
OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA
Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Pontearaeas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.
A primeira pregunta para ti, como estás física e animicamente?
Moitas grazas polo interese, eu encóntrome ben tanto no plano físico como anímico e con toda a vontade de afrontar a situación con firmeza ,e por que non dicilo, cun sorriso de amabilidade e afecto para todos os que o precisen.
Como está a situación xeral do Concello, temos constancia dalgún positivo?
No momento presente, malia os rumores, eu non teño constancia de que exista ningún no nos Concello.
Que está a facer a administración municipal para atender aos segmentos de poboación , máis vulnerables do Concello?
Todos o servizos socias que xa estaban en marcha continúan prestándose, asemade presentamos un regulamento de axudas de emerxencia social que estamos aplicando coa máxima celeridade, ao que destinamos 120.000€ en axudas de todo tipo para a xente que o precise .Por outra parte o servizo de comedor escolar que era de balde para as familias das nenas e os nenos con menos recursos seguímolo mantendo para seguir cubrindo as súas necesidades básicas de alimentación-Ao mesmo tempo, tanto con voluntariado, como cos servizos municipais estamos axudando a aquelas persoas que teñen problemas de mobilidade para achegarlle os alimentos e medicinas a quen o precise.
Estás satisfeito co grado de civismo que está amosando ata o momento a sociedade de Ponteareas?
Enormemente satisfeito, hai excepción claro, pero en liñas xerais o comportamento da sociedade é exemplar.
O confinamento prolongado, pode levar a padecer importantes secuelas psicolóxicas a segmentos importantes da poboación. Algunha mensaxe de esperanza en positivo?
Eu utilizaría un símil deportivo, para lograr un obxectivo importante os equipos ou os deportistas márcanse retos a medio ou longo prazo. Toda a sociedade temos un reto moi importante rematar con isto o antes posible para podermos volver á normalidade, fagámolo, fagámolo, comportémonos con escrupuloso civismo, respectemos as instrucións das autoridades sanitarias e sairemos reforzados como sociedade. Desde logo, o alcalde de Ponteareas e todo o goberno municipal non vai deixar a ninguén tirado, estamos para o que necesite a nosa veciñanza sen ningún tipo de matices.
En cuestión de equipos sanitarios e de desinfección, como estades?
Nos últimos días, través de empresas locais que nos subministraron temos material suficiente para as necesidades municipais, non nos sobra desde logo e aplicamos unha política de aforro e contención moi estrita.
Moitas grazas Pepe, e moita sorte para ti e para toda a veciñanza de Ponteareas