O goberno municipal do BNG-PSOE saca a contratación da mellora da rede de pluviais e pavimentación, financiada ao abeiro do Plan Concellos
O Concello de Ponteareas ultima o proxecto de reforma integral da estrada de Ganade, na parroquia de Areas, ata a súa conexión coa N-120, cunha derradeira fase de mellora de rede de pluviais e pavimentación da estrada xeral ata a nacional. “Levamos moito tempo traballando para reformar de forma integral esta estrada e tras as fases iniciais de obras realizadas ao abeiro do Plan Marco 2021-2022, agora rematamos o proxecto mellorando unha zona na contorna do río Xinzo que non posúe cunetas e na que a auga circula sen control, afectando aos muros de peche de fincas e deteriorando o firme da estrada”, explica a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote.
As obras, que terán un prazo de execución dun mes, permitirán mellorar a drenaxe lonxitudinal e a rede de pluviais coa construción de cunetas revestidas de formigón e renovarase a capa de rodadura dun tramo de 526 metros desta estrada, “garantino á veciñanza unha infraestrutura segura e acorde co alto nivel de uso do vieiro”.
“Dende o Goberno municipal do BNG-PSOE continuamos traballando para mellorar a súa rede municipal de estradas e vieiros, reparando camiños e pistas asfaltadas, reparando todos os problemas detectados máis alá da pavimentación dos vieiros, como a drenaxe superficial, eliminando a auga que circula sen control, mellorando o servizo que se ofrece a usuarios e usuarias e alongando a vida útil dos camiños”, salienta Garrote.
O Concello sacou a licitación estas obras por un importe de case 44.500 euros que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. As persoas e empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de marzo.