
Hai algo máis dun ano pero menos de dous chamoume un señor alporizado para dicirme, a conta da insostible situación do Concello : “las cosas de Porriño se arreglan en Porriño”. Non se arranxaron, só cambiaron: da desidia á festa, cun concello híbrido entre oficina de reparto e externalizador de servizos (simple pagador) e un cruceiro (dos que saen na tele) ou banquete de voda. O Porriño é un photocall, o alcalde un influencer, relacións públicas atento a case todo. E parece que a xente vai estando entretida, cun padriño de cerimonia que vai preguntando polas mesas se todo está ben.
Malia isto, claro que as cousas temos que arranxalas aquí, se queremos e temos claro cales son as importantes e cara onde se quere avanzar. Despois de sete anos de inoperancia e desfeita, dunha pandemia e un ano de hiperactividade e improvisación, a moita xente escorrégalle todo e abandónase á troula, outra non ten ánimo case para erguerse e abrir unha nevera baleira. Con tal situación parece que o consolo que queda é crer, fe cega en marabillosos anuncios, fotos e vídeos que nos regalan (pagamos) dende a casa consistorial.
Que é todo e que é ben? Merecemos máis, algo mellor que señores que anuncian as cousas, outros que lles reprochan cousas que eles non solucionaron cando gobernaban. As típicas declaracións de principios, coas que todo o mundo concorda, e que van fiando algún eslogan con outro. Hai detrás unhas experiencias de goberno que non os avalan, a uns e a outros, pero que muitas veces tapan as siglas.
Votar cada catro anos pedindo que polo menos non rouben, uns mínimos de limpeza viaria, parques decentes, camiños en condicións, saneamento, festas e troula. De verdade aspiramos só a iso, ao mínimo do mínimo? Conformámonos con piche, festa e fotos? Seguro que non se pasamos de espectadores/as a cidadáns e cidadás, mudando o rol de simples seguidores/as e exercendo os nosos dereitos. Urxe abrir canles de participación veciñal. Debe darse a posiblidade de achegar e opinar na medida do que nos apeteza e consideremos axeitado, con procedementos sinxelos. A xente debe poder relacionarse e ser parte do Concello con facilidade, obter respostas claras, rápidas e motivadas, sempre.
Así é como se comeza a deseñar un proxecto de futuro, baseado no esencial, en garantir servicios municipais de calidade e a defensa de condicións de vida dignas. Non podemos desenvolver ningún plan se non temos cimentos sólidos. Os concellos externalizadores son febles, esquilmados e non só e sempre de cartos, que tamén, senón de capacidade e forza e póñense de perfil ante situacións das que son responsables, deixádonos nas mans das empresas adxudicatarias. Hai que ter valentía e firme vontade de empezar a recuperar a xestión directa dos servizos. Non se trata de inventar nada que non se fixera antes noutras cidades e vilas.
Un proxecto de futuro constrúese con programa, programa e programa. Un programa que debulle as medidas concretas para acadalo. Isto require tamén ir petar noutras administracións ou nas direccions dalgunhas empresas para tratar cuestións fundamentais e muitas veces complicadas. Fóra de conversas en petit comité e do Salón de Plenos, un alcalde ou alcaldesa debe ser firme, constante e non engurrarse. Non se pode ir coma chaíñas, hai que porfiar nas nosas demandas diante de quen corresponda.
Non nos conformemos con un xestor de mantemento, un organizador de eventos, un señor que fai vídeos ou manda cartas. Non imos descubrir a pólvora pero si que as cousas do Porriño vanse arranxar: con programa, seriedade e rigor, tendo claro para quen traballamos.