O BNG pide á Xunta que inclúa nos orzamentos de 2026 partidas para proxectos “fundamentais” para Salvaterra de Miño como a ponte da Plisan e a ampliación do instituto

A voceira Patricia Mariño destaca que un impulso do novo viaduto permitiría eliminar o tráfico pesado do centro da vila

O Bloque pide tamén urxencias de tarde no centro de saúde e a xestión e financiamento do SAF directamente pola Xunta

O BNG de Salvaterra asegurou hoxe que a Xunta de Galicia “deixa totalmente abandonada” a comarca do Condado en xeral e o Concello de Salvaterra en particular nos orzamentos autonómicos para o ano 2026. Segundo a voceira Patricia Mariño, “en Salvaterra non se ve por ningún lado a tan cacarexada aposta do goberno galego pola política social, a sanidade, a educación, a vivenda e o emprego”, xa que as contas do próximo ano “coxean por unha total falta de investimento efectivo en áreas chave para o benestar da nosa veciñanza”. Por isto, o Bloque vén de presentar catro emendas aos orzamentos para proxectos que considera “fundamentais” para atender problemas “vitais” no municipio.

No que respecta ás infraestruturas, a portavoz do BNG pide á Xunta que reserve fondos suficientes para iniciar a execución da nova ponte internacional que debe dar servizo á Plataforma Logística e Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN). Segundo Mariño, esta ponte, que aínda está en fase de proposta e debate, é fundamental para desconxestionar o tráfico pesado que diariamente pasa polo centro de Salvaterra e cruza o tráfico cara Monçao a través da rúa Miño, que vertebra o núcleo urbano. “A construción desta ponte sería o punto de partida para poder desenvolver unha vila pensada para as persoas. Permitiría sacar o tráfico pesado, coa mellora de seguridade e as posibilidades que iso suporía para facer máis cómodo e de calidade o noso espazo público”, sinala a nacionalista.

Mariño tamén subliña a necesidade de que a Xunta se encargue da xestión e financiamento do 100% dos CEIP, CEP, CRA e IES do municipio atendendo ás necesidades reais dos centros educativos. Advirte a nacionalista que a situación xeral é de falta de profesorado e de medios, ademais de ser preciso ampliar o instituto, construír un patio cuberto e un auditorio e aumentar os ciclos formativos, moi demandados debido ao continuo medre de alumnado e poboación.

Por outra parte, a voceira do BNG fai causa nas emendas da necesidade de dotar de urxencias pola tarde o centro de saúde de Salvaterra con atención de dúas persoas médicas e unha praza de Enfermería. Destaca que o servizo de emerxencias é vital para un concello con 11.000 habitantes e unha poboación que está a incrementarse de maneira constante. “No verán a situación do noso centro de saúde foi insostible por falta de persoal, non se pode xogar coa vida da xente agardando por atención médica básica”, advirte.

Finalmente, o Bloque tamén demanda á Xunta que se faga cargo da xestión directa do Servizo de Atención no Fogar (SAF) por ser unha competencia propia do goberno galego. En calquera caso, mentres o Concello teña que facerse cargo do servizo, solicita que o goberno autonómico afronte a totalidade do financiamento, que anualmente supón para as arcas municipais de Salvaterra un gasto de 300.000 euros que poderían destinarse a outros investimentos e servizos.

Mariño foi especialmente dura non só coa ausencia total de investimentos da Xunta en Salvaterra nos orzamentos para 2026, senón tamén coa alcaldesa e o seu equipo de goberno. “Aquí temos un novo exemplo do seguidismo e complacencia do PP local, que aplaude a total amnesia do PP galego co seu concello en vez de reivindicar as actuacións necesarias para a veciñanza do municipio”, subliñou, advertindo que as e os populares da localidade deberían “avergoñarse” da súa falta de ambición para coa vila.