Máis de 600 mozos e mozas participaron en cursos, obradoiros e actividades de lecer, ao que hai que sumar outras accións postas en marcha polo grupo de voluntariado
Tomiño, 1 de marzo de 2024
A OMIX de Tomiño pechou o 2023 con grande éxito de participación. Ao longo do pasado ano máis de 600 mozos e mozas formaron parte de cursos, obradoiros e actividades de lecer, un alto número rapazada implicada ao que hai que sumar todas aquelas persoas que participaron tamén nas actividades realizadas polo grupo de mocidade voluntaria. Un balance moi positivo, cun crecemento notable da participación e un interese que segue en aumento para este 2024.
Ao longo do ano pasado, arredor dunhas 220 persoas inscribíronse nos diversos cursos formativos e de lecer ofertados pola OMIX de Tomiño e outros 200 mozos e mozas, ademais de moitas persoas maiores de 35 anos, participaron no concerto organizado para celebrar o Día Mundial da Xuventude. Unha cifra ao que hai tamén que sumar os más de 150 alumnos e alumnas de 2º da ESO aos que se lle impartiu o obradoiro de educación afectivo-sexual, unha formación que se repetiu xa este ano nas aulas do IES Antón Alonso Ríos e no que participaron outros 150 estudantes.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca “o continuo interese que amosa a nosa mocidade por todas as actividades que se fan dende o Concello. É un claro exemplo do compromiso e implicación dos nosos mozos e mozas e do gran traballo que se realiza dende a OMIX, creando unha programación atractiva e adaptada á demanda da propia rapazada”.
A OMIX de Tomiño promete un 2024 cargado de proxectos e que arrancou con dúas formacións que acadaron un grande éxito entre a mocidade e que contan cunha importante lista de agarda tras completar as prazas en pouco tempo: un curso de monitor de tempo libre de 350 horas teóricas e prácticas con título oficial e o de bordado, con tanta xente interesada que se repetirá no vindeiro mes de abril.
Deste xeito, nos vindeiros días abrirase a inscrición na web municipal para os talleres que se celebrarán en abril. Así, organizarase un curso de horticultura ecolóxica, un obradoiro de 12 horas no que o alumnado coñecerá de xeito teórico e práctico as bases da produtividade do cultivo ecolóxicos e os labores en horticultura: cando, que e como plantar e manter a horta. Na formación tamén se abordará a recolección e conserva dos alimentos. O curso será os venres dende o 5 de abril ao 10 de maio na Escola Obradoiro de Goián de 18.00 a 20.00 horas e terá un prezo de 15 euros por persoa.
Dado o grande éxito de acollida das dúas primeiras edicións, en abril tamén celebrará un novo obradoiro de bordado sobre fotografía en tea, no que as e os participantes aprenderán a transferir imaxes á tea e a bordar sobre elas. A través de puntos planos e de relevo aprenderán a dar cor e volume a unha fotografía sen necesidade de ter coñecementos previos. O obradoiro celebrarse un sábado aínda sen especificar e volverá a haber dous grupos, un de 09.30 a 13.30 h e outro de 16.00 a 20.00 h, Será na PrazaCultura de Goián e terá un custe de 20 euros por persoa.