Nicolas e Fernanda, os bisnetos do asasinado no lugar do crime
Tino Lago e Antón “Xaque”
O protagonista deste traballo, Francisco Rodríguez Pancho, foi un líder agrarista galego natural da pequena parroquia de Lourido no concello de Salvaterra de Miño, chegou a ser o presidente da “ Unión campesiña de Fornelos”. El naceu en 1884 e aos 27 anos, con toda a vida por diante, foi asasinado por algúns familiares de Jose Ramón Alonso Álvarez, secretario do concello de Salvaterra, probablemente dous dos seus fillos ou incluso tamén el mesmo. Os Alonso eran uns destacados caciques locais naquel tempo, e o asasinado era dos que non calaban nin miraban para outro lado ante a peste que sofre o noso país desde a noite dos tempos: o caciquismo. Pancho tiña unha tenda de ultramarinos e foi asasinado a tiros o dous de setembro de 1911, no que hoxe é a rúa Ramón y Cajal, a que sobe á fortaleza de Salvaterra.
Pero Pancho non morreu ese mesmo día, tardou 17 horas en falecer e na súa longa e prolongada agonía puido identificar aos seus asasinos, e tamén houbo un xuízo no que varias testemuñas chegaron a identificar aos que o mataron. Porén, aínda que pareza asombroso, estes foron declarados inocentes e ficaron absoltos. Na segunda República a rúa onde Pancho foi asasinado, segundo nos contan os seus bisnetos, recibiu o nome do seu bisavó, pero cando a longa noite de pedra da pandemia franquista puido pór as súas negras gadoupas en todo o que foi a luz da esperanza republicana mudáronlle o seu nome.
Pancho deixou 3 fillos. Unha filla, Jesusa, e o seu irmán Manuel emigraron a Buenos Aires e alí, como tantas e tantos galegas e galegos condenados a gañar o sustento fóra do noso país, foron facendo as súas vidas de novo.
Jesusa faleceu aos 92 anos, e pouco antes de morrer decidiu contar aos seus netos, Nicolás e Fernanda, a historia que sempre levou na súa alma, como unha pesada lousa, e que nunca contara a ninguén, a historia de Pancho, o seu pai, e o bisavó de Nicolás e de Fernanda.
Eles pasaron a principios do mes de marzo brevemente por Salvaterra, a imaxe que ilustra esta reportaxe é a súa na rúa na que foi asasinado o seu bisavó, e manifestan ter a intención de facer todo o necesario para que o Concello , nun acto de xustiza, restitúa o nome do seu bisavó na rúa na que foi asasinado. Antes da chegada do franquismo estaba prevista a colocación dun monumento, en forma piramidal para lembrar a Pancho, pero a escuridade do nacional catolicismo español todo o apagou. E a actual administración municipal semella que non amosa de momento excesivo interese nun acto de xustiza tan elemental como restituír a memoria da dignidade dun veciño de Salvaterra que foi asasinado por defender a quen sufriu abusos de quen os exerceu. Nós, grazas a amabilidade e dilixencia do noso querido amigo e colaborador Antón “ Xaque” puidemos conversar cos bisnetos de Pancho.
Fernanda e Nicolás Vigarelli bisnetos do asasinado.
Como coñecestes a historia do voso bisavó?
A nosa avoa contóunola pouco antes de morrer. Ela faleceu con 92 anos e falounos do seu pai cando tiña 90/91. Un día na súa casa quitou xornais vellos que informaban do crime e falou do que nunca falara ata ese momento.
Ata entón non sabiades nada?
Non, nada en absoluto.
Supoño que quedariades abraiados?
Absolutamente. Eu sempre fun unha persoa– fala Nicolás- con elevada sensibilidade política e moito interese pola historia. Pero o episodio do asasinato do meu bisavó, incidiu notablemente na miña decisión de estudar a carreira de historia, que estou a cursar na actualidade.
Unha vez que matan a Pancho que consecuencias trouxo para a vosa familia?
Encarnación, a viúva de Pancho
Dor e sufrimento claro. A familia acabou por separarse. A súa viúva Encarnación quedou en Salvaterra cunha das súas fillas e os outros dous, Jesusa, a que sería a nosa avoa e o seu irmán Manuel, o noso tío avó, emigraron a Buenos Aires.
Que fixo Jesusa en Arxentina?
Traballar toda a súa vida e gañar a vida como puido. Fixo moitas cousas incluso chegou a traballar na casa de Agustín Justo , presidente de Arxentina na década dos 30 do século pasado. Casou co meu avó, un home de ascendencia italiana, e desa unión naceu o noso pai.
Cando a túa avoa vos contou a historia do seu pai explicouvos os motivos do seu asasinato?
Si, díxonos que o mataron por organizar aos campesiños para que defenderan os seus dereitos contra a explotación e o abuso dos caciques. Contounos que os seus asasinos foron xulgados pero que poder do caciquismo era tan grande que saíron impunes.
Contouvos quen o asasinou?
Si, Algúns dos fillos de Ramón Alonso e probablemente tamén o pai..
Como o sabe?
Porque tardou 17 horas en morrer e puido identificalos
Quen era Ramón Alonso?
Un cacique local naquel momento. Tiña o almacén máis poderoso de toda a comarca. El procedía de Tui, chegou ao concello, do que foi secretario, da man do seu sogro e paulatinamente se foi facendo co poder -ata mandar máis có alcalde di Xaque-. Formaba parte do grupo de Gabino Bugallal, un destacado cacique, máis importante aínda que Alonso, da zona de Ponteareas que chegou a ser ministro e era firme partidario da política de represión contra os movementos de protesta social. En 1931 ante o o masivo apoio á República el defendía o uso da forza para salvar á monarquía.
O caciquismo foi un eixo moi importante , xunto coa igrexa, para soster o poder perpetuo das oligarquías económicas.
E a aparición do sindicalismo agrarista foi un problema serio para eles porque cuestionaba o que ata ese momento non cuestionou ninguén.
Entón reaccionaron con violencia claro, e nese contexto enmárcase o asasinato do voso bisavó?
Si, sen dúbida, pero non só reaccionaron con violencia- apunta Xaque- senón creando os sindicatos agrícolas católicos para confrontar co sindicalismo agrarista.
O asasinato foi de súpeto?, ou era algo que podería pensarse que ía acontecer?
O asasinato foi a tiros polas costas. Pero el xa viña sendo acosado e perseguido de distintas maneiras
Por exemplo?
Retirándolle a licencia para un estanco que tiña.
Os asasinos foron xulgados verdade?
Si. E a policía tiña o testemuño do propio Pancho, que tardou 17 horas en morrer e puido identificar aos asasinos e tamén houbo testemuñas no xuízo, Rafael Rodal e a súa esposa Elvira García, irmá do que era alcalde de As Neves, e de dous nenos que presenciaron o crime, pero no xuízo saíron impunes. Cremos que o xurado popular foi buscado ad hoc para que absolveran aos asasinos.
Onde está enterrado Pancho?
Foi soterrado en Lourido e co tempo pasaron as cinzas a Fornelos da Ribeira , xunto coa súa viúva Encarnación.
O vindeiro 13 de maio unha nova edición da festa da Sementeira de Corzáns verá a luz, e xa son 15. Este festa está organizada pola asociación Quinta do Piñeiro e nós conversamos con Fran, o seu secretario […]
100 días que deron para moito, un equipo que conta con caras novas, un equipo renovado e con moitas ganas, comprometido co seu pobo e que nestes primeiros 100 días empezaron a marcar a súa liña de traballo. […]
O vindeiro día 18 de xullo de 2021 ás 12.00 h. terá lugar o acto de inauguración dun Espazo da Memoria Histórica en Salvaterra de Miño.
Este Espazo da Memoria Histórica, estará situado na fonte da Vila, no xardín que está diante da praza de abastos.
A Plataforma cívica creada o 19 de agosto do 2020 para a recuperación da Memoria Histórica do Concello de Salvaterra de Miño, naceu coa idea de acadar uns obxectivos concretos, ampliables nun futuro.
Estes obxectivos son:
Erguer un monumento ás vítimas do golpe de estado de 1936.
Lograr a exhumación e identificación dos restos de cinco asasinados soterrados no adro da igrexa de Cabreira.
Fomentar a publicación dun libro do historiador e investigador Xosé Ramón Paz Antón, relacionado cos feitos.
Intentar recuperar un baul con documentación persoal do Tte. de Alcalde asasinado José Domínguez González, soterrado nun lugar propiedade da familia, antes de que o detiveran.
Traballar para que desaparezan os vestixios de exaltación fascista nas igrexas, cemiterios e monumentos das parroquias.
Esta Plataforma, en colaboración co Goberno Municipal, convida aos veciños e veciñas de Salvaterra de Miño e da contorna para a culminación do primeiro destes obxectivos, repetimos:
Erguer un monumento ás vítimas do golpe de estado de 1936.
A pesares do retraso imperdoable, é para nos un inmenso orgullo e unha enorme satisfación poder rematar a consecución deste obxectivo. Neste acto contaremos coa colaboración da historiadora e veciña da parroquia de Fiolledo Dona María del Rocío Pino Domínguez que procederá a lectura dun manifesto acaido.
ESQUEMA DO ACTO:
1º.- Presentación do acto por parte dun membro da Plataforma.
2º.- Lectura do manifesto por parte de Rocío Pino.
3º.- Descubrimento da placa e inicio acto musical, marcha antiguo Reino de Galiza.
4º.- Despedida.
Este Espazo que inauguraremos, pon punto final a 85 anos de espera e ten que estar vivo, punto de encontro que temos que encher con actividades. Non teñen por que ser maxestuosas, teñen que ser actividades. Adiante, seguro que entre todos e todas o logramos. […]