Cousas de Salvaterra

Cousas de Salvaterra
Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Antes de proceder á continuación do relato publicado no número 153 de xaneiro pasado, teño que aclarar que o lugar chamado “DO FACHO” e que no seu momento non souben ubicar correctamente, estaba xustamente o lugar da Bouza do Viso, onde están actualmente o teleclub, cemiterio, campo de deportes, etc.. Existe un plano do forte de Santiago de Aitona, construido en 1646, na zona máis elevada de Salvaterra, para cortarlle o paso deica o Norte ao exército portugués, nese plano ven reflectido ese lugar claramente.

Caida Salvaterra en mans portuguesas, pasou a chamarse Salvaterra de Portugal. Cómpre que fagamos un pequeno repaso histórico do lugar.

Esta vila está situada sobre o río Miño na banda do antigo Reino de Galiza, a un tiro de mosquete reforzado da vila de Monção en Portugal, para o nacente. Tivo unha antiga fortaleza con catro torres.

A pesares da lenda popular que vencella o recinto amurallado coa raíña Dona Urraca, León 1033 – 1101, non atopei na información que manexo documentos que o demostren.

Estivo en poder, canda a Tui, do primeiro Rei de Portugal Afonso Enríquez, nado en Guimarães, Viseu ou Coimbra no 1109, rei do1139 ó 1185, finado en Coimbra. Tamén aconteceu durante o reinado de Fernando I, nado en Coimbra no 1345, rei do1367 ó 1383, asasinado en Lisboa.

Foi señor desta vila Don Pedro de Castro, doazón do Rei Don Juán I de Castela, nado en Épila no 1358, rei do 1379 ó 1390. Sí, de Castela por… “Galiza estar privada de chancelaría real desde 1230, coa perda dunha monarquía propia”, páx. 932 do libro ,Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza, tomo II, Francisco Rguez.” Pedro de Castro cedéullela o Rei Don João I de Portugal, nado en Lisboa no 1357, rei do 1385 ó 1433. Dí Fernão Lopes, cronista da primeira parte da crónica do mesmo rei, que pasando a Salvaterra de noite por un vao de estacas no Miño, afogáronse cincocentos cabaleiros por teren errado o vao e iren a parar a un pozo, tamén afogaron moitos peóns, o peor foi que tamén se afogou o Infante Don Afonso, (consultada a wikipedia, ven a dicir que este Infante tiña 10 anos na data da morte que aconteceu o 22 de decembro de 1400 en Braga, xa que logo parece inverosímil que se afogara no río e menos nesa data, época do ano na que o río acostuma ir máis caudaloso), afogou asemade João Rodríguez Pereira, fillo de Rui Vaz Pereira, Señor de Paiva e Baltar, de quen proceden os Condes de Feira, tamén afogou João Rodríguez de Novaes, señor de Currais e mesmo o propio Rei viuse en grande perigo.

Estando de novo en mans , agora galego norteñas, o Rei Don Enrique III, nado en Burgos no 1379, rei do 1390 ó 1406, morto en Toledo, fixo doazón dela ós Sarmento.

Foi gañada canda Tui, Baiona, Vigo, Redondela e Pontevedra, nos tempos de Afonso V, nado en Sintra no 1432, rei do 1438 ó 1481, morto en Sintra, Parece ser que lle foi ofrecida ó Rei portugués por Pedro Álvarez de Soutomaior, (Pontevedra 1430, se cadra morto en Alba de Tormes en 1486), era o famoso Pedro Madruga a quen, polos bos servizos prestados, fíxoo Conde de Camiña. Moitos estudosos afirman que non morreu onde se dixo, senón que se “transformou” en Cristobal Colón, teoría na que eu acredito.

De volta o século XVII, gañouna polas armas o Conde de Castel-Melhor. Estaba en posesión dela con título de Conde, Don García Sarmiento de Soutomaior, Marqués do Sobroso, (As Achas, A Cañiza 1595 – 1659 Lima, Perú).

A fortaleza antiga foi reformada por García Peres Sarmiento, (1295 – 1349), señor dela, desfacendo dúas torres da muralla do lado Sul, que olla para o río Miño, e polo Poniente lado Oeste, fabricando unha casa maxestuosa, que chamaban o pazo vello. Máis tarde Dona Leonor Sarmiento, avoa do Conde Don García Sarmiento de Soutomaior, fundou e acabou o pazo novo.

Estaban estes dous pazos-fortalezas coas dúas murallas seguidas por outro muro con portas, a entrada principal daba a un grande patio, outra pequena porta falsa daba para o Miño, (estou en que é unha que pode verse tapiada), pola cal en tempo de guerra íase buscar auga. Sobre esta altura ovada, en que haberá até oitenta casas habitadas con unha grande praza, no fin da cal está a Igrexa Maior e a Misericordia?, na parte baixa continuaba o restante da vila que chamaban o arrabalde e un mosteiro de frades da Orde de San Francisco, fora da vila ó Poniente, fundado polo Conde Don Diego Sarmiento, pai deste actual que o deixou de ser, tiña preto de cento sesenta veciños, entre eles quince nobres, os que máis comerciantes, ministros de xustiza e artesáns. Porén está rodeada de grandes lugares e aldeas, de grandiosas quintas moi provistas de mantementos excelentes, pan, viño, carnes, caza, froitas e peixes de río en abundancia, sábel, lamprea, salmóns e outros variados. Cinco portos de mar, dos mellores da Galiza, que distan dela entre cinco e seis leguas.

Castel-Mellor xa se dera conta, na primeira entrada que fixeran en Salvaterra, da importancia estratéxica da vila, por iso agora que a tiñan no seu poder, resolveu fortificala, tanto polo interese do paso para continuar a conquista da Galiza, como pola comodidade fronteiriza, o ter libre o paso do río. Ocupouse soamente a zona alta da fortaleza e desfíxose todo o arrabalde, onde moraba a maior parte da xente.

A primeira obra da fortificación, foi un baluarte grande que levantou na liña dereita da banda da Galiza para o Norte, que corre de Levante a Poniente, o cal púxoselle o nome de San Xoán Bautista, dende onde se divisaba toda a campaña, a tiro de artillería, ( xa existía nese lado o torreón medieval chamado El Caballero, ben máis alto que a igrexa actual).

Fundou nas extremas da liña dous baluartes, que defenden as dúas faces do baluarte grande, cuxos nomes foron Sta. Isabel e Sta. Engracia. Polo Poniente, que olla para o mosteiro de Sto. Francisco, unha media lúa face a liña do baluarte da banda de Tui, chamado Sto. Antonio. Na liña esquerda, da banda do Sul sobre o Miño, até os pazos que son fortaleza,

fundou a nova porta principal, sobre a que puxo os escudos de armas do Rei con esta inscripción:

“REINANDO EM PORTVGAL O MVITO ALTO, E MVITO PODEROSO REY DOM IOAM O QVARTO, GANHOV ESTA PRAÇA, PERA SVA COROA IOAM RODRÍGVEZ DE VASCONCELOS E SOVSA, CONDE DE CASTEL MILHOR, GOVERNADOR DE SVAS ARMAS DA PROVINCIA DE ENTRE DOVRO E MINHO. AOS 15 DE AGOSTO 1643 ANNOS.”

Cubriu esta porta con unha estacada e puxo o muro defendido desde unha torre dos pazos. Na liña, que vai fronte a vila de Monção, outro baluarte moi forte chamado S. Lourenço, dende onde se defende a pasaxe de dous vaos do río Miño, en medio dos cales fica a vila de Monção. (No tempo do Rei Don Afonso III, Conde que foi de Bolonha, Coimbra 1210 – Alcobaza 1279, mandou este mudar ditos vaos de lugar, de paso máis antigo). Este baluarte defende tamén toda a campiña que vai o longo do río. Por debaixo del vai correndo unha falsa braga ou muro até a porta da vila, que e defendida dende unha torre levantada no castelo vello, chamada Sta. Tareixa.

Deste xeito ficou a praza fortísima, inexpugnável. Merece por elo o Conde de Castel-Milhor o aplauso xeral de todo o Reino e aínda dos estraños, porque a virtude militar e tan nobre que até os inimigos agrada. Comezou e terminou tan ilustre e heroica obra, sen diñeiro e sen axuda algunha, toda de cantería a proba de artillería poderosa, pondo en cada baluarte as armas Reales Portuguesas, e sobre todo tendo a vista e alcance de canón, multitude de homes inimigos da ordenanza galega e tropas escollidas de grande experiencia na milicia. E fíxoo o Conde con só mil cincocentos portugueses, tendo fronte a si, dez mil infantes, mil cavalos, e por Xeneral, o Cardeal Spínola, con excelentes capitáns e soldados vindos dos cuarteis da Coruña, Baiona, Viscaia e mesmo de Flandes.

Salvaterra, 13 de febreiro do 2023

Fontes:

Historia do Portugal Restaurado. Biblioteca Penzol, Vigo.

João Salgado de Araujo, Abade de Pera. Biblioteca Nnal. Lisboa.