A política en Forcarei

Roberto Jorge Correa, concelleiro do BNG no Concello de Forcarei
Roberto Jorge Correa. Concelleiro do BNG

É complicado facer unha valoración da situación política actual do concello de Forcarei e non empezar pedindo perdón á veciñanza polos penosos espectáculos que se dan sesión tras sesión.

Vivimos nunha situación de extrema polarización onde Partido Popular e Partido socialista, Belén Cachafeiro e Verónica Pichel tensan e tensan os plenos, buscando unha polarización que en determinadas circunstancias é unha lambonada cando se busca fidelizar o voto propio, pero que pasado o tempo, se converte nun prato reseso que, estou convencido, ten aburrida a toda a veciñanza do noso concello.

É imposible, nin é a nosa intención, manternos neutrais nesa guerra bipartidista, esiximos se reconduza a situación e se recupere a cordura nos plenos e nas actuacións políticas.

Actuacións políticas que cada vez máis acaban con consecuencias xudiciais, arrastrando ao concello a uns gastos en xuízos que poderían servir para solucionar moitos outros problemas da veciñanza, e non os problemas de PP e PSOE.

Poñamos un par de exemplos, para que a quen interese coñecer a realidade política de Forcarei poida entendernos.

Recentemente o concello de Forcarei ven de ganar unha sentencia contra un particular que denunciaba entradas de auga na panadería que rexentaba. Aínda que poidamos pensar que vale, o concello gañou, a realidade é outra. O concello perdeu cartos, os gastos xudiciais superan ou son moi próximos ao que tivera costado facer o saneamento das augas fecais de dúas vivendas, solucionando o problema e evitado un proceso xudicial.

Esta foi a proposta levada no seu día polo BNG ao pleno e esta é a actitude que esiximos do noso concello.

O segundo exemplo é destes mesmos días, tras unha tramitación chea de plenos roucos, de expulsións, de abandonos do pleno, de actuacións absolutamente desafortunadas vimos de ter coñecemento que a Deputación provincial pide ao concello o reintegro de parte da subvención concedida para a reforma da casa da xuventude no 2022, por un defecto na xustificación da propiedade.

Este foi o argumento esgrimido por Belén Cachafeiro, portavoz do partido popular durante toda a tramitación do proxecto para votar en contra do mesmo unha e outra vez, mentres que dende o goberno municipal, Verónica Pichel asegurounos que a propiedade estaba garantida.

Tal e como dicíamos ao inicio, estamos nunha situación absolutamente polarizada, todo é branco ou negro e cando en política se formula ese escenario, leva a unha situación do todo polo todo.

Ante a reclamación xa firme da deputación, entendo que todos os concelleiros de Forcarei debemos ofrecer a defensa xurídica ao noso concello, pois falamos dunha cantidade superior aos 200.000€ que son importantísimos para as arcas municipais.

Chegados a este punto da xudicialización á que nos leva a polarización política, alguén terá que asumir a consecuencia da decisión xudicial, sexa cal sexa esta.

É unha mágoa que a política derive nisto, pero alá cada quen coa súa maneira de entendela, como portavoz do BNG de Forcarei teño moi claro que esa xamais será a miña maneira de facer política.

Na política, dende o meu punto de vista, é esencial evitar conflitos no posible, son da opinión de que vale máis un mal acordo ca un bo xuízo. Son da opinión de que hai que falar, falar e falar con absolutamente todos os compañeiros que dende as distintas ideoloxías están no pleno do concello ou en calquera institución.

Na política estamos de paso e xa que estamos de paso, deixemos pegadas bonitas.

Seguiremos a traballar para tentar conseguir o máximo de todas as administracións. Administracións nas que tras as últimas eleccións o BNG conseguimos medrar moitísimo en representación, e así, temos a primeira deputada nacionalista da comarca, Ariadna Fernández, coa que xunto con todos os demais representantes dos distintos partidos da nosa zona, traballaremos para que Forcarei medre. Eso é a política.