Xosé Manuel Pazos, Alcalde de Cangas

Manuel Pazos A Nova Peneira Alcalde de Cangas

OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA

Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Pontearaeas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.

A primeira pregunta para ti, Pazos, como estás física e animicamente?

Ben, estou traballando e organizando todo o traballo e corpo de persoal, hai moito que facer pero tamén hai moita xente que se está dedicando a axudar aos demais.

Como está a situación a día de hoxe, temos novas dalgún positivo en Cangas?

O problema de responder a iso é que a situación é moi variable, a día de hoxe ( 19/03) coñecemos o caso dun posible positivo, unha persoa nova que está en corentena, neste momento é o único posible caso do que teño coñecemento.

Que medios está a pór o Concello para atender as necesidades das persoas máis vulnerables?

Os casos de emerxencia social atendémolos coa máxima intensidade, e logo puxemos un marche un servizo de voluntariado para atender as necesidades das persoas que non teñen posibilidade de mobilidade, puxemos un teléfono para que quen necesite axuda a pide, e de contado o noso corpo de voluntariado ponse en marcha para prestarlla. Asemade apoiamos ao comedor social e caritas e a todas as asociacións que prestan axuda aos demais. Desde logo que toda a nosa vontade e todos os nosos medios están a dispor de toda a sociedade de Cangas. Asemade apoiamos ao comedor social e caritas e a todas as asociacións que prestan axuda aos demais.

O compromiso cívico necesario para superar isto é elevadísimo, estás satisfeito do nivel de civismo que está a amosar de momento a sociedade Canguesa?.

Na súa inmensa maioría, si. Ti botas unha ollada pola rúas da nosa vila veralas case valeiras. Hai excepcións, desde logo, de feito tivemos que valar, como é público , algunha praia, pero insisto que de forma moi maioritaria o comportamento cívico do noso pobo é exemplar.

Algunha mensaxe en positivo para aquelas persoas que seguro se van ver afectadas psicoloxicamente pola situación de confinamento?

Cangas é un pobo mariñeiro, eles poden pasar meses metidos dentro dun barco, tomemos o seu exemplo, e aguantemos, aguantemos, porque imos saír, e canto máis responsablemente nos comportemos, antes sairemos.

En cuestión de material sanitario e desinfectante como está o Concello?

Agora mesmo estamos ben, fíxate incluso atopamos almacenado da época do prestixe material almacenado, que de momento non imos utilizar, pero que si o fariamos no caso de necesidade despois de comprobarmos que está en estado óptimo. Agardemos que isto non se alongue moito e que non cheguemos a unha situación de carencia.

Moitas grazas Pazos, e moita sorte para ti e para toda a veciñanza de Cangas