Os representantes dos grupos políticos plantexaron ao mandatario as condicións deficientes da atención primaria no centro de saúde local
Tomiño, 6 de maio de 2022.
Francisco Javier Puente, xerente da área sanitaria de Vigo, visitou onte o Concello de Tomiño, co fin de manter unha reunión cos voceiros dos tres grupos políticos que integran a Corporación Municipal, despois de que se solicitara o encontro en outubro do ano pasado e de que se reiterara a petición varias veces nos últimos meses.
Os grupos políticos da corporación (BNG, PP e PSdG-PSOE) plantexaron a través dos seus voceiros, a situación alarmante na que se atopa o centro de saúde tomiñés ante a falta de persoal e as conseguintes deficiencias na asistencia primaria. Tamén abordaron a reapertura do consultorio de Goián, que leva pechado dende o comezo da pandemia.
Logo da manter a reunión coa alcaldesa e voceiros dos grupos da oposición, Puente conversou con membros da plataforma de defensa pola sanidade pública.
“Agradecemos moito que o xerente se trasladara hoxe a Tomiño, para ter unha reunión que vimos pedindo desde o mes de outubro conxuntamente coa oposición”, explicou en primeiro lugar a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
O xerente da área sanitaria viguesa comentou en primeiro lugar que gran parte da solución á falta de médicos existente, podería vir a través do sistema de xestión de demanda (SIXD) que se está aplicando de forma experimental, polo que os facultativos deixarían de facer tarefas que non sexan exclusivamente médicas.
Respecto á cobertura das prazas, comentou que se emprendería o tema a final do verán, “cousa que agardamos sexa así, xa que nestes momentos están aínda sen cubrir as prazas vacantes ou as substitucións, e cremos que no verán a situación será aínda peor polo tema das vacacións”.
Outro tema que abordaron durante a xuntanza, foi o da reapertura do consultorio de Goián, que se pechou ca pandemia. O xerente comprometeuse a estudar a situación e valorar a reapertura deste punto de atención.