Pontevedra. 12 de xullo de 2019
Crearase unha plataforma única entre o colexio Feliciano Barrera, o cemiterio e a igrexa, e unha ‘zona 30’ para aumentar a seguranza viaria.
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno o expediente de contratación para adxudicar as obras de mellora da mobilidade peonil nas inmediacións da igrexa de Guláns en Ponteareas. Inícianse agora os prazos para que a institución provincial saque a licitación o proxecto, se abra a recepción de ofertas e se contrate á construtora, trámites que deberían estar listos antes do inverno se non xorden complicacións.
A actuación, impulsada polo departamento de Mobilidade provincial, pretende aumentar a seguranza viaria con elementos de calmado de tráfico e unha plataforma única entre os equipamentos, de feito que se habilita unha ‘zona 30’ de velocidade máxima. Darase así resposta ás continuas reclamacións da veciñanza da zona e do alumnado do centro de ensino para rematar coas situacións de perigo para as persoas que pasan camiñando polo ámbito de actuación (un treito de medio quilómetro da estrada provincial EP-4004).
O proxecto de Guláns inclúe a creación dunha nova beiravía na marxe esquerda aproveitando os sobreanchos existentes. No inicio da actuación construirase un paso de peóns sobreelevado, e ao final, cando se chega á zona de equipamentos (igrexa, cemiterio e colexio) habilitarase a plataforma única de prioridade peonil en formigón e franxas de pedra, todo elo nun área de velocidade máxima a 30 quilómetros por hora. Para aumentar a calidade urbana dotarase á zona dunha nova iluminación, substituíndo as luminarias e os báculos existentes por outras novas de maior eficiencia enerxética, así como instalando balizas led no pavimento para marcar a zona de convivencia.
Con esta actuación perséguese priorizar o tránsito peonil con seguridade, especialmente para os colectivos máis vulnerables (peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida) sempre baixo as premisas de buscar un deseño que sexa comprensible, utilizable e practicable por todas as persoas ademais de garantir unha circulación rodada tamén máis segura para os condutores.
O convenio asinado con Ponteareas para esta obra establece que a Deputación de Pontevedra financiará o 80% e o Concello o 20% restante dun investimento total de 382.858,96 euros e inclúe a transferencia da titularidade do treito reformado ao Concello.