te equivocas, non. A valoracións desta década das nosas vidas é enormemente positiva. A&R é das cousas que deixan pegada nos nosos corazóns, e que nos fan valorar o bonita que é a vida. Cando tanto esforzo, tanto traballo e porque non dicilo,tantos sufrimentos e medos, dan o froito soñado é para sentirnos enormemente orgullosas. E así, tal cal, é como nos sentimos as dúas.
Que tipo de servizos ofrecedes aquí?
Temos servizo para homes e mulleres.
Na rama da estética ofrecemos pedicuras, manicuras, esmaltes permanentes, depilacións, maquillaxe. E depilación láser unha vez ao mes.
Na rama da perruquería facemos peiteados para eventos nupciais, comuñóns, e todo tipo de cortes, alisados e tinturas.
Que perfil de clientes tedes ?
De todo tipo de idades desde nenos e nenas ata persoas maiores. Temos unha clienta que pasa dos 90 anos e está estupendísima.
Os e as clientas que tedes de onde son, de Salceda?
De Salceda e de máis vilas da contorna, ata temos de Vigo.
En relación aos prezos, en que baremo estades?
Temos prezos intermedios de mercado, non podes cobrar moi barata senón non cobres nin os gastos.
Que é o máis bonito do voso traballo?
Que podes cambiar o aspecto dunha persoa nunhas dúas horas. E cando o resultado fai feliz á persoa que confía no teu traballo é realmente satisfactorio.
E o que menos vos gusta?
O que non nos gusta é non cubrir as expectativas das persoas que depositan en nós a súa confianza. Afortunadamente non soe pasar
Que horario tendes?
De luns a venres de 9:30 a 13:30 de mañás e de 16:00 a 20:00 de tarde. Os sábados de 9:00 a 16:00 horas.
Este é o negocio das vosas vidas?
Pensamos que si. Esa é a nosa intención. De feito comprometémonos a facer outra reportaxe na Peneira para celebrarmos o noso 20 aniversario ha ha ha ha ha.
Para rematar, velaí tedes as nosas páxinas para que lle digades o que queirades a todas e todos os clientes que vos acompañaron nesta década?
A verdade non resulta fácil, pois non chegarían todas as páxinas do periódico para expresar a inmensa gratitude que sentimos, e o moito que nos honra a súa compañía e confianza. Para nós, despois de tanto tempo, as nosas clientas son moito máis ca clientas. Son amigas e amigos, son a nosa outra familia. E desde o máis profundo de nós dámoslle as grazas e nos comprometemos a seguir pondo o mellor de nós para poder seguir gozando do inmenso tesouro da súa confianza.