O oito de marzo do ano 1908 un grupo de traballadoras do sector téxtil na cidade de New York protagonizaban unha folga que rematou coa morte de 129 delas como resultado dun incendio provocado polo dono da fábrica na que traballaban. Dous anos despois ese día pasou a ser proclamado como Día Internacional da Muller Traballadora, agora Día Internacional da Muller, cuxa primeira celebración aconteceu un ano máis tarde en catro países:Austria, Alemaña , Dinamarca e Suíza. Na actualidade o significado desta data espallouse a moitos países.
Ao longo da historia da humanidade a sociedade artellouse de maneira que o home asumía o papel de suxeito e para a muller quedaba reservada a función de obxecto para satisfacer as necesidades do suxeito. Ata hai nada a muller no estado español non podía ter nin sequera unha conta bancaria ao seu nome sen o permiso do home. E hoxe son aínda ducias as mulleres que ano tras ano son asasinadas polas súas parellas ou as súas ex parellas, e centenares as que sofren maltratos físicos, psicolóxicos ou son agredidas sexualmente. Noutras zonas do mundo o “adulterio” feminino castígase coa morte da muller, milleiros de nenas son obrigadas a casar contra a súa vontade con homes maiores e outras moitas sofren a mutilación dos seus órganos xenitais.
A reivindicación de que entre a muller e o home debe de existir igualdade plena é necesaria, está plenamente vixente e segue a ser imprescindible pois ata que non se acade non viviremos nunha sociedade digna e decente. A humanidade está formada por dous sexos e non é aceptable ningún tipo de discriminación. O 8-M debe ser unha data de reivindicación contra a discriminación, os abusos,a violencia machista, as agresións sexuais, as fendas salariais…..
E ao novo goberno de As Neves non se lle ocorre outra cousa que organizar un 8-M con tres actividades das que as dúas últimas son:
Costura.
Cociña.
Eu non sei se é insolvencia,mala fe ou as dúas cousas, quero ser xeneroso e pensar que se trata de insolvencia en grao superlativo, pero resulta máis que lamentable. Imaxinen amigos e amigas que en calquera lugar da América profunda se organizara un seminario para reivindicar a dignidade da loita dos escravos negros que loitaron pola súa liberdade , para dignificar a súa memoria e para esixir que semellante monstruosidade nunca se volva a repetir. E que cando vaiamos ver as actividades previstas no devandito seminario unha delas fose:
Técnicas de recollida do algodón para negros.
Sería un auténtico disparate, verdade?.Pois igual de disparatado é organizar un 8-M facendo costura e cociña. Este goberno merece un suspenso radical e precisa de maneira urxente formación en feminismo.