Ás veces non é doado distinguir entre o ben e o mal, entre o que cremos será beneficioso e resulta ser deficiente da satisfacción que agardabamos. Polo contrario, ás veces o que semellaba non desexable, resulta ser e funcionar ben. Nese xogo de equidistancias xogan connosco, nas variadas informacións, sobre todo aqueles que andan na beira do poder. Métennos medo con algo que xa sobradamente coñecemos e cos antagonismos que poidan xurdir para impornos o que estimen contrario ao sentido común, normalmente imposicións excluíntes e reaccionarias que buscan a provocación e o insulto, a dúbida de nós e do que cremos necesario e bo. Certamente a vida está chea de exemplos nos que se nos meteu tanto medo e cautelas, que despois resultaron evidencias no sentido de liberdade. Hai silencios que mancan nos oídos e hai berros que afogan no medio do deserto. No medio de nós, navega a nosa indignación por ver como todo se vai deteriorando, como se perde a certeza no medio de tantas mentiras -que hoxe nomean en inglés, seica para suavizar- e que resultan ser padecementos dunha certa insensibilidade pola nosa parte. Coma se foramos nós os culpables de non sentirnos acumulados á mentira, á rutina de crer sen máis mediación, do fracaso ao que nos trouxeron. Tamén pode ser en parte culpa nosa porque, queiramos ou non, iso da sensibilidade tamén se aprende e vaise educando no transcorrer dos tempos. Mira ti por onde, a grande funcionalidade da Nosa Escola debera ir por aí, por esa sensibilidade capaz de comprender quen somos, onde estamos, a onde imos ou queremos ir. E caemos na conta do importante que é o respecto polo medio e pola Cultura que nos envolve! Deberamos comezar por ese don do auto recoñecemento, de sabernos e satisfacernos no que somos, para despois ampliar cara a onde nos apeteza ou conveña, para comprender os fundamentos da sensibilidade, da creación e recreación, do entendemento. Chegar así a esa intelixencia emocional, tan necesaria, esa que se nos amosa en habilidades de cotexo social e de solidariedade, de distinguir entre o que é bo e o que non é tan bo, o que é malo e o que non é tan malo partindo das nosas asumidas debilidades, que todos temos.
Ai, se así fose! Estariamos preparados para pulir prexuízos e discriminacións, capaces de aceptar outros modelos sociais de comprensión e respecto, de busca e localización dos problemas, de aliviar preocupacións, de valoración das diferenzas, … Mais a mentira e a insensibilidade veñen sendo a moeda de cambio dos tempos que corren. É moita a xente que corre detrás do que lle poñen como guía, que corre cos ollos tapados detrás do que xa lle colocan previamente para que corra. Mandan as modas, os clics, a degradación da vontade, a orixinalidade de non pensar ou madurar ideas, a alienación, a escasa capacidade de resistir a tentación de aceptar o que nos propoñen en grandes campañas de promoción e propaganda. É un modo de hipocrisía social que nos vén habituando a tragar canto nos botan. É o carácter multiplicador da mentira, ese do que tanto se aproveitan para dicirnos que é bo o que eles nos dan, e é malo todo o resto. Son modos de contaminación e corrupción, síntomas de ignorancia e de fracaso humano, modos perniciosos de vendernos ao mellor dador, no desapego da liberdade. Non é que vaiamos, é que nos deixamos ir tras das súas bravatas. As noticias dos medios son a proba da tomadura de pelo. Nós xa sabemos quen defraudou, quen non devolveu o roubado, quen frustrou as posibilidades de crer na xustiza. E que non se ve con Ence, na mesma ría de Pontevedra? Non, está todo bastante ben preparado para que tantos chupópteros sigan negando a nosa credibilidade, non xa nas institucións senón tamén nas persoas que nos queren convencer desde siglas e discursos. Tanto é así, que os maiores mentireiros son e serán aquelas persoas que, en breve, comezarán a prometer e a pedir votos. Nunca cumpriron e agora tampouco! Seguiremos aprendendo a distinguir entre o ben e o mal, intimamente, para non ter que crer directamente as mentiras que nos conten. A xustiza queda todos os días ninguneada en sentenzas deste tipo. Que importa o deterioro da terra! Que importa a pureza da paisaxe! De momento sería bo que moita xente que anda ocupando cargos de responsabilidades e nada ten que aportar, nin aportou, tivese a dignidade de saber que lle chegou o tempo de marchar e, podendo ser, o fixese sabendo que se nos está a facer tarde para moitas cousas que perdemos.
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.