Xosé Emilio Barros alcalde de Mondariz: “Xa están en marcha investimentos por valor de tres millóns e medio de euros”

Xosé Emilio Barros alcalde de Mondariz

A finais de febreiro, o BNG de Mondariz presentou a candidatura de Xosé Emilio Barros coa presenza da portavoz nacional, Ana Pontón. Aínda que non hai listas oficiais para as eleccións de maio, o alcalde nacionalista de Mondariz aspira a un segundo mandato xunto aos concelleiros e ás concelleiras que o acompañan no equipo de goberno para dar continuidade á estratexia de transformación municipal iniciada en 2019.

Tras case catro anos como alcalde de Mondariz, que balance fai desta etapa?

Foi unha etapa dunha intensidade brutal, tanto a nivel político como persoal, máis aínda co esforzo adicional que supuxo a pandemia durante boa parte do mandato. Atreveríame a dicir que o balance político foi moi bo. Chegamos a executar na localidade investimentos por enriba dos tres millóns e medio de euros, que é unha cifra nunca vista neste concello. Esta é a proba ineludible de que estamos facendo un traballo inmenso e altamente produtivo para Mondariz. Somos conscientes de que precisamos máis tempo para asentar todos estes proxectos, pero se falamos de investimentos, o balance é espectacular.

Pensando na campaña electoral de 2019, pode afirmar a día de hoxe que o BNG cumpriu o seu programa político durante este mandato?

Sen dúbida que o cumpriu. Sempre quedan cuestións pendentes, pero logramos emprender un proxecto de transformación para Mondariz, que era o noso obxectivo principal. Este proxecto de transformación precisa de  máis tempo para consolidarse, pero xa se puxeron en marcha medidas que non teñen volta atrás e que van significar un antes e un despois para a localidade. Mondariz ten por diante un futuro prometedor se se promoven políticas axeitadas. Por primeira vez na historia desta localidade, estamos dando pasos nesa dirección.

Que cuestións quedaron pendentes?

Ocórreseme, por exemplo, a cuestión do comedor escolar. A pandemia supuxo un freo para desenvolver traballos nese sentido. Os recursos económicos e humanos non o permiten, ou se require de máis tempo para poder facelo.

Entre as iniciativas que se emprenderon desde a Alcaldía nos últimos catro anos destaca o cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público con fondos europeos. Este investimento en eficiencia e aforro enerxético, valorado en case millón e medio de euros, non contou co apoio unánime da Corporación Municipal e mesmo recibiu críticas de parte da oposición por non ser prudente. Como afronta esta falta de consenso político?

Non ten sentido facer críticas nesa dirección, xa que a folla de ruta a seguir para executar este macro proxecto de modernización da rede municipal de alumeado público está perfectamente trazada polos servizos técnicos. Detrás destes investimentos hai un traballo previo de estudo e planificación pola nosa parte que resulta imprescindible para establecer prioridades estratéxicas e aproveitar oportunidades de financiamento. Ás veces hai que arriscar para emprender investimentos que teñan un verdadeiro impacto a longo prazo. É a única maneira de transformar en positivo e con calidade. O que se facía ata agora neste concello era poñer panos quentes e non solucionar os problemas, así o único que se conseguía era que a localidade esmorecese. Nunca houbo unhas políticas ambiciosas de cara a esa modernización de infraestruturas e servizos públicos tan necesaria. Co cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público, por exemplo, aforraremos un porcentaxe considerable da factura eléctrica do concello. Ese aforro permitirá amortizar o investimento en pouco tempo e desfrutar de mellores servizos. Aquí non hai nada de improvisación.

Tendo en conta que actualmente hai grandes investimentos en marcha que non se visualizarán publicamente ata despois da cita electoral de maio, como o cambio a LED da rede municipal de alumeado público que comentabamos, a ampliación e mellora da senda fluvial de Laredo polo río Xabriña, a rehabilitación da escola unitaria de Redo (Vilar) ou mesmo a solicitude dun PERTE para a dixitalización do ciclo da auga a través da Deputación de Pontevedra, de non continuar na Alcaldía teme que algún partido chegue a apropiarse destes esforzos políticos que non apoiaron desde a oposición?

O importante é que estas iniciativas beneficien a Mondariz. Independentemente do que aconteza no mes de maio, xa están en marcha investimentos por valor de tres millóns e medio de euros. Eu agardo que os veciños e as veciñas de Mondariz lle dean continuidade a un goberno que por primeira vez se manifestou como un goberno maduro, adulto, capaz de tomar decisións, e mesmo decisións arriscadas e transcendentes para a localidade; que a cidadanía devolva esa confianza para asentar todos estes proxectos. Moitos deles xa non teñen retorno, xa non teñen volta atrás, así que de non continuar gobernando soamente nos quedaría a satisfacción do traballo ben feito, o orgullo de ter aportado o maior avance na localidade de Mondariz nas últimas décadas.

Aparte de investimentos, o Goberno municipal emprendeu accións relacionadas coa procura de solo dotacional para usos industrial e turístico e coa humanización de espazos públicos. Cal é o estado de desenvolvemento destes proxectos?

Desde o primeiro momento traballamos en dúas liñas de acción política fundamentais. Unha desas liñas foi a modernización dos servizos públicos máis básicos, como a iluminación ou o abastecemento de auga. Demos pasos importantes na recollida de residuos e na reciclaxe, pero temos estudos realizados e plans definidos para avanzar moito máis. Outra das liñas de acción foi a implantación de infraestruturas para o futuro de Mondariz. Nese sentido, entendemos que a dotación de usos xa non ten retorno e influirá decisivamente no tecido económico, na creación de emprego e no incremento de poboación. Son iniciativas que van mudar a localidade a dez ou vinte anos vista.

A situación do parque empresarial na Lagoa, con todo, segue sendo moi cuestionada por algúns partidos políticos, aínda que xa está aprobada pola Xunta de Galicia.

Son argumentos con pouco peso. Realmente non hai consistencia para defender un criterio maior do que puxo enriba da mesa o Goberno, e que tamén convenceu á Xunta para incorporar este proxecto ao plan de áreas empresariais de Galicia. O que buscamos é un parque empresarial adaptado ao tecido local e que dea cobertura ás localidades de Mondariz e Mondariz-Balneario. Unha localización próxima ao centro urbano é fundamental para garantir o desenvolvemento dese parque. O verdadeiramente transcendente é conseguir dispoñer de solo empresarial, un fito histórico que mudaría o futuro da localidade.

A pesar de ter convocado aos veciños e ás veciñas a encontros co Goberno municipal nas parroquias durante case todos os anos do mandato, sentides que valoran a magnitude dos proxectos que hai en marcha?

Somos un goberno discreto, que non se caracteriza polo marketing e pola fotografía. O feito de realizar este tipo de actividade é un fito histórico. Por primeira vez, un Goberno municipal é quen de espirse diante da cidadanía e contrastar as necesidades que teñen todas e cada unha das parroquias. Sen dúbida, é un exemplo de democratización da vida política.

Cales serían as prioridades políticas do BNG de cara a un segundo mandato?

Sen dúbida, darlle continuidade a ese proceso transformador. Temos moitísimos proxectos en marcha.

Parece que a maioría dos proxectos se centran no centro urbano. Cal é a política municipal respecto das parroquias?

Por primeira vez tratouse ás parroquias desde unha perspectiva de igualdade. Gustaríame destacar que fomos un dos seis concellos de Galicia que realizou un plan municipal de abastecemento autónomo, e que este estudo técnico permitiu coñecer a situación e as necesidades de 31 traídas veciñais de auga. Por primeira vez, as parroquias comezaron a contar de verdade para o Concello.

Ultimamente o Goberno municipal está sendo criticado por non pagarlle ao Concello de Mondariz-Balneario polo servizo de depuración de augas, así como polo estado das súas contas. Como está está situación?

Deixamos de agochar os problemas nun caixón, como se facía antes. Debo recoñecer o intenso traballo que fixo José Luis Fernández como concelleiro de Facenda nesta materia. Fomos quen de afrontar débedas herdadas como as do centro de día, que mesmo chegou a estar en risco pola inacción do Goberno anterior, e débedas históricas como as que se tiñan coas entidades locais menores de Vilasobroso e Queimadelos. Co Concello de Mondariz-Balneario, o que hai é unha débeda ficticia, non é real porque no noso orzamento municipal existen os fondos necesarios para pagar polo servizo de depuración de augas residuais que nos está prestando. O que demandamos, antes de aboar as liquidacións, é que se aclaren certos datos contraditorios para non pagar a cegas, como se ten feito ata agora.

Tendo en conta que o problema de conexión á EDAR de Mondariz-Balneario vén de lonxe. Consideran algún plan B para desenvolver o saneamento en Mondariz?

Hai un plan A, que pasa por facer as cousas correctamente. Ninguén se preocupou diso ata agora. Por poñer un exemplo, ao chegar ao goberno descubrimos que o colector construído en 2015 estaba sen legalizar e que tiñamos que facelo para poder conectar á EDAR instalada en Mondariz-Balneario. Fomos nós os que tramitamos esa legalización. O próximo mandado ten que ser o da resolución definitiva dos problemas de depuración nas marxes do río Tea, o da conexión á estación depuradora, que foi construída no seu momento para 6.000 habitantes equivalentes e que actualmente só cobre as necesidades de 500 veciños e veciñas de Mondariz.

Como afronta a próxima cita electoral, co mapa político de Mondariz altamente fragmentado?

Con tranquilidade, e coa esperanza de que o pobo de Mondariz recoñece que hai un Goberno que pensa e actúa en clave de futuro.